Quadi
Os cuados (latín m. quadi) foron un pobo xermánico occidental, quizais de orixe xermano-céltica, coñecido esencialmente grazas ao historiador romano Tácito.
Historia e características
editarDurante moito tempo confundíronse os suevos cos cuados, en razón dunha confusión co termo «suabo». En realidade, os cuados deben ser postos en relación cos seus máis próximos veciños xermánicos, os marcomanos, cos que compartiron numerosos combates contra Roma.
A orixe exacta dos cuados é descoñecida. Establecéronse moi cedo na actual Morava. Tácito (Germania, XLII, 1), sitúaos así:
- «A carón dos hermunduros, viven os naristos e, a continuación destes, os marcomanos e os cuados. A gloria e o poderío dos marcomanos constitúen a súa superioridade, así como os eu territorio, que adquiriron pola súa bravura ao expulsaren hai tempo aos boios. Os naristos e os cuados non se mostran indignos. Forman de certo xeito a fronte da Xermania de lado a lado sobre toda a ribeira do Danubio.»
Rapidamente, convertéronse ao que semella en aliados recalcitrantes de Roma. Así, na época de Augusto, o futuro rei dos marcomanos, Maroboduo, estivera como refén na súa xuventude. Do rei dos cuados citado por Tácito, Tuder, ignórase todo. En todo caso, mantiñan unha «alianza» difícil con Roma baixo Domiciano, sobre o 80. Rexeitaron fornecer a este emperador tropas auxiliares contra os dacios. Por esta época (a data é insegura), destruíron unha lexión romana. Igualmente fixeron fronte ás tropas do Emperador nunha campaña que se revelou desastrosa para Roma, no 89.
No século II, os cuados expulsaron os dacios que, establecidos ao sur da actual Eslovaquia, foran sometidos por Roma a finais do século anterior. Os cuados exerceron daquela unha presión constante sobre o limes danubiano cos seus veciños do sur (a saber, outro pobo xermánico establecido no baixo Danubio) os marcomanos.
Tras traspasaren o Danubio en 167, e topando despois coas tropas romanas, volveron atravesar o río en 168, despois de solicitar a paz a Roma. Ameazando de novo as fronteiras do imperio, foron vencidos no seu propio territorio por Marco Aurelio en 169, nunha coalición desgraciada cos marcomanos. Sometidos durante un tempo, rebeláronse en 177.
No século III, os cuados, xunto cos carpos, son vencidos de novo por Filipo o Árabe (en 247).
No verán de 375, son vencidos por Valentiniano I que, ademais, morrería dun ataque de cólera contra os seus embaixadores, en novembro do mesmo ano.
A finais do século IV aparece unha nova ameaza: o imperio huno somete ou dispersa aos cuados, como a numerosos pobos xermánicos, causando a fase maior das Grandes invasións sobre o Imperio Romano de Occidente. Así, en 406, algúns cuados atravesan o Rin canda os vándalos. séguennos alén dos Pireneos en 408, antes de conquistar a actual provincia de León e de fundar un reino na Galiza: o reino suevo.
Finalmente, desaparecida nos tempos do imperio de Atila (ata o 453), a presenza dos cuados — e máis xeralmente dos xermanos — no Danubio remata cando os eslavos se instalan na rexión.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Tácito sobre os cuados (tradución ao francés da Germania na páxina da Bibliotheca Classica Selecta – BCS) Arquivado 17 de xaneiro de 2006 en Wayback Machine.