Nuclease
Unha nuclease é un encima que pode cortar os enlaces fosfodiéster que unen os nucleótidos que forman os ácidos nucleicos. En publicacións antigas tamén se lles daba o nome de "polinucleotidases" e "nucleodespolimerases".[1]
As nucleases divídense en dous grandes tipos, segundo onde corten o ácido nulceico, que son as endonucleases e as exonucleases, aínda que hai algunhas que teñen unha actividade que podería encadrarse nos dous grupos. As exonucleases cortan os enlaces fosfodiéster empezando polos extremos dos ácidos nucleicos. As endonucleases cortan ditos enlaces no interior da molécula. Segundo corten o ADN ou o ARN denomínanse desoxirribonucleases ou ribonucleases, respectivamente.
Polo seu mecanismo de acción as nucleases clasifícanse como hidrolases, e están dentro do grupo das esterases (clasificadas cos números EC do 3.1.11 ao 3.1.31).
Algunhas nucleases cortan o ADN en sitios específicos onde hai determinadas secuencias de ADN, que o encima recoñece. Así funcionan as endonucleases de restrición bacterianas. Estes encimas recoñecen unha secuencia específica para cada encima, e cortan o ADN en todos os puntos nos que se encontre dita secuencia, fragmentándoo. O corte pode ser recto ou poden formar extremos cohesivos (con curtos extremos monocatenarios complementarios que sobresaen. Son moi utilizados en biotecnoloxía. Un exemplo é a nuclease EcoRI da bacteria Escherichia coli, que ten a seguinte secuencia de recoñecemento e realiza o seguinte corte:
Encima | Fonte | Secuencia de recoñecemento | Corte |
---|---|---|---|
EcoRI | Escherichia coli | 3'CTTAAG |
3'---CTTAA G---5' |
Os encimas de restrición foron descubertos na década de 1960 cando Stuart Linn e Werner Arber illaron dous tipos de encimas responsables da restrición do crecemento de fagos na bacteria Escherichia coli.[2][3] Un dos encimas metilaba o ADN e denominouse metilase, e o outro clivaba o ADN non metilado en puntos concretos e denominouse nuclease de restrición".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Avery, O.T., MacLeod, C.M., McCarty, M. (1944). Studies on the chemical nature of the substance inducing transformation of pneumococcal types: Induction of transformation by a desoxyribonucleic acid fraction isolated from Pneumococcus type III. J. Exp. Med. 79: 137-158.
- ↑ Linn S., Arber, W. (1968). Host specificity of DNA produced by Escherichia coli, X. In vitro restriction of phage fd replicative form. Proc. Natl. Acad. Sci. USA. 59:1300-1306
- ↑ Arber, W., Linn S. (1969) DNA modification and restriction. Annu. Rev. Biochem. 38:467-500
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Endonuclease
- Exonuclease
- Encima de restrición
- Proba de protección de nuclease
- Nuclease dedo de cinc
- Nuclease micrococal
- Nuclease S1
- Nuclease P1
- HindIII, EcoRI
- Endonuclease homing
- Dominio PIN