Patente

dereitos exclusivos garantidos ao inventor dun novo produto

Unha patente é un conxunto de dereitos exclusivos garantidos por un goberno ou autoridade ó inventor dun novo produto (material ou inmaterial) susceptible de seren explotado industrialmente ou ben ó solicitante desa invención (como representante, por exemplo) por un espazo limitado de tempo (xeralmente 20 anos dende a data da aprobación). Este termo deriva do latín patens, -entis, que orixinalmente tiña o significado de estar aberto, ó descuberto (á inspección pública) e da expresión letras patentes, que eran decretos reais que garantían dereitos exclusivos a certos individuos ou negocios. Segundo a definición orixinal da palabra, unha das finalidades da lexislación sobre patentes é a de inducir ó inventor a revelar o coñecemento para o avance da sociedade a cambio da exclusividade durante un período limitado de tempo. Logo unha patente é un garante dun monopolio de explotación da idea ou aparello por un certo tempo.

Patente neerlandesa de 1923.

Dereitos garantidos e dereitos non garantidos

editar

Os sistemas modernos de patentes proporcionan o dereito de excluír ós demais de crear, usar, vender, comerciar ou importar o produto patentado. Xeralmente fanse respectar mediante leis civís ou contratos de aceptación de licenza. Por outra banda, os gobernos resérvanse o dereito de anular ou suspender a patente á vontade.

Unha solicitude de patente debe explicar como poñer en práctica (isto é, construír e/ou usar) o invento e debe incluír unha descrición que poña de manifesto o seu carácter innovador. O estilo lingüístico das descricións varían moito dun país a outro e adoitan ser longas e complexas.

Leis de patentes

editar

Nestes momentos hai un número significativo de tratados internacionais sobre leis que afectas ó sistema de patentes. O máis estendido é o da Organización Mundial do Comercio (OMC) (World Trade Organization, WTO) denominado Acordo sobre os aspectos comercias dos dereitos de propiedade intelectual (Agreement on Trade-Related Aspects of Intellectual Property Rights), do que forman parte case todos os países, o que leva a unha harmonización significativa das leis de patentes en todo o mundo.

As patentes son, pola súa natureza, territoriais, polo que para obter dereitos de patente en múltiples países é preciso presentar a correspondente solicitude en cada un deles. En Europa, o procedemento de solicitude de patentes realízase de forma centralizada a través da Oficina Europea de Patentes, e, de resultar concedida, será válida en todos os países integrantes da Unión Europea.

Proceso de análise e trámites de aprobación

editar
 
Figuras descritivas dunha prótese dental nunha patente concedida en Boloña no ano 1961.

Antes de que un produto determinado sexa aprobado como patente ten que ser avaliado por un experto en patentes. Algúns países non examinan solicitudes de patentes de xeito formal, e outros aceptan o xuízo doutras autoridades externas (por exemplo, algúns países poden garantir automaticamente unha patente se os Estados Unidos, a Unión Europea ou o Xapón a aprobaron previamente).

Os trámites administrativos típicos son:

  1. O solicitante ten que encher unha solicitude de patente.
  2. Revisión do examinador, incluíndo negociacións cos solicitantes para modificar o estilo lingüístico da descrición.
  3. Publicación para permitir oposición, isto é, ábrese un período de tempo no que outras empresas e inventores poden atacar a patente proposta. Isto non existe no sistema de patentes dos Estados Unidos.
  4. Aprobación da patente se os estándares se cumpren.

As características técnicas e conceptuais máis específicas do proceso de avaliación son:

  1. Verificar que a solicitude que se reclama se refire a un obxecto susceptible de ser patentado.
  2. Cada solicitude de patente debe referirse só a unha única invención.
  3. A descrición do obxecto patentable ha manter a corrección formal, isto é, ser gramaticalmente correcto, estar ben descrito e non conter ambigüidades.
  4. Debe ser unha utilidade ou ter aplicacións industriais.
  5. Ha constituír unha novidade.
  6. Ha ser unha contribución real, non obvia.

Os diferentes sistemas de patentes usan termos distintos e diferentes estándares para estes conceptos, dos que os máis importantes son: obxecto susceptible de ser patentado, novidade e non obviedade.

Véxase tamén

editar