Software libre
O software libre (en inglés free software)[1][2] é o software que se distribúe con condicións nas súas licenzas que garanten que calquera usuario, e para calquera fin, poida empregar, estudar, modificar e publicar o software con novas modificacións.[3][4][5][6][7] A liberdade que as licenzas lle dan o usuario son tanto a de poder obter o software de xeito gratuíto como a de cobrando o custo da súa distribución, mais sempre se garanta o acceso ao código fonte sen ningún tipo de restrición.[7]
Exemplos de software libre son: Darktable, Libreoffice e Gimp.
Malia que o termo en inglés free software xa se tiña empregado sen unha definición en particular antes, dáselle o crédito a Richard Stallman de introducilo co lanzamento do movemento do software libre, cando comezou o proxecto GNU en 1983. O proxecto GNU foi unha iniciativa de colaboración para crear un sistema operativo desenvolto por unha comunidade dun xeito aberto e que tivo éxito no inicio da computación.[8][9]
Alternativas e o contexto
editarO software libre distínguese do:
- software privativo, no que os usuarios non poden acceder ao código da aplicación, nin modificalo nin compartilo. Só se lles ofrecen ficheiros compilados para a instalación. Como exemplos están Microsoft Office, Google Docs ou o iWork de Apple.
- freeware, que é tan só unha clase de software privativo e que non pide facer un pagamento para usalo. O seu código fonte segue estando, polo xeral, inaccesible.
Os autores precisan darlles unha licenza libre ao software que eles crearon para que a lexislación do copyright as ampare como tal. Con esas licenzas, os autores danlle os permisos para que cumpran a definición de libre. No caso de que o software non estea baixo restricións de lexislación de copyright, precisan de estar no dominio público e sen restricións para que poidan considerarse libres.
O software privativo, incluído o freeware, usa licenzas de software ou as EULA (un "acordo de licenza co usuario final") que restrinxen o seu uso e que, polo xeral, bloquean o acceso ao código fonte. Non lles garanten aos usuarios a posibilidade de cambiar o software. Polo tanto, precisan de que o editor do software lles ofreza actualizacións do software, axuda ou calquera outro tipo de soporte. Polo xeral os usuarios deste software non fan enxeñaría inversa, modificacións do software nin o redistribúen.
Outros aspectos técnicos, como as patentes de software e a xestión dos dereitos dixitais asociadas ao software, poden impedirlle aos usuarios de exercer os seus dereitos. Nese caso ese software non ser cualificado como software libre.[11] O software libre créano dun xeito colaborativo programadores voluntarios ou empresas, tanto con finalidades sen ánimo de lucro como con fins comerciais.
Historia
editarDesde a década do 1950 ata ao comezo da década do 1970, era común entre os usuarios de computadores desfrutar das liberdades do software libre xa que ata daquela íanse publicando no dominio público.[12]
O software polo xeral compartíase entre as persoas que empregaban os primeiros computadores e polos fabricantes de hardware, que agradecían que houbese desenvolvedores dándolle utilidade aos computadores que fabricaban. Naquela hora había compañías e grupos de usuarios que se dedicaban a facilitar o intercambio de software. Polo xeral, o software estábase escribindo en linguaxes de interpretación como BASIC e o código fonte distribuíase para empregar como software. O software tamén se distribuía impreso, como se fose documentación, ou en libros e revistas de alta tiradas.[13]
Ao comezo dos 1970 o panorama comezou a mudar. Os custos ían incrementando e as compañías de desenvolvemento de software comezaron a competir cos produtores de hardware. Estes últimos incluían software preinstalado, alugaban tecnoloxía con software sen que ese custo revertese nos desenvolvedores de software. Tamén pasaba cos usuarios finais, porque eses eran quen de implementar software no hardware e preferían non ter custos asociados a software incluídos no hardware que compraran. Nun litixio de Estados Unidos vs. IBM presentado en xaneiro de 1969 resolveuse que o software integrado no hardware era unha práctica anticompetitiva.[14]
Aínda que a meirande parte do software seguía a ser libre, estaba a comezar o mercado de produción de software destinado só a venda. Entre o 1970 e comezos dos 1980, a industria do software comezou a usar medidas técnicas (como só distribuír binarios ou instaladores de aplicativos) para evitar que se lles estudase os seus produtos ou que se adaptasen. En 1980 estendeuse a lei do copyright ao software.
1980s: A fundación e o proxecto GNU
editarEn 1983 Richard Stallman, un dos desenvolvedores iniciais de Emacs e un membro histórico da comunidade de hackers do laboratorio de Intelixencia Artificial do MIT, anunciou a creación do proxecto GNU. Fíxoo coa intención de producir un sistema operativo completamente libre, similar a UNIX e que non tivese ningún software con licenza privada. Comezou este proxecto pola súa frustración ante os cambios no mundo da computación, que se encamiñaban cara a licenzas restritivas que prohibían compartir o software para lucro persoal. Eses feitos ían en contra da ética hacker. O desenvolvemento do sistema operativo GNU comezou en xaneiro de 1984 e a Free Software Foundation (FSF) fundouse en outubro de 1985. Desenvolveu a definición de software libre e o concepto de "copyleft" coa finalidade de garantir a liberdade do software para todas as persoas. Un artigo de marzo de 1985 titulado o Manifesto de GNU reflectiu estas ideas que motivan o movemento, a filosofía atrás del, e da definición do software libre e das ideas do copyleft.
Algunhas industrias fóra do software comezaron daquela a empregar técnicas similares para desenvolver as súas investigacións e procesos de desenvolvemento. Un caso foron os procesos de desenvolvemento abertos do hardware de microchips liberados con licenzas copyleft, como foron as do proxecto "OpenCores". O proxecto da Creative Commons e o movemento da cultura libre estiveron influenciados por este movemento do software libre.
1990s: o lanzamento do Kernel de Linux
editarO kernel de Linux comezouno a desenvolver Linus Torvalds e liberouno en 1991. A primeira licenza foi algo restritiva, mais na súa versión de febreiro de 1992, a 0.12, o kernel liberouse coa licenza GNU General Public License.[15] Este lanzamento tivo importancia entre os programadores voluntarios. FreeBSD e NetBSD (que derivaron de 386BSD) foron outros dous sistemas operativos liberados en 1993 cando se remataron os litixios coa compañía "USL v. BSDi". De NetBDS xurdiu unha modificación do proxecto en 1995: a OpenBSD. Tamén en 1995 comezou o "Servidor HTTP Apache", chamado de costume Apache, e liberouse coa licenza Apache 1.0.
Definición e as catros liberdades
editarA primeira definición formal do software libre publicouna a FSF en febreiro de 1986. Esa definición, escrita por Richard Stallman, segue a ser a que define cal é o software libre. Establece que se deben cumprir os seguintes requisitos:[16]
- Liberdade 0: a liberdade para executar o programa e para calquera propósito.
- Liberdade 1: a liberdade para estudar o seu funcionamento e adaptalo ás necesidades do usuario.
- Liberdade 2: a liberdade para redistribuír copias do programa.
- Liberdade 3: a liberdade para mellorar e distribuír copias da versión modificada do programa para que se beneficie delas o público xeral.
A liberdades 1 e 3 implican que o código fonte do software ten que estar dispoñible e sen restricións. Estudar e modificar software sen o código fonte pode ser case imposible. A numeración das liberdades comeza con cero (ademais de por seguir a numeración de dalgunhas linguaxes de programación) porque esa primeira liberdade 0 non se incluíra na primeira definición. Engadiuse con posterioridade por ser importante na filosofía do software libre.
Con isto garántese que os usuarios dos computadores poidan ter a liberdade de empregar o software que queiran, como o queiran, e de colaborar cos desenvolvedores a melloralo. Isto é, que como di a FSF, que ademais da gratuidade para acceder ao código fonte do software, sen restricións, o "software libre é unha cuestión de liberdade, non do prezo".
A finais de 1990s outros grupos crearon outras definicións similares. Caben destacar as "Guías de software libre de Debian" publicadas en 1997 e a definición de código aberto da Open Source Definition publicada en 1998. As distribucións baseadas en BSD, como FreeBSD, OpenBSD, e NetBSD, non teñen as súas propias definicións de software libre. Adoitan aceptar licenzas libres máis permisivas, que permiten que o software se empregue como se queira sen a obriga de fornecer o código fonte. A visión deste grupo é que esta posibilidade fai aínda máis libre o software con esas licenzas. As licenzas MIT ou a licenza Apache son bastantes parecidas en intencións e implementación.
FLOSS
editarO termo free software ("software libre") resulta ambiguo en inglés, posto que a palabra free pode significar tanto "libre" coma "gratuíto". Así mesmo, adóitanse empregar open source software, software de código aberto, como sinónimo de software libre. Porén, non todo o software de código aberto se libera garantindo as catro liberdades do software libre. Por este motivo ás veces empréganse en inglés os termos FLOSS (Free Libre Open Source Software) ou FOSS (Free Open Source Software), ou libre software para referirse ao software libre.
Licenzas
editarTodas as licenzas que se poden considerar libres son as que cumpren os requisitos anteriores. Á meirande parte do software libre outórgaselle algunha dunha ducia de licenzas. As máis populares son[17][18][19][20]:
- A licenza Apache
- As licenzas BSD
- A licenza pública de Eclipse
- As GNU General Public License (GPL)
- A GNU Lesser General Public License (LGPL)
- A licenza MIT
- A licenza pública de Mozilla (MPL)
- A Microsoft Public License (MS-PL)
Tanto a Free Software Foundation (FSF) como a Open Source Initiative (OSI) publican listados de licenzas que son compatibles coas súas propias definicións de software libre e de software de código aberto, respectivamente. A lista da FSF é unha guía, e pode haber licenzas libres segundo as súas directrices que non teñan catalogas. A OSI, pola contra, segue un proceso de avaliación e aprobación das licenzas baixo as súas definicións. É pouco frecuente que unha licenza que sexa compatible coa FSF non siga as definicións da OSI. Segundo a FSF, as licenzas libres listadas antes garanten parcial ou totalmente os dereitos anteriores. Algunhas das "licenzas BSD" si cumpren todas as súas definicións, as "licenzas de Mozilla" posteriores á 2.0 tamén, e a "Microsoft Public License" e as "licenzas Eclipse" só as cumpren en parte.
A combinación de código de proxectos con diferentes licenzas pode resultar en conflitos técnicos da lexislación. A conexión indirecta entre as aplicacións é unha estratexia común para evitar estes problemas.
Hai diferentes categorías de software libre:
- De dominio público: a licenza de copyright deste software xa se esgotou ou o seu autor, baixo unha instancia escrita e naqueles países onde a lexislación llelo permita, liberou a dominio público a súa obra. Xa que estas obras carecen da protección de copyright, pódense incluír en calquera obra, como software, tanto libre como privativa.
- De licenzas permisivas, ou licenzas do estilo BSD, que non impoñen restricións na forma de distribución das obras. Os autores manteñen o copyright, manteñen a obriga de que sexan citados nas obras modificadas pero permiten a súa redistribución e calquera tipo de modificación, incluso en software privativo. Neste sentido, as licenzas permisivas favorecen que se cree software privativo con ese código, pois facilitan a súa incorporación sen custos asociados. Xa que isto é incompatible co espírito do software libre son polo xeral consideradas como licenzas menos libres que as de copyleft. A licenza MIT pódese incluír dentro desta categoría.
- De licenzas copyleft, entre as cales destacan as licenzas GNU General Public. Con elas o autor mantén o copyright e permite a distribución sen restricións da súa obra, sempre baixo a mesma licenza. Os engadidos e as modificacións que lle fagan outros autores teñen que seguir a filosofía de compartila baixo a mesma licenza copyleft. Estas licenzas considéranse proteccionistas, protectoras e recíprocas: danlle liberdade aos usuarios pero manteñen o software como libre evitando que se converta en software privativo. Entre estas están a licenza LGPL, que xorde cun propósito específico e é algo menos restritiva que a GPL, e GNU FDL, para usar coa documentación de software.
Notas
editar- ↑ Proxecto GNU. Free Software Foundation, eds. "What is Free Software".
- ↑ Internet Hall of Fame (eds.). "Richard Stallman - Internet Hall of Fame". Consultado o 20 de outubro 2017.
- ↑ GNU Operating system (eds.). "Phylosophy - Free Software Movement (gnu.org)".
- ↑ GNU Operating system (eds.). "Philosophy of the GNU Project - Free Software Movement (gnu.org)".
- ↑ Free software foundation (fsf.org) (eds.). "What is free software".
- ↑ GNU Operating system (eds.). "Selling Free Software - Free Software Movement (gnu.org)".
- ↑ 7,0 7,1 Richard M. Stallman; Lawrence Lessig (Introdución) (Decembro de 2004). Traficantes de Sueños, eds. Software libre para una sociedad libre (versión 1.0 ed.). Consultado o 21/10/2017.
- ↑ Levi, Ran. Curious Minds Podcast, eds. "Richard Stallman and The History of Free Software and Open Source" (en inglés).
- ↑ Amit Garg, Ryan Burdett, Ishaan Shastri, Evan Parker. "GNU". cs.stanford.edu.
- ↑ Rosen, David (16/06/2010). Wolfire Games, eds. "Open-source software is not always freeware".
- ↑ Sullivan, John (17/08/2008). Free Software Foundation (fsf.org), eds. "The Last Mile is Always the Hardest".
- ↑ Shea, Tom (23/06/1983). InfoWorld, eds. "Free software - Free software is a junkyard of software spare parts".
"In contrast to commercial software is a large and growing body of free software that exists in the public domain. Public-domain software is written by microcomputer hobbyists (also known as "hackers") many of whom are professional programmers in their work life. [...] Since everybody has access to source code, many routines have not only been used but dramatically improved by other programmers."
- ↑ Ahl, David. "David H. Ahl biography from Who's Who in America".
- ↑ Fisher, Franklin M.; James W., McKie; Mancke, Richard B. (1983). Praeger, eds. IBM and the U.S. Data Processing Industry: An Economic History. ISBN 0-03-063059-2.
- ↑ Kernel.org (eds.). "Release notes for Linux kernel 0.12".
- ↑ fsfe.org (eds.). "Four Freedoms - FSFE".
- ↑ "Top 20 licenses". Black Duck Software. 19 November 2015. Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2016. Consultado o 19 November 2015.
1. MIT license 24%, 2. GNU General Public License (GPL) 2.0 23%, 3. Apache License 16%, 4. GNU General Public License (GPL) 3.0 9%, 5. BSD License 2.0 (3-clause, New or Revised) License 6%, 6. GNU Lesser General Public License (LGPL) 2.1 5%, 7. Artistic License (Perl) 4%, 8. GNU Lesser General Public License (LGPL) 3.0 2%, 9. Microsoft Public License 2%, 10. Eclipse Public License (EPL) 2%
- ↑ Balter, Ben (2015-03-09). "Open source license usage on GitHub.com". github.com.
"1 MIT 44.69%, 2 Other 15.68%, 3 GPLv2 12.96%, 4 Apache 11.19%, 5 GPLv3 8.88%, 6 BSD 3-clause 4.53%, 7 Unlicense 1.87%, 8 BSD 2-clause 1.70%, 9 LGPLv3 1.30%, 10 AGPLv3 1.05%
- ↑ whitesourcesoftware.com, eds. (1/1/2017). "Top 10 Open Source Software Licenses of 2016 and Key Trends". Arquivado dende o orixinal o 22/10/2017. Consultado o 21/10/2017.
- ↑ Open Source Iniciative (eds.). "Licenses & Standards".
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Software libre |
Bibliografía
editar- Jordi Mas i Hernàndez, tradución o galego Daniel Romero e Ana Salgado (2007). Software libre: Tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto (PDF). Biblos. pp. 131 páx. ISBN 84-935062-2-2. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de xuño de 2012. Consultado o 12 de xaneiro de 2010.