Aretha Franklin
Aretha Louise Franklin, nada o 25 de marzo de 1942 en Memphis, e finada en Detroit o 16 de agosto de 2018[1], foi unha cantante de soul, R&B e gospel. Recibiu o alcume de «Lady Soul» (a dama do soul) ou «Queen of soul» (a raíña do soul), e foi unha das artistas máis influentes na música contemporánea, ostentando o posto número un da lista dos 100 cantantes máis grandes de todos os tempos da revista Rolling Stone.[2] A mediados da década de 1960 consolidouse como estrela feminina do soul, algo que favoreceu os dereitos raciais e das mulleres nos Estados Unidos. En 1987, Franklin converteuse na primeira muller en entrar no Salón da Fama do Rock.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla dun predicador baptista, con catorce anos cantaba na igrexa coas súas irmás Carolyn e Erma. Coñeceu e recibiu influencias das estrelas do gospel Clara Ward e Mahalia Jackson. Entre 1956 e 1960 dedicouse unicamente a cantar gospel. El 1960 contratouna Columbia Records, onde gravou cun estilo no que non acababa de encaixar, e o disco co que tivo máis éxito neste selo foi Rock-a-bye Your Baby with a Dixie Melody. En 1966 pasou a Atlantic Records volvendo ao estilo R&B e gravando o seu primeiro grande éxito, do que se venderon máis do millón de exemplares: I never loved a man (The way I love you) composto por Ronnie Shannon onde Aretha cantaba e tocaba o piano. A súa carreira musical continuou con material orixinal e versións doutros compositores, como: (You make me feel like) A natural woman, de Gerry Goffin e Carole King, I say a little prayer de Burt Bacharach e Hal David, Eleanor Rigby, de The Beatles, Border song (Holy Moses), de Elton John, Bridge over troubled water, de Simon and Garfunkel ou Until you come back to me (That's what I'm gonna do), de Stevie Wonder. En 1980 pasou á discográfica Arista onde co seu primeiro álbum, titulado Aretha, e a canción, "United together", chegou ao "top ten". O dueto con George Michael I Knew You Were Waiting For Me foi tamén un grande éxito. No cinema participou nos filmes Os Blues Brothers (1980) e Blues Brothers 2000 (1998).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Muere Aretha Franklin". Faro de Vigo (en castelán). 16 de agosto de 2018.
- ↑ (en inglés) Ficha en Rolling Stone: «100 Greatest singers of all time» Rolling Stone, consultado o 6 de xaneiro de 2011.
- ↑ Ficha biográfica Rolling Stone, consultado o 1 de marzo de 2013.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Aretha Franklin |