Saltar ao contido

Batalla da fraga de Teutoburgo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla da fraga de Teutoburgo

Data: circa 11 de setembro de 9 (2015 anos)
Lugar: Fraga de Teutoburgo
Resultado: Vitoria xermana e fin da expansión romana máis aló do Rin
Combatentes
Tribos xermanas (Cherusci, Marsi, Chatti, e Bructeri) Imperio Romano
Comandantes
Arminio Publio Quintilio Varo
Forzas en combate
Descoñecidas (quizais 20 000) Tres lexións. Uns 18 000 entre lexionarios e auxiliares.
Efectos
Mortes: Descoñecidas Mortes: 18 000
Feridos: b Feridos: v
Efectos sobre civís
Mortes: v
Feridos: v

A batalla da fraga de Teutoburgo foi un encontro armado que tivo lugar no outono do ano 9 entre unha confederación de tribos xermánicas, acaudillados por Arminio, e tres lexións romanas (a Lexión XVII, a XVIII e a XIX) comandadas por Publio Quintilio Varo, gobernador da provincia Xermania Magna, que se estendía até o río Elba. Entre os romanos coñecíase como clades uariana (o desastre de Varo).

Marco histórico

[editar | editar a fonte]

A conquista da Galia por Xulio César estableceu o Rin como a fronteira do poder romano, e así permaneceu durante unhas cantas décadas mentres seguían as guerras civís do final da República. Non foi ata despois da batalla de Actium e o establecemento do principado de Augusto, cos problemas internos solucionados, que Roma vai volver interesarse polos pobos veciños ás diversas fronteiras do imperio.

Xulio César xa atravesara o Rin, durante a guerra das Galias, para facer operacións de castigo contra algunhas tribos xermánicas, pero non intentara conquista ningunha máis aló do río. Augusto, cunha Galia xa practicamente integrada no imperio, vai decidir ampliar o raio de influencia romano máis alá do Rin, seguramente por causa das continuas incursións de diversas tribos xermánicas e da derrota de Marcus Lollius por algunha destas o ano 16 aC.

Á derrota de Lollius seguen campañas con éxito que van poñer efectivamente a froteira do imperio no Elba (Albis). Druso e Tiberio van ser en boa medida os responsables militares destas campañas. Cara ao ano 1 dC boa parte da Germania Magna estaba baixo control efectivo dos romanos, especialmente a zona entre o Rin e o Weser (Visurgis). Xa se comezara a crear algúns campamentos militares e establecementos romanoxermánicos relativamente lonxe do Rin e ben ao interior da Xermania, por exemplo o caso de Waldgirmes é significativo, as escavacións realizadas a partir de 1997 mostran que non era só un campamento militar, senón tamén unha verdadeira colonia de fundación recente. Aparementemente os romanos estaban comezando a establecer un centro administrativo a partir do cal se organizaría a recentemente conquistada provincia de Xermania.

Chegada de Varo e Arminio a Xermania

[editar | editar a fonte]

Nesta situación, nalgún momento antes do ano 7 dC, Augusto nomea a Publio Quintilio Varo gobernador de Xermania (legatus augusti pro prætore). Varo fora cónsul do ano 13 aC xuntamente con Tiberio e despois gobernador de Siria, onde efectuara con éxito algunhas campañas militares. A política de romanización, que estaba nos seus inicios, parece que funcionara máis ou menos ben, pero semella que Varo quería chegar demasiado lonxe.

Máis ou menos pola mesma época chegaba a Xermania Arminio, o fillo de Seximero, xefe dos queruscos (cherusci), tribo xermánica asentada na zona da actual Hánover, que fora levado como refén xunto co seu irmán Flavus, e que servira como prefecto (præfectus) nalgunha unidade de cabalaría co rango de cabaleiro (eques). Cara ao ano 7 volveu á súa terra e atopouse coa situación creada polo novo gobernador, especialmente dura para o seu pobo.

A revolta

[editar | editar a fonte]

Nalgún momento do ano 9 dC Arminio decidiuse sublevarse contra o proceso de incorporación da Xermania ao imperio. O proceso que vai conducir á revolta vai ser lento, e vai ter en contra a opinión de seu pai e outros nobres xermanos. No inicio das hostilidades tiña do seu lado tres tribos, queruscos, chattis e marsios. Cando o conflito se volva contrario aos romanos outras tribos únense ao ataque. Non se sabe con certeza o número de homes e tribos envolvidas, pero si que cando menos unha tribo, os marcomanos, permaneceu neutral durante a batalla.

Arminio deseñou un plan para afastar os romanos das súas fortificacións e levalos a unha zona que favorecese o ataque dos xermanos; ao mesmo tempo os campamentos romanos ao norte do Rin serían atacados. A Varo foille enviado un informe sobre a revolta dunha tribo que se sublevara no norte, de xeito que se viu obrigado a saír do campamento onde estaba estacionado coas súas lexións para pasar o inverno, tendo que percorrer unha longa distancia, atravesando a fraga de Teutoburgo (unha área de aproximadamente 100 km de lonxitude entre as actuais localidades de Osnabrück e Paderborn). A zona estaba cuberta dun bosque moi frondoso, un sotobosque moi mesto e moitos pantanos difíciles de atravesar. A orografía do terreo dificultaría enormemente o despregamento efectivo das lexións e permitía ataques rápidos e posteriores retiradas dos xermanos.

O ataque xermano

[editar | editar a fonte]

A columna romana avanzaba moi lentamente, debido á cantidade demasiado grande de homes, serventes, nenos e exceso de carretas e animais de carga. Ademais, o groso do exército estaba cortando árbores, facendo carreiros e pontes sobre os pantanos. De súpeto, os xermanos atacaron desde lonxe e os lexionarios romanos víanse impedidos polo vento, a chuvia e o barro para adoptaren formación ningunha. Ían demasiado escasos de tropas auxiliares —cabalaría, arqueiros e fondeiros— para contestar eficazmente. Decidiron acampar nun sitio protexido dos xermanos, queimando todo o que non lles era preciso, coa esperanza de chegar á fortaleza máis próxima, Aliso, que viña estando cerca do río Lippe, quizais dous terzos do camiño desde o río Weser ao Rin, e á mañá seguinte reiniciouse a marcha. As tres lexións partiron e chegaron a campo aberto, conseguindo formar axeitadamente as súas tropas, mais ao volver ao bosque converteuse nun atranco, ao bater a infantaría e a cabalaría entre si e contra as árbores. Sufriron graves perdas, incluídas algunhas que se inflixiron a si mesmos pola dificultade de distinguir os inimigos dos amigos. Esa noite amañaron para se reuniren todos noutro campamento provisional, cunha fortificación totalmente inadecuada.

Varo suicídase

[editar | editar a fonte]

Cando chegou a mañá, seguía chovendo; sopraba un vento cortante e viron que os xermanos recibían reforzos. O legado Vala Nomudio perdeu a calma e escapou coa cabalaría, morrería ao cruzar o Rin. Varo xa ferido no combate suicidouse cos principais xefes. Os soldados romanos sobreviventes tiveron que manobrar nunha faixa de terra de 220 metros de ancho, mais a parte norte estaba fóra do alcance das frechas xermanas. Os lexionarios deberon entender que non podían seguir para o noroeste, senón que tomarían a rota máis doada para o suroeste, a Haltern no Lippe e Xanten no Rin.

Cando fixeron a súa manobra, non deberon poder destruír a posición xermana nas ladeiras do outeiro Kalkriese. Os restos arqueolóxicos suxiren que houbo loitas ao pé do outeiro. Os lexionarios seguiron ao longo do outeiro, e os guerreiros xermánicos deberon matar moitísimos deles. O rexistro arqueolóxico suxire que houbo loitas no desfiladeiro e que os romanos foron expulsados. O perfecto de campo, Ceionius, deu orde de depoñer as armas ás últimas tropas que quedaban, pero foron masacradas polos xermanos.

Excepto algúns lexionarios que escaparon amparados pola escuridade da noite (e grazas a quen sabemos o que pasou), uns 18 000 soldados foron mortos ou capturados (e sacrificados máis tarde), mais uns 10 000 non combatentes, que incluían escravos, armeiros, comerciantes, mulleres e nenos.

O emperador Augusto

[editar | editar a fonte]

A clades variana ('a derrota de Varo') alterou a Augusto máis que ningunha outra cousa na súa vida. O historiador romano Suetonio sinalou que o emperador tomou o desastre tan a peito que «sempre celebrou o aniversario como un día de profundo pesar» e «a miúdo golpeaba a cabeza contra unha porta e gritaba: "Varo, Varo, devólveme as miñas lexións!"». Tomou medidas enérxicas e destituíu todos os xermanos e galos que había na súa garda persoal. Era unha situación de pánico polo termor que Arminio e os seus aliados cruzasen o Rin, fixo levas obrigatorias e recrutou escravos, aos que manumitiu, para o exército e déronselle poderes especiais aos gobernadores.

Xulio César Xermánico

[editar | editar a fonte]

Seis anos despois, outro xefe romano da zona, Xulio César Xermánico, concibiu a idea —segundo o seu tío, o emperador Tiberio, foi unha idea desmoralizadora— de ir coas súas tropas visitar o lugar da batalla. A ocasión inspirou a Tácito unha das súas mellores páxinas: «Non lonxe estaba o bosque onde se dicía que os restos de Varo e das súas lexións quedaron sen sepultura. A Xermánico veulle o desexo de tributar os últimos honores a Varo e aos seus soldados. Esta mesma conmiseración estendeuse a todo o exército de Xermánico, pensando nos seus parentes e amigos, nos azares da guerra e no destino dos homes... No medio do campo branquexaban os ósos, separados ou amoreados, segundo fuxiran ou fixeran fronte. Xunto a eles xacían restos de armas e membros de cabalos, e cabezas humanas estaban cravadas en troncos de árbores. Nos bosques próximos había bárbaros altares, xunto aos cales sacrificaran os tribunos e os primeiros centurións».

Arqueoloxía da guerra

[editar | editar a fonte]

A fraga de Teutoburgo é un dos poucos campos de batalla que se escavaron. Por suposto, hai moitas fortificacións e liñas de sitio que se descubriron, por exemplo: Nínive, Pafos, Numancia, Alesia, Vechten, Masada), pero Kalkriese é un dos poucos lugares onde os arqueólogos descubriron o sitio dunha batalla aberta. Isto aumentou a nosa comprensión do que pasou no masacre da fraga de Teutoburgo.

Descubrimento arqueolóxico

[editar | editar a fonte]

En 1987, un descubrimento por parte dun arqueólogo afeccionado británico, Anthony Clunn (achou 162 moedas romanas coñecidas como denarios e tres bolas de chumbo do tipo usado nas fondas do exército romano), e a posterior investigación a cargo dos arqueólogos experimentados dirixidos por Wolfgang Schlüter, levou a unha proba convincente de que a batalla tivo lugar ao norte do outeiro Kalkriese, entre as vilas de Engter e Venne, no bordo norte da fraga de Teutoburgo (Teutoburger Wald), 30 km ao norte da moderna cidade de Osnabrück (200 km ao nordeste de Colonia, Alemaña).

Fontes clásicas

[editar | editar a fonte]

Lucio Anneo Floro na súa obra Epítomes fala tan só dun ataque por sorpresa dos bárbaros, Marcus Velleius Paterculus afirma que os romanos foron collidos por sorpresa entre os bosques e describe o comportamento dos xenerais. Tácito é o único que dá a localización da batalla (preto da fraga de Teutoburgo). Dión Casio é o autor clásico que se estende máis, e tamén o que se considera o relato máis exacto.

Monumento a Arminio/Hermann

[editar | editar a fonte]
O Hermannsdenkmal. Monumento levantado na memoria de Arminio (Hermann) na parte sur da fraga de Teutoburgo.

Durante moito tempo o sitio da batalla de Teutoburgo, onde o exército romano sucumbiu, foi descoñecido. Os modernos estudosos do sanguento encontro propuxeron máis de 700 localizacións posíbeis.

O historiador alemán Mommsen situou a batalla cerca da fonte do río Hunte, ao norte de Osnabrück e lonxe dos outeiros; mais a maioría dos eruditos preferían algún sitio na parte central da cadea montañosa boscosa de Teutoburgo (de 110 km de longo e duns 10 km de ancho). De acordo con esa opinión, en 1875 construíuse unha estatua xigantesca de Arminius/Hermann (de 17 m sobre un pedestal de 30 m) en Grotenbuf-g, a 35 km ao suroeste de Detmold (e 100 km ao sueste do sitio real) cun custo de 13 500. O traballo foi deseñado por E. von Bandel.

[editar | editar a fonte]

Barbaren é unha serie de televisión alemá de 2020 que conta unha historia ficticia ambientada nos acontecementos da batalla da fraga de Teutoburgo, unha época na que o Imperio Romano ocupou Xermania, e como resultado as tribos xermánicas rebeláronse lideradas por Arminio.[1][2] A serie foi renovada para unha segunda tempada, estreada en 2022.[3][4]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]