Saltar ao contido

Casandra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCasandra

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(grc) Κασσάνδρα Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementovalor descoñecido Editar o valor en Wikidata
Troia, Turquía Editar o valor en Wikidata
Mortevalor descoñecido Editar o valor en Wikidata
Micenas, Grecia Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloPrincesa Editar o valor en Wikidata
ParellaAgamenón
Corebo
Othryoneus Editar o valor en Wikidata
FillosTeledamus
 () Agamenón
Pelops
 () Agamenón Editar o valor en Wikidata
PaisPríamo Editar o valor en Wikidata  e Hécuba Editar o valor en Wikidata
IrmánsPolixena
Heitor
Héleno
Paris Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru Editar o valor en Wikidata
Retrato de George Romney: Emma Hamilton no papel de Casandra.

Na mitoloxía grega, Casandra (en grego antigo, Κασσάνδρα: «a que enreda os homes»[1] ou «irmá dos homes»)[2] era filla de Hécuba e Príamo, reis de Troia. Casandra foi sacerdotisa de Apolo, con quen pactou, a cambio dun encontro carnal, a concesión do don da profecía. Con todo, cando accedeu aos arcanos da adiviñación, Casandra rexeitou o amor do deus; este, véndose traizoado, maldíxoa cuspíndolle na boca: seguiría tendo o seu don, mais ninguén crería xamais nos seus prognósticos. Tempo despois, ante o seu anuncio repetido da inminente caída de Troia, ningún cidadán deu creto aos seus vaticinios. Ela, xunto con Laocoonte, foron os únicos que predixeron o engano no cabalo de Troia.

Apolo amaba a Casandra infinitamente mais, cando ela non lle correspondeu, maldíxoa: o seu don converteríase nunha fonte continua de dor e frustración, xa que ninguén crería as súas predicións. Nalgunhas versións deste mito, Apolo cospe na súa boca ao maldicila; noutras versións gregas este acto adoita supor a perda do don recentemente adquirido, mais o caso de Casandra é diferente. En Orestes ela promete a Apolo que se converterá na súa consorte, mais non o cumpre, polo que desata a súa ira.

Áiax, fillo de Oileo, disponse a arrastrar a Casandra agarrada á estatua de Atenea. Copa ática de figuras vermellas, 440-430 a. C.).
Áiax e Casandra por Solomon Joseph Solomon, 1886.

Aínda que Casandra previu a destrución de Troia, a morte de Agamenón e a súa propia desgraza, foi incapaz de evitar estas traxedias, tal era a maldición de Apolo. A súa familia cría que estaba tola e, nalgunhas versións, mantivérona encerrada na casa ou encarcerada, o que a fai tolear. Noutras versións, simplemente era unha incomprendida.

Unha vez concluída a guerra de Troia, durante o saqueo da cidade, Áiax, fillo de Oileo, atopou a Casandra refuxiada baixo un altar dedicado a Atenea. Aínda que a princesa se agarrou á sagrada estatua da deusa, (ben fose o Paladio, ben outra estatua distinta), no frenesí do saqueo Áiax desatendeu os rogos, e arrastrouna xunto coa estatua. Segundo algunhas fontes violouna nese preciso lugar; para outras fontes, o sacrilexio cometido por Áiax consistira en non respectar a sagrada estatua da deusa. Este feito condenou o guerreiro, pois Poseidón, impelido pola humillada Atenea, afundiu o seu barco causando unha tormenta nas proximidades do promontorio das rochas Giras, onde Áiax morreu afogado, ou cravado ás rochas polo tridente de Poseidón segundo outra variante da lenda.

Casandra foi entregada como concubina ao rei Agamenón de Micenas. Este ignoraba que, mentres guerreaba en Troia, a súa esposa Clitemnestra se fixera amante de Existo. Cando Agamenón e Casandra regresaron a Micenas, Clitemnestra pediulle ao seu marido que andase por riba dunha alfombra morada, a cor que simboliza os deuses. A pesar de que Casandra lle avisou reiteradamente que non o fixese, o rei ignorouna e cruzou a alfombra, cometendo así un sacrilexio. Clitemnestra e Existo asasinaron a ambos. Nalgunhas versións, Casandra e Agamenón tiveran xemelgos: Telédamo e Pélope. Ambos foron asasinados tamén por Existo.

Télefo, fillo de Heracles, tamén amaba a Casandra. Con todo, ela burlábase del e axudouno a seducir a Laódice, irmá de Casandra.

Hai versións alternativas da historia nas que Casandra, sendo nena, pasou a noite no templo de Apolo co seu irmán xemelgo Héleno e as serpes do templo chucharon e limparon as súas orellas, polo que ambos serían capaces a partir de entón de ouvir o futuro. Este é un tema recorrente na mitoloxía grega. Outras versións suxiren que Casandra conseguiu a habilidade de entender o idioma dos animais, en lugar de coñecer o futuro.

Adaptacións modernas

[editar | editar a fonte]

Casandra aparece no quinto libro de Geoffrey Chaucer, Troilo e Crésida (Troilus and Criseyde, 1385), como a irmá de Troilo. Este soña un día que a súa amada Crésida está namorada dun porco, e pídelle consello a Casandra. Esta interpreta correctamente o soño e dille que Crésida xa non o ama porque agora quere a Diomedes, guerreiro grego (un de cuxos devanceiros era famoso por matar un xigantesco e feroz xabaril: o Xabaril de Calidón). Debido á maldición, Troilo non cre a Casandra.

O mito tamén foi abordado pola escritora alemá Christa Wolf na súa obra Kassandra. O libro conta a historia desde o punto de vista de Casandra no momento da súa morte.

O grupo sueco ABBA no tema "Cassandra" fala sobre unha persoa que se arrepinte de non crela sobre o seu poder e fai referencia a varios puntos do mito. O tema foi escrito por Benny Andersson e Björn Ulvaeus e aparece en The Visitors (álbum).

A autora Marion Zimmer Bradley escribiu unha novela de fantasía histórica chamada The Firebrand (1987) que reconta a Ilíada, tamén desde o punto de vista de Casandra.

Na novela de Markus Sedwick The Foreshadowing, Alexandra, o personaxe principal, ten o don de ver o futuro, aínda que principalmente ve a morte e o sufrimento alleo. Ademais, ao crecer na Inglaterra da Primeira Guerra Mundial, o seu poder é temido e posto en dúbida. Na novela, ela le o mito de Casandra e dáse conta do paralelismo coa súa propia existencia.

En Age of Bronze: Sacrifice, de Eric Shanower, Casandra é violada na súa infancia por un malvado sacerdote que pretende ser un deus.

Na novela de Clemence McLearn Inside the Walls of Troy, Casandra ten unha grande amizade coa raíña Helena de Esparta cando chegou a Troia co príncipe Paris. Casandra odiaba a Helena con toda a súa alma, mais rendeuse á súa alegría e felicidade continua e converteuse na súa confidente. Ao final da historia, Casandra non é violada nin se vai con Agamenón. Simplemente queda coas súas irmás Políxena e Laódice no templo de Atenea. O resto da historia non se conta.

Representación de Miguel Anxo da Sibila délfica, ás veces identificada con Casandra e como unha alusión do autor á Grecia clásica. (fresco na Capela Sixtina).

Na literatura moderna, Casandra é a miúdo usada como modelo de traxedia e romance, e a miúdo simboliza o arquetipo de alguén cuxa visión profética é escurecida pola tolemia, convertendo as súas revelacións en contos ou afirmacións inconexas que non son comprendidas plenamente até que ocorre o vaticinado.

A «síndrome de Casandra» é un concepto ficticio usado para describir a quen cre que pode ver o futuro, mais non pode facer nada por evitalo. Por exemplo, na película Doce monos, a doutora Kathryn Railly investiga esta síndrome e a quen a sofren.

Na película de Woody Allen Poderosa Afrodita, Casandra aparece como un dos personaxes, avisándolle ao protagonista do seu mal futuro.

O escritor arxentino Roberto Mateo, na súa novela La impronta de Casandra, toma a idea orixinal do mito e modifícaa dándolle outros matices; como exemplo, Apolo non só lle dá o poder de predicir o futuro senón que, a petición dela mesma, tamén recibe o don da inmortalidade, o don da palabra xusta e o desexo de converterse en protectora dos artistas da palabra. Con este xiro no mito orixinal, o autor desta novela consegue traer a Casandra até a época actual, xerándolle encontros a través da historia con escritores que nalgún momento da súa obra a mencionan; por este paseo histórico Casandra coñece, inflúe e ampara a Eurípides, Esquilo, Schiller e Rossetti, do mesmo xeito que ao personaxe central desta novela, a quen coñece en última instancia.

O poeta español Ernesto Filardi trata o mito de Casandra na peza homónima do poemario Penúltimo momento (Madrid, Sial, 2005). No poema estabelécese unha identificación de Troia cunha relación de amor acabada, mentres Casandra se identifica coa amada que desde tempo atrás xa anunciaba que a relación non tiña futuro.

O grupo de metal gótico Theatre of Tragedy ten a Casandra como protagonista do primeiro tema do seu álbum Aégis.

O grupo de rock arxentino dos 70 Sui generis dedícalle un tema ao mito de Casandra titulado El tuerto y los ciegos. Charly García é o seu autor e figura por primeira vez no disco Pequeñas anécdotas sobre las instituciones, aparecido en 1974.

No ano 2007, o cantautor español Ismael Serrano compuxo unha canción chamada Casandra para o seu disco Sueños de un hombre despierto. Así mesmo, o compositor canario Pedro Guerra compuxo unha canción co mesmo título.

O grupo de power metal alemán Blind Guardian dedicoulle as cancións Under the ice, na que se narra a súa morte, e And then there was silence, onde se fala das visións de Casandra sobre a Guerra de Troia. Ambas as cancións inclúense no disco de 2002 A night at the Opera.

En 2013, a dramaturga mexicana Silvia Peláez escribe a súa obra teatral Visiones o el complejo de Casandra na que a protagonista é unha xornalista de televisión, ambientalista, que ten o poder de predicir eventos terríbeis mais que ninguén a toma en conta, ata que, presionada por subir o índice de audiencia do programa, realiza unha acción límite fronte ás cámaras. A autora fai un paralelismo entre o xefe da xornalista con Apolo, e o compañeiro de traballo, Ayante, con Áiax. Nunha primeira versión, a obra presentouse en lectura dramatizada no Teatro La Gruta del Centro Cultural Helénico en 2013.

Na serie de 2020 Cosmos: mundos posibles aparece relatado o mito de Casandra no episodio 1x12 Coming of Age In The Anthropocene.

  1. Segundo o étimo proposto por Robert Graves en Los mitos griegos. Edición de Alianza, Madrid, 2001: ISBN 84-206-7263-7.
  2. Segundo o étimo proposto por Gutierre Tibón no Diccionario etimológico comparado de nombres propios de persona, Fondo de Cultura Económica, México, 1986. Edición de 1994: ISBN 968-16-2284-7

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • MENZIES, Louisa: Lives of the Greek Heroines (Vidas das heroínas gregas), 1880.
  • «Cassandra» en Greek Mythology Link (en inglés)