Claude Bernard
Claude Bernard, nado en Saint-Julien (Ródano) o 12 de xullo de 1813 e finado en París o 10 de febreiro de 1878, foi un biólogo teórico, médico e fisiólogo francés.
Fundador da medicina experimental, entre as súas achegas á medicina destaca o seu estudo da síndrome de Claude Bernard-Horner. Así mesmo, a el débense as nocións do medio interno (sangue, linfa, fluído intersticial) e da homeostase, fundamentos da bioloxía moderna.
Foi elixido para a Academia Francesa en 1868 e galardoado coa Medalla Copley en 1876.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Infancia
[editar | editar a fonte]Claude Bernard naceu na pequena localidade de Saint-Julien, no Beaujolais, no seo dunha modesta familia de viticultores. Estudou rudimentos de latín co cura da súa parroquia e despois comezou estudos de humanidades cos xesuítas de Villefranche-sur-Saône, rematándoos no colexio de Thoissey.[1]
Estudos en Lión
[editar | editar a fonte]Despois de fracasar no bacharelato marchou en xaneiro de 1832, aos 19 anos, cun compañeiro, á cidade de Lión, onde ambos os dous traballaron como mancebos nunha farmacia. A falta de eficacia de moitos fármacos produciulle a Bernard un desprezo pola arte médica.[2]
O seu espírito rigoroso adaptábase mal ás conxecturas acerca da farmacoloxía da época, e comezou a escribir durante o seu tempo de traballo, entre outras obras, o vodevil Rose du Rhône, que se representaría en Lión con certo éxito de público, pero que lle valeu o enfado do farmacéutico, que lle rescindiu o contrato en xullo de 1833, cando Claude traballaba nunha segunda peza, un drama en cinco actos titulado Arthur de Bretagne.
Chegada a París
[editar | editar a fonte]Grazas á súa nai, Claude entrou en contacto co crítico literario Saint-Marc Girardin, amigo da familia e profesor de literatura na Sorbona, que lle recomendou deixar de lado as dúas inclinacións literarias (Claude soñaba con ser dramaturgo), e que sería mellor empregar as súas habilidades na medicina.[1] Fora ou non acertado, este consello fixo que Claude Bernard dera un xiro á súa vida e se trasladara a París para iniciar esta carreira.
Para iso tivo que completar o bacharelato, o que consegue en 1834. Seus pais entón pagaron 1 800 francos para que fose dispensado do servizo militar, o que lle deixa a vía libre para comezar os estudos de medicina en París. Alí compartiu un piso e a vida no Quartier Latin, preto da Sorbona, cos seus compañeiros Charles Lasègue (futuro eminente neurólogo) e Casimir Davaine (que estaba facendo os seus primeiros traballos en microbioloxía). Viviu modestamente en París, mentres lle devolvía aos seus pais o diñeiro que gastaran nel grazas a unhas clases particulares que impartiu. En París quedou particularmente fascinado polos cursos que François Magendie imparatía no Colexio de Francia.
En 1839 Bernard obtivo unha praza de interno, ocupando o posto 26 dun total de 29 opositores, e entrou en contacto con Magendie, cuxas polémicas clases espertaron nel unha inesperada paixón polo descubrimento das leis fisiolóxicas. Magendie sometía as hipóteses a contrastación experimental ante o seu auditorio, ríndose abertamente cando algún experimento non transcorría segundo o anunciado pola teoría que el mesmo acabara de explicar na aula o día anterior. Magendie definíase como un trapeiro que percorre o terreo da ciencia recollendo feitos de aquí e de acolá, sen outra pretensión que "botalos ás costas". A elaboración dalgunha elegante e "pretensiosa" (preditiva) teoría a partir de tales feitos non tiña cabida no escepticismo de Magendie. Porén, Bernard, non se encontrou nunca cómodo cos supostos epistemolóxicos do seu mestre, o que determinou que os seus intereses deran un novo xiro, pasando esta vez do ámbito puramente científico ao filosófico. De aí que Claude Bernard pasara á historia do pensamento non só polas súas achegas á fisioloxía, senón tamén polo seu intento de fundamentar a posibilidade mesma dunha medicina —e, por extensión, dunha bioloxía— científicas. Pese a que resulta un feito pouco coñecido polos estudosos da epistemoloxía, Claude Bernard adiantou as principais teses de Karl Popper neste campo.
Bernard licenciouse en medicina en 1843. En 1847 fundou a Sociedade Francesa de Bioloxía (Société Française de Biologie). En 1853, cun traballo sobre o zume gástrico e a glicosa, conseguiu o doutoramento, pero a súa visión iconoclasta e modernizadora da investigación en medicina no lle permitiu encontrar un posto de traballo.[3]
Ingresou na Academia das Ciencias en 1854, obtendo ese mesmo ano a cátedra de Fisioloxía Xeral da Facultade de Ciencias de París. En 1855 sucedeu a Magendie no Colexio de Francia.
En 1860 Claude Bernard xa escribira o esencial da súa obra. Ese ano comezou a ter serios problemas de saúde que lle obrigaron a retirarse periodicamente ao seu Saint-Julien natal. Alí dedicouse a reflexionar sobre o método que el mesmo empregara para alcanzar os seus descubrimentos científicos. Desta época a súa obra máis famosa é a Introdución ao estudio da medicina experimental (1865).
En 1868 ingresou na Academia Francesa. Ese mesmo ano renunciou á súa cátedra da Sorbona, e foi nomeado catedrático de Fisioloxía no Museo Nacional de Historia Natural de Francia.
En 1869 foi nomeado senador. Cómpre sinalar que o alcalde republicano de Villefranche-sur-Saône negouse, tras a súa morte, a erixir unha estatua na vila, custeada por subscrición popular, alegando que se trataba dun antigo senador do Segundo Imperio, e dun home separado.
Nin a vida profesional de Claude Bernard nin a súa vida familiar foron sinxelas. No que afecta á súa vida persoal, Bernard separouse da súa esposa en 1869, tras longos anos de mutua incomprensión nos que a súa muller chegou a fundar, xunto ás súas dúas fillas, un asilo para cans e gatos, co que expresaban a súa oposición á experimentación con animais. Ademais, o matrimonio houbo de enfrontar a morte prematura dun dos seus fillos. Desde o punto de vista profesional, a obra de Claude Bernard só foi recoñecida pola comunidade científica nos últimos vinte anos da súa vida.
Obra
[editar | editar a fonte]Contribucións á ciencia médica
[editar | editar a fonte]Entre as achegas á ciencia médica de Bernard cabe destacar o descubrimento da función dixestiva do páncreas, o da función glicoxénica do fígado, o mecanismo de acción do curare, do monóxido de carbono e dos anestésicos, o establecemento dos principios xerais sobre os que se asenta a farmacodinamia moderna e as funcións do sistema nervioso. Neste sentido, pasaron á historia da fisioloxía os seus estudos acerca do carácter único dos nervios sensitivos e os motores, a sensibilidade recorrente, a estrutura da medula espiñal, a vasomotricidadade e as circulacións locais, a orixe medular do gran simpático, a súa función vasomotora e a súa acción sobre a temperatura corporal, sobre as secrecións e sobre a glicemia.
Outras contribucións de menor importancia son os seus estudos acerca da secreción salivar, a fisioloxía pulmonar, o efecto da nicotina e do uranio sobre o organismo, a disección química en fisioloxía, a coagulabilidade do sangue, o ton muscular e os mecanismos inflamatorios.
Mención á parte merecen os seus estudos sobre a asfixia e sobre os fermentos, que lle valeron unha histórica polémica con Pasteur, alegando que a súa teoría era falsa.
Bernard introduciu o concepto de homeostase (constancia do medio interno) ao redor de 1860, aínda que o termo non é seu, senón de W. B. Cannon. Dito modelo sinala como cualidade definitoria dos seres vivos a capacidade para manter as condicións físico-químicas do medio co que están en contacto. En sentido inverso, son ditas condicións físico-químicas do líquido que baña as células (medio interno) as que, ao entraren en contacto con elas, determinan a aparición dos fenómenos fisiolóxicos. Este sinxelo esquema pretende dar razón (até onde iso é posíbel) do "quid" propio do vivo.
Entre as súas contribucións á terapéutica hai que destacar as relativas ao tratamento da diabetes, as indicacións da sangría, o tratamento da intoxicación por monóxido de carbono mediante ventilación mecánica, o tratamento da anemia con lactato de ferro, o descenso da temperatura corporal mediante medios físicos, o estudo dos mecanismos de antagonismo entre fármacos, o tratamento da intoxicación etílica, as aplicacións da morfina, os efectos do anhídrido carbónico, a administración intravenosa de soro fisiolóxico, as técnicas de reanimación cardiopulmonar e a oxixenoterapia.
Bernard tamén fixo achegas importantes no ámbito da cirurxía, pois, ademais dos seus traballos sobre a anestesia, deseñou novos instrumentos cirúrxicos, propuxo novas técnicas de incisión e de sutura e describiu a hiperglicemia posthemorráxica.
Bioloxía teórica
[editar | editar a fonte]Á parte das teorías concretas coas que Claude Bernard arrequeceu a medicina, a bioloxía e á veterinaria da súa época, cómpre distinguir dúas categorías diferentes dentro das súas contribucións teóricas ao pensamento biolóxico: as relativas ao seu peculiar modo de contestar a vella pregunta de "que é a vida?", e as puramente epistemolóxicas (método e fundamentación da medicina experimental). É neste sentido no que pode falarse da existencia tanto dunha filosofía da vida como dunha epistemoloxía bernardianas. Ambas as dúas están, como se verá a continuación, profundamente relacionadas entre si.
Os seres vivos segundo Claude Bernard
[editar | editar a fonte]Claude Bernard realizara o sorprendente descubrimento de que a "materia inerte" e os "corpos vivos" no son a mesma cousa. Escribiu o seguinte
A materia inerte non ten espontaneidade en si mesma, carece dunha diferenza individual, e polo tanto un pode estar seguro dos resultados obtidos. Porén, cando tratamos cun ser vivo, a individualidade achega un elemento de inquietante complexidade: máis alá das condicións externas, é necesario considerar tamén as reaccións orgánicas intrínsecas, ás que lles dou o nome de 'medio interno' (milieu intérieur).
Claude Bernard empezara a comprender. O seu descubrimento debeuse obviamente a toda a serie de experimentos errados que levou a cabo, xa que nunca puidera obter dúas veces seguidas o mesmo resultado nos seus ensaios; tal descubrimento inquietouno enormemente porque ameazaba demostrar a inutilidade de toda a súa vida como científico.
Quizais os implacábeis erros que xurdían constantemente das súas viviseccións xa comezaran a desequilibrar o seu estado mental. En calquera caso, deterioraron a súa vea literaria, nubrando o seu estilo e paralizando o seu razoamento. Porque se Introduction expresaba claramente unhas ideas cuxa incorrección soamente co paso do tempo sería demostrada, en Médecine o pensamento é nebuloso e o autor exprésase sen sensatez, como ao final do seguinte fragmento (páxina 249):
Tense preguntado como pode un chegar a conclusións válidas cando hai substancias que son velenosas para certos animais pero non o son para outros, e substancias que son velenosas para o home pero non para os animais. Mencionouse que o porco espiño que non resulta envelenado ao consumir ácido prúsico, a cabra que come beladona sen problemas, a ovella que pode inxerir enormes cantidades de arsénico sen sufrir efectos letais, os sapos que non resultan envelenados polo seu propio veleno, os animais acuáticos que son capaces de producir descargas eléctricas sen padecer as súas consecuencias e os animais mariños que non sofren danos pola influencia do sal. Todo o que acabamos de mencionar é inadecuado como explicación. De feito, se un o admitira a ciencia sería imposíbel.
Ao reler a súa conclusión, Claude Bernard debeu decatarse de que era necesario realizar unha aclaración e engadiu unha nota empeorándoo aínda máis:
Un ten que ser escravo dun feito; un pode dicir que é un feito brutal, como se o que di fora moi científico. Certamente un ten que crer nos feitos, pero non debe crer neles cegamente. Dispoñemos do razoamento para dar luz aos feitos, e dos feitos para moderar a imaxinación e deter o razoamento. Polo tanto, o experimentador que envelena a un sapo co seu propio veleno sen resultados, ou a unha cabra con beladona sen resultados, diría o seguinte: 'son coherente, si, pero hai feitos que un non pode crer porque a mente ten a certeza de que as cousas son doutra maneira'. Por esa razón non puiden crer nos datos proporcionados polo sapo. Se non tivera éxito tería renunciado á miña ocupación como fisiólogo.
O doutor Delhoume, que introduciu abundantes notas noutras partes do volume, optou por ignorar esta última metedura de zoca de Bernard, quizais coa esperanza de que pasara inadvertida, porque aínda que as súas palabras foran confusas e desordenadas demostran que o autor se dá de conta de que os feitos ridiculizan as súas teorías. Por tanto, decide simplemente ignorar "os feitos" relacionados co sapo e a cabra, porque do contrario debería "ter renunciado á súa ocupación como fisiólogo". Como outros moitos vivisectores dos moitos que existiron despois del, Claude Bernard carecía da grandeza necesaria para admitir que toda a súa pseudociencia fora erixida sobre un erro de proporcións xigantescas.
Por ese motivo realiza a extraordinaria afirmación de que «hai feitos que un non pode crer porque a mente ten a certeza de que as cousas son doutra maneira». E, que feitos son eses? Ou, que tipo de "mente" é esa? Non é posíbel que sexa a mesma mente que, en certa ocasión, afirmou o seguinte: «se un feito está en contradición con unha teoría dominante, un debe aceptar o feito e deba abandonar a teoría, aínda que esta última fora aceptada de forma xeral e fora ratificada por personalidades de gran renome».
No terreo conceptual, Bernard propuxo un modelo teórico para entender que son os organismos, que resultou estar dotado dun gran valor heurístico. Co seu concepto de "medio interno" quedaba lexitimada a pretensión —posta en dúbida polo escepticismo de Magendie, polo vitalismo de Bichat e polas teses dos románticos— de facer da medicina unha auténtica ciencia, á vez que se salvagardaba o estatuto ontolóxico peculiar dos seres vivos. Neste sentido, o modelo do medio interno evitaba que os científicos caeran na tentación de reducir conceptualmente os seres vivos a meras máquinas físico-químicas extremadamente complexas. O que Claude Bernard ofreceu, por tanto, á nova medicina, foi unha certificación definitiva do seu carácter científico exenta dun reducionismo físico-químico no plano ontolóxico.
Bernard parte da idea de que os organismos vivos se encontran en constante interacción físico-química co medio que os rodea. Esta interacción é bidireccional e está orientada a un fin: a autoconservación de dito organismo, ou a súa interacción con outros para a conservación completa. Dado que nos seres complexos esta interacción se sitúa a nivel celular, dito medio debe ser denominado neles "medio interno" (o medio interno é, segundo este modelo, o líquido que baña as células). Os fenómenos vitais veñen soportados por procesos estritamente físico-químicos. Cando un axente físico-químico interacciona cunha célula, esta "produce" un efecto fisiolóxico que lle é propio (segregar unha hormona, contraerse, emitir unha descarga eléctrica, dilatarse...), sen que a análise científica dos fenómenos vitais poida estenderse máis alá. Deste modo, xunto coa súa "carta de cidadanía" como auténtica ciencia, Bernard impón á bioloxía uns límites claros: xamais poderá pronunciarse acerca da esencia da vida, se ben será capaz de elaborar leis relativas ás súas condicións físico-químicas. A ciencia deberá renunciar a dar unha resposta á vella pregunta polo "que" (que é a vida), para limitarse a un positivista "ver para prever".
Porén, o positivismo de Claude Bernard non é un positivismo estrito. Enfrontándose ás influentes teses de Comte, Bernard será un dos poucos científicos franceses partidarios da teoría celular. Mentres que os científicos do seu contorno encontraban en dita teoría sospeitosos vestixios de ideoloxía romántica —fronte á que o positivismo de Comte precisamente se erixira en reacción—, Claude Bernard reservou sempre na súa epistemoloxía un lugar privilexiado para as hipóteses. Deste xeito, aínda recoñecendo a carga hipotética —e, por tanto, especulativa— da teoría de Matthias Schleiden e Theodor Schwann, Claude Bernard ve nela unha auténtica teoría científica. Dado que a ciencia non pode prescindir das hipóteses (Claude Bernard foxe do empirismo de Magendie), a única condición que lles impuxo a epistemología bernardiana —co fin de salvagardar a súa medicina experimental dos excesos do romanticismo— foi un constante sometemento ao control experimental. Con iso, o trapeiro de Magendie deixa de servir como imaxe ilustradora do labor dos científicos. A partir de agora quedan lexitimados para estruturar os feitos que recollen —no laboratorio ou na cabeceira dos enfermos— en hipóteses máis ou menos ambiciosas ou arriscadas. E aínda máis, é precisamente a presenza previa (Claude Bernard utilizaba a expresión "a priori") de hipóteses na mente do investigador o que lle permite observar e rexistrar feitos. Unha mente sen hipóteses é, para Bernard, unha mente cega, incapaz de abrirse á natureza.
A medicina segundo Claude Bernard
[editar | editar a fonte]Segundo Bernard, a práctica experimental desenvólvese en catro momentos. En primeiro lugar, prodúcese ante os ollos do científico un feito que constata de forma precisa. A continuación, xorde unha idea acerca da posíbel causa de dito fenómeno. Esta idea constitúe a hipótese científica, que só terá valor na medida en que poida contrastarse experimentalmente. Para iso, o científico deduce de dita hipótese outras que son as súas consecuencias lóxicas, e pasa a deseñar experimentos ou a buscar observacións que as confirmen. As teorías científicas non son en realidade máis que hipóteses controladas experimentalmente mediante un proceso que establece un delicado equilibrio entre a razón e a experiencia. De aí o seu carácter necesariamente provisional e as difíciles eleccións que a miúdo o científico debe facer entre os feitos e as teorías cando hai discordancia entre ambos. Incluso cando os feitos parezan confirmar a hipótese, esta deberá ser sometida á contraproba. A contraproba é a ferramenta lóxica que garante ao científico a existencia dun auténtico nexo causal entre dous fenómenos, e non dunha mera coincidencia no tempo.
A consecuencia epistemolóxica máis importante da concepción bernardiana do método científico é o protagonismo da dedución: as hipóteses a partir das cales se establecen os siloxismos da dedución xorden na mente do experimentador con ocasión da observación de determinados feitos, pero non son o resultado dun proceso de indución levado a cabo a partir deles. En contra dos supostos dos indutivistas, Bernard entendía que o universal só pode proceder do universal.
De feito, Bernard emprega moitas veces a equívoca expresión "ideas a priori" para referirse ás hipóteses científicas. Con iso quere poñer de manifesto que estas non deben seren entendidas como un mero destilado dos feitos que outra mente se limita a recoller e a plasmar. O proceso de xénese de ditas hipóteses débese, máis ben, á creatividade do científico que as elabora. Proceden dunha cualidade psicolóxica á que Bernard denomina 'sentimento' ou 'corazón', aínda que non poden carecer duns criterios mínimos de racionalidade.
A epistemoloxía bernardiana sitúase, deste modo, nun punto equidistante dos catro polos que configuran o seu contorno científico e filosófico: o empirismo de Magendie (e o seu conseguinte escepticismo), o racionalismo dos científicos románticos (a as súas excesivamente especulativas teorías biolóxicas), o vitalismo de Bichat (que facía dos fenómenos vitais o terreo propio da espontaneidade, inaccesíbel ao coñecemento científico), e o positivismo de Comte (co seu rexeitamento das hipóteses).
Criticismo
[editar | editar a fonte]Algúns opositores da experimentación animal acusan a Bernard de falta de empatía polos animais suxeitos da súas exploracións científicas. Na súa "Introduction", Bernard escribe que «o fisiólogo non é unha persoa normal, é un científico, un home absorbido pola idea científica que persegue; xa non oe los choros dos animais, xa non ve o sangue que derraman, soamente ve a súa idea e os organismos que lle esconden os problemas que el desexa descubrir. Non sente que está perpetrando unha horríbel carnicería; baixo a influencia dunha idea científica examina con pracer o repugnante filamento nervioso e a carne lívida que a calquera outra persoa provocarían desgusto e horror...». O escritor inglés John Vyvyan afirmou que se Bernard vivira na nosa época non publicaría esas liñas, porque son un 'exemplo de libro' de esquizofrenia paranoide.[4]
Obras
[editar | editar a fonte]- 1843 - Recherches anatomiques et phisiologiques sur la corde du tympan, pour servir à l´histoire de l´hémiplégie faciale, París: impr. Bourgogne et Martinet.
- 1843 - Du suc gastrique et de son rôle dans la nutrition. Tese de doutoramento na Facultade de Medicina.
- 1850-1860 - Cahier de notes. París: Gallimard.
- 1853 - "Recherches expérimentales sur le grand sympathique et spécialement sur l´influence de la section que ce nerf exerce sur la chaleur animale". Memoires de la Société de Biologie 5: 77-107.
- 1855-1856 - Leçons de physiologie expérimentale appliquée à la médecine, 2 vol. París: Baillière.
- 1858 - Leçons sur les effets des substances toxiques et médicamenteuses. París: Baillière.
- 1858 - Leçons sur la physiologie et la pathologie du système nerveux. París: Collège de France.
- 1859 - Leçons sur les propriétés physiologiques et les altérations pathologiques des liquides de l´organisme, 2 vols. París: J. B. Baillière.
- 1859 - "Leçons sur la matière glycogène du foie", 26, 35, 38, 54 e 56. Union médicale.
- 1863-64 e 1864-65 - "Faculté des Sciences, physiologie générale. Cours année 1864", Revue des Cours Scientifiques, 2 vol. París: Baillière.
- 1859 - Introduction à l´étude de la médecine experimental París: Collège de France / 1976 - Introducción al estudio de la medicina experimental. Barcelona: Fontanella.
- 1866 - Leçons sur les propriétes des tissus vivants. París: Sorbonne.
- 1866 - Leçons sur les phénomènes de la vie communs aux animaux et aux végétaux. París: Librairie philosophique J. Vrin.
- 1867 - Rapport sur les progrés des lettres et des sciences en France. París: Imprimeries Impériales.
- 1872 - Leçons de pathologie expérimentale. París: J. B. Baillière.
- 1872 - De la physiologie générale. París: Hachette.
- 1875 - Leçons sur les anesthésiques et sur l´asphyxie. Cours de médecine du Collège de France. Paris: Baillière.
- 1876 - Leçons sur la chaleur animale, sur les effets de la chaleur et sur la fièvre. París: Baillière.
- 1877 - Leçons de physiologie opératoire. París: Baillière.
- 1877 - Leçons sur la diabète et la glycogènese animale. Cours de médecine du Colège de France. Paris: Baillière.
- 1878 - La Science Expérimentale. París: Baillière.
- 1942 - Cahier rouge. París: Gallimard.
- 1945 - Lettres Beaujolaises. Villefranche-sur Saône: Éditions du Cuvier.
- 1948 - Principes de médecine expérimentale (inacabada). París: Presses Universitaires de France.
- 1954 - Philosophie. Manuscrit inédit. París: Haitier-Boivin.
- 1973 - Pensées. Notes détachées. Paris: Baillière.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Claude Bernard |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barbara, Jean-Gaël (2008): Claude Bernard et la question du curare. Enjeux épistémologiques. Société de Biologie, séance du 25 juin 2008, Texto íntegro (en francés).
- Barbara, Jean-Gaël e Pierre Corvol (2012): Les élèves de Claude Bernard. París: Hermann ISBN 2-7056-8223-6 (en francés).
- Béclard, Jules (1885): Éloge de Claude Bernard. París: Masson Ler en liña (en francés).
- Canguilhem, Georges (1968): Claude Bernard, Études d’histoire et de philosophie des sciences. París: Vrin (7ª reimpr., 1990).
- Clarke, Robert (1961): Claude Bernard et la médecine expérimentale. París: Seghers (en francés).
- Debray-Ritzen, Pierre (1992): Claude Bernard ou un nouvel état de l’humaine raison. París: Albin Michel. ISBN 2-2260-5896-6 Ler en liña (en francés).
- Foster, Michel (1899): Claude Bernard Nova York: Longmans, Green & Co. Lee en liña (en inglés)
- Grmek, Mirko (1997): Le Legs de Claude Bernard. Pais: Fayard (en francés).
- Grmek, Mirko (1973): Raisonnement expérimental et recherches toxicologiques chez Claude Bernard, Genève: Droz (en francés).
- Holmes, Frederic Lawrence (1974): Claude Bernard and animal chemistry: the emergence of a scientist, Harvard University Press (en inglés).
- Laín Entralgo, Pedro (1947): Claudio Bernard. Madrid: CSIC. ISBN 978-84-00-01231-1 (en castelán).
- Laín Entralgo, Pedro (1949): Dos biólogos: Claudio Bernard y Ramón y Cajal. Madrid: Espasa-Calpe. Col. Austral, nº 911. ISBN 978-84-239-0911-7 (en castelán).
- Lamy, Pierre: (1928): L’Introduction à l’étude de la médecine expérimentale, le naturalisme et le positivisme. París: F. Alcan (en francés).
- Mazliak, Paul (2002): Les fondements de la biologie. Le XIX siècle, de Darwin, Pasteur et Claude Bernard. París: Adapt/Vuibert. ISBN 2-7117-5352-2 (en francés).
- Michel, Jacques (2002): La nécessité de Claude Bernard. París: L'Harmattan (París) (en francés).
- Prochiantz, Alain (1990): Claude Bernard: la révolution physiologique. París: PUF. ISBN 2-1304-2909-2 (en francés).
- Rodríguez de Romo, A, C. e J. Borgstein. "Claude Bernard and Pancreatic Function revisited after 150 years". En Vesalius, V (1): 18 - 24. Texto íntegro en llña (en inglés)
- Sertillanges, Antonin Gilbert (1944): La philosophie de Claude Bernard (en francés).
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Museo Claude Bernard.
- Obras de Claude Bernard no Proxecto Gutenberg
- Algunhas das súas obras son de libre acceso facsímile en francés en CoLiSciences.