Comal
A palabra comal (do nahuatl comalli) utilízase en México e América Central para nomear un utensilio da cociña tradicional usado como prancha.
O comal tradicional dos pobos de México e América Central é unha peza de olaría con forma de prato chan. Colócase sobre tres ou catro pedras chamadas "tenamaxtles", a xeito de soporte, para poder acender lume e brasas por debaixo. Tradicionalmente utilízase para preparar varios tipos de pratos, en particular, tortillas de millo, tlayudas e totopos, entre outros.
Os comales de cerámica actuais adoitan recibir un tratamento superficial chamado "curado" ou "curación". Consiste en fregar o comal aínda sen usar cunha mestura de auga e cal e despois deixalo secar. Desta maneira, o comal tórnase antiadherente.
Coa introdución de sistemas de manufactura e produción, os comales tamén se fabrican en lámina metálica e adoitan ser máis grandes cós de cerámica. Algúns teñen unha depresión circular na parte central que serve para conter aceite ou manteiga líquidos, utilizados cando se efectúa a fritura de varios produtos alimenticios.