Coroa de Castela
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2018.) |
Corona Castellae (la) Corona de Castilla (es) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Valladolid Madrid | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | castelán medieval lingua latina | ||||
Relixión | Igrexa católica, Islam e xudaísmo | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 382.000 km² | ||||
Comparte fronteira con | Reino de Portugal Reino de Granada (–1492) Reino de Navarra (–1512) Kingdom of Navarre beyond the Pyrenees (en) (1516–) Coroa de Aragón (–1711) | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 1230 (Gregoriano): causado por Concordia de Benavente | ||||
Disolución | 1715 | ||||
Sucedido por | Reino de España | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía absoluta | ||||
Órgano lexislativo | Consello de Castela , | ||||
Moeda | Real español | ||||
A Coroa de Castela foi unha entidade histórica da Península Ibérica que desde o 1230 comprendía un conxunto de reinos asociados dinasticamente baixo a figura dun común monarca, que tiñan o seu centro de decisión no reino de Castela. A súa orixe remóntase ao ano 1230, cando Fernando III o Santo, rei de Castela e de Toledo desde 1217, usurpou o goberno dos reinos de Galicia e León ás súas medias-irmás e previsibles futuras raíñas Sancha e Aldonza.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Anexión de Galiza e León
[editar | editar a fonte]En 1230, Afonso VIII, rei de Galiza e León falecía. Os reinos recaían nas infantas Sancha e Aldonza, fillas do seu primeiro casamento coa súa curmá Tareixa, infanta de Portugal.
Fernando de Castela, con todo, ambicionaba obter a coroa destes dous reinos, ampliando enormemente o seu dominio. Para tal, reuníronse na cidade portuguesa de Valença as dúas mulleres de Afonso VIII, Tareixa de Portugal e Berenguela de Castela, coas infantas Sancha e Aldonza, para selaren un acordo.
Debido ás ameazas de guerra, e baixo a presión da aristocracia leonesa e castelá, Sancha e Aldonza vense forzadas a renunciar ao trono, recibindo unha renda de 30 mil marabedís. Polo Tratado das Tercerias, a unión persoal das dúas coroas recaía así na persoa do rei Fernando III, e na dos seus sucesores, pasando Castela a deter a hexemonía destes reinos.
Coa morte de Beatriz da Suabia en 1235, Fernando casou pola segunda vez en 1237 con Xoana d'Aumale, condesa de Ponthieu (1210-1279), filla de María de Belleme, señora de Ponthieu, e de Simón Dammartin, conde d'Aumale.
Os reis da Coroa de Castela (Xoana I) posuían os títulos de 'Rei de Castela, León, Navarra, Granada, Toledo, Galicia, Murcia, Xaén, Córdoba, Sevilla, os Algarves, Alxeciras e Xibraltar e das illas de Canaria e das Indias e illas e Terra Firme do mar Océano e Señor de Biscaia e Molina.[1] O seu herdeiro portaba o título de "Príncipe de Asturias".
Unificación das Cortes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Cortes de Castela.
A unión dos reinos baixo un soberano, tivo como consecuencia case inmediata a unión das as Cortes de León e Castela. Articulábanse en tres "brazos" que correspondían respectivamente aos estamentos nobre, eclesiástico e cidadán e aínda que o número de cidades representadas en Cortes foi variando ao longo do tempo, foi o rei Xoán I o que fixou dun xeito definitivo as cidades concretas que terían dereito de enviar 'procuradores' ás Cortes: Burgos, Toledo, León, Sevilla, Córdoba, Murcia, Xaén, Zamora, Segovia, Ávila, Salamanca, Cuenca, Toro, Valladolid, Soria, Madrid, Guadalaxara e Granada (a partir de 1492).
Con Afonso X, a maioría das reunións de Cortes son conxuntas para todos os reinos. As Cortes de 1258 en Valladolid son "de Castiella e de Estremadura e da terra de León" e as de Sevilla en 1261 "De Castiella e de León e de todos os otros nosos Regnos". Posteriormente realizaríanse algunhas Cortes separadas, como por exemplo en 1301(Burgos para Castela, Zamora para León), pero os representantes de cidades piden que se volva á unificación:
Os representantes casteláns solicitan: "Pois eu agora estas cortes fazía aquí en Castiella apartada mente dos de Estremadura de de terra de León, que daquí adiante que non fiziese nin o tomase por fuso".
Así mesmo os leoneses: "que quando oviere de facer Cortes que as faga con todos os omnes da mi terra nun en terras leonesas".
Aínda que nun principio os reinos singulares e as cidades conservaron os seus dereitos particulares (entre os cales se achaban o Foro Vello de Castela ou os diferentes foron municipais dos concellos de Castela, León, Estremadura e Andalucía), pronto se foi articulando un dereito territorial castelán en torno ás Partidas (c. 1265), o Ordenamento de Alcalá (1348) e as Leis de Toro (1505) que continuou vixente ata 1889, ano en que se promulga o Código Civil español.
Séculos XIV-XV: Reinado dos Trastámaras
[editar | editar a fonte]Ascenso dos Trastámaras ao trono
[editar | editar a fonte]Á morte de Afonso XI iníciase un conflito dinástico enmarcado na Guerra dos Cen Anos entre os seus fillos Pedro e Henrique. Afonso XI contraera matrimonio con María de Portugal, da que tivo o seu herdeiro, o infante Pedro. Non obstante, o rei tamén tivo con Leonor Núñez de Guzmán varios fillos naturais, entre eles o infante Henrique, conde de Trastámara, que disputaron o reino a Pedro unha vez este accedeu ao trono.
Na súa loita contra Henrique, Pedro aliouse con Eduardo, príncipe de Gales, chamado o Príncipe Negro. En 1367 o Príncipe Negro derrotou os partidarios de Henrique na Batalla de Nájera. O Príncipe Negro, vendo que o rei non cumpría as súas promesas, abandonou o reino, circunstancia que aproveito Henrique, refuxiado en Francia, para retomar a loita. Finalmente Henrique venceu en 1369 na batalla de Montiel, e deu morte a Pedro.
Xoán de Gante, irmán do Príncipe Negro e duque de Lancaster, contrae matrimonio en 1371 con Constanza, filla de Pedro. En 1388 reclama a Coroa de Castela para a súa muller, herdeira lexítima segundo as Cortes de Sevilla de 1361. Chega á Coruña cun exército, toma primeiro esa cidade e, máis tarde, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo e pide a Xoán de Trastámara, fillo de Henrique de Trastámara, que entregue a Constanza o trono.
Pero este non acepta e propón o matrimonio do seu fillo o infante Henrique con Catarina, filla de Xoán de Gante e Constanza. A proposta é aceptada e institúese o título de Príncipe de Asturias que ostentaron por primeira vez Henrique e Catarina. Isto permitiu culminar o conflito dinástico, ao afianzar a Casa de Trastámara e establecer a paz entre Inglaterra e Castela.
Relacións coa Coroa de Aragón
[editar | editar a fonte]Durante o reinado de Henrique III restáurase o poder real, desprazando a nobreza máis poderosa. Nos seus últimos anos delega parte do poder efectivo no seu irmán Fernando I de Aragón, quen sería rexente, xunto coa súa esposa Catarina de Lancaster, durante a minoría de idade do seu fillo, o príncipe Xoán.Tras o Compromiso de Caspe en 1412, o rexente Fernando abandonou Castela, pasando a ser rei de Aragón.
Á morte da súa nai, Xoán II alcanzou a maioría de idade, con 14 anos, e contraeu matrimonio coa súa prima María de Aragón. O novo rei confiou o goberno a Álvaro de Luna, a persoa máis influente na súa corte e aliado coa pequena nobreza, as cidades, o baixo clero e os xudeus. Isto trouxo as antipatías da alta nobreza castelá e dos Infantes de Aragón, o que provocou entre 1429 e 1430 a guerra entre Castela e Aragón. Álvaro de Luna gañou a guerra e expulsou os infantes.
Segundo conflito sucesorio
[editar | editar a fonte]Henrique IV intentou restablecer sen éxito a paz coa nobreza rota polo seu pai. Cando a súa segunda esposa, Xoana de Portugal, deu a luz á princesa Xoana, esta foi atribuída a unha suposta relación adúltera da raíña con Beltrán de la Cueva, un dos privados do monarca.
O rei, asediado polas revoltas e as esixencias dos nobres, tivo que asinar un tratado polo que nomeaba herdeiro ao seu irmán Alfonso, deixando a Xoana fóra da sucesión. Tras a morte deste nun accidente, Henrique IV asina coa súa medio irmá Isabel o Tratado dos Toros de Guisando, no cal a nomea herdeira a cambio de que casase co príncipe electo por Henrique.
Os Reis Católicos: Unión coa Coroa de Aragón
[editar | editar a fonte]En outubro de 1469 casan en segredo, no Pazo dos Viveiro, de Valladolid, Isabel e Fernando, príncipe herdeiro de Aragón. Este enlace tivo como consecuencia a unión dinástica da Coroa de Castela e a Coroa de Aragón en 1479 ao acceder Fernando á Coroa aragonesa, aínda que non se fai efectiva ata o reinado do seu neto, Carlos I. Isabel e Fernando estaban relacionados familiarmente e casaran sen a aprobación papal polo que foron excomungados. Posteriormente, Alexandre VI concederalles o título de Reis Católicos.
Debido ao matrimonio de Isabel e Fernando, o rei e medio irmán de Isabel Henrique IV considera roto o Tratado dos Toros de Guisando polo cal Isabel accedería ao trono de Castela á súa morte sempre que contase coa súa aprobación para contraer matrimonio; Henrique IV, ademais, quería aliar a Coroa castelá con Portugal ou Francia en vez de con Aragón. Por estas razóns declara herdeira ao trono a súa filla Xoana a Beltranexa fronte a Isabel. Ao morrer Henrique IV no 1474 comeza unha guerra civil que durará ata o ano 1479 pola sucesión ao trono entre os partidarios de Isabel e os de Xoana, na que vencen os partidarios de Isabel.
Así pois, tras a vitoria de Isabel na guerra civil castelá e a ascensión ao trono de Fernando, as dúas Coroas estarán unidas baixo os mesmos monarcas, pero Castela e Aragón estarán separadas administrativamente, cada Coroa conservará a súa identidade e leis, as cortes castelás permanecerán separadas das aragonesas, a única institución común será a Inquisición. A pesar dos seus títulos de "Reis de Castela, de León, de Aragón e de Sicilia", Fernando e Isabel reinaban máis cada cal nos asuntos das súas respectivas Coroas, aínda que tamén tomaban decisións comúns. A posición central da Coroa de Castela, a súa maior extensión (tres veces o territorio aragonés) e poboación (4,3 millóns fronte aos preto de 1 millón da Coroa aragonesa) farán que tome o papel dominante na unión.
A aristocracia castelá era poderosa grazas á Reconquista (como puido comprobar Henrique IV). Os monarcas necesitan impoñerse aos nobres e o clero. No ano 1476 fúndase o 'Consello da Irmandade', que será coñecido como a Santa Irmandade. Ademais tómanse medidas contra a nobreza, destrúense castelos feudais, prohíbense as guerras privadas e redúcese o poder dos adelantados. A monarquía incorpora as ordes militares baixo o 'Consello das Ordes' no 1495, refórzase o poder real na xustiza a expensas dos feudais e a Audiencia pasa a ser corpo supremo en materia xudicial. O poder real tamén busca controlar máis ás cidades, así nas Cortes de Toledo en 1480 créanse os corrixidores para supervisar os Concellos das cidades. No aspecto relixioso refórmanse as ordes relixiosas e búscase a uniformidade. Prémese para a conversión dos xudeus e nalgúns casos son perseguidos pola Inquisición; finalmente en 1492, para aqueles non conversos decídese a súa expulsión, estimándose que entre 50.000 a 70.000 persoas deberon abandonar a Coroa de Castela. Dende o 1502 tamén se busca a conversión da poboación musulmá.
Entre 1478 e 1496 conquistanse as illas de Gran Canaria, A Palma e Tenerife. O 2 de xaneiro de 1492 os reis entran na Alhambra de Granada, co que se dá fin á Reconquista. Aparecerá a importante figura de Gonzalo Fernández de Córdoba (alcumado o Gran Capitán). En 1492 Cristovo Colón descobre as Indias occidentais e en 1497 tómase Melilla. Tras a toma do Reino de Granada para a Coroa de Castela, a política exterior xirará cara ao Mediterráneo, Castela axudará cos seus exércitos a Aragón nos seus problemas con Francia, o que culminará coa recuperación de Nápoles en 1504 para a Coroa de Aragón. Máis tarde, nese mesmo ano, falece a raíña Isabel.
Séculos XVI-XVII: Do Imperio á crise
[editar | editar a fonte]Período de rexencia
[editar | editar a fonte]Isabel excluíra o seu marido da sucesión á Coroa de Castela, a cal pasaba ás mans da súa filla Xoana (casada con Felipe de Austria, alcumado o Fermoso). Pero Isabel coñecía da enfermidade que a súa filla adoecía (pola cal era coñecida como Xoana a tola) e nomea rexente a Fernando en caso de que Xoana 'non quisiere ou pudiere entender na gobernación deles'. Na Concordia de Salamanca (1505), acórdase o goberno conxunto de Filipe, Fernando e a propia Xoana. Porén, as malas relacións entre o xenro (apoiado pola nobreza castelá) e o seu sogro, o rei Fernando o Católico, fan que este último renuncie ao poder en Castela para evitar un enfrontamento armado. Pola Concordia de Villafáfila (1506), Fernando retírase a Aragón e Filipe é proclamado rei de Castela. En 1507 morre Filipe I e Fernando o Católico volve de novo á rexencia.
Fernando continúa a política de expansión de ambas as dúas coroas, Castela cara ao Atlántico e Aragón cara ao Mediterráneo. En 1508 conquístase La Gomera para Castela, entre 1509 e 1511 conquístase Orán, Burgia e Trípoli e sométese a Alxer. En 1515 tómase Mers el-Kebir. Ao morrer Gastón de Foix, os seus dereitos sucesorios ao Reino de Navarra pasaban ás mans de Xermana de Foix, esposa de Fernando. Utilizando estes presuntos dereitos sucesorios, o Tratado de Blois asinado polos reis de Navarra con Francia en 1512, e con axuda dos navarros beaumonteses, Fernando ocupa o Reino de Navarra con tropas castelás, uns 20.000 soldados ben equipados baixo as ordes do Duque de Alba e ademais, Fernando tamén ten o apoio do seu fillo, o arcebispo de Zaragoza con máis de 3.000 homes que asediarán Tudela, onde houbo unha forte resistencia. As Cortes de Aragón e a propia cidade de Zaragoza non lle deron autorización ata principios de setembro, tras proclamarse a bula Papal Pastor Ille Caelestis, e cando xa quedaban poucas resistencias no Reino. En 1513, Fernando é recoñecido como rei de Navarra polas Cortes navarras (ás que só asistiron beaumonteses). Entre 1512 e 1515 Navarra forma parte da Coroa de Aragón.[2] Finalmente, en 1515 nas Cortes de Castela reunidas en Burgos declárase a anexión do territorio. A esta reunión non acudiu ningún navarro.[3]
Á morte de Fernando en 1516, sucédeo como rexente o Cardeal Gonzalo Jiménez de Cisneros para pasar as dúas coroas ao seu neto, fillo de Xoana e Filipe: o futuro Carlos I.
Carlos V de Habsburgo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Carlos I de España.
Carlos I recibe a Coroa de Castela, a de Aragón e o Imperio debido a unha combinación de matrimonios dinásticos e mortes prematuras.
- Do seu pai Filipe (falecido en 1506) herda os Países Baixos
- Ao morrer Fernando o Católico (o seu avó) recibe a Coroa de Aragón en 1517 e tamén a de Castela (xunto con América), debido a que a súa nai (Xoana 'a tola') estaba incapacitada para gobernar.
- Como neto de Maximiliano, recibe en 1519 o Sacro Imperio Romano Xermánico baixo o nome de Carlos V.
Carlos I non foi ben recibido en Castela. A iso contribuía que fose un rei estranxeiro (nado en Gante), xa antes da súa chegada a Castela, concede cargos importantes a flamengos e diñeiro castelán é usado para financiar a súa corte. A nobreza castelá e as cidades estaban preto dun levantamento para defender os seus dereitos. Moitos casteláns preferían o seu irmán máis novo Fernando (criado en Castela), e de feito o Consello de Castela oponse á idea de Carlos como rei de Castela.
Nas Cortes castelás en Valladolid en 1518, noméase presidente o valón (Jean de Sauvage), feito que provoca iradas protestas nas Cortes, que rexeitan a presenza de estranxeiros nas súas deliberacións. A pesar das ameazas, as Cortes (lideradas por Juan de Zumel, representante por Burgos) resisten e conseguen que o rei xure respectar as leis de Castela, quitar de postos importantes os estranxeiros e aprender a falar castelán. Carlos, tras o seu xuramento, consegue unha subvención de 600.000 ducados.
Carlos I é consciente de que ten moitas opcións para ser emperador e necesita impoñerse na Coroa de Castela e acceder á súa riqueza para o seu soño imperial. Castela era un dos territorios máis dinámico, rico e avanzado da Europa do século XVI, e comeza a darse conta de que pode quedar inmersa nun imperio, isto xunto á falta á súa promesa por parte de Carlos, fai que a hostilidade cara ao novo rei aumente. En 1520 convócanse as Cortes en Toledo para outra subvención (o servizo), que as Cortes rexeitan. Vólvense convocar Santiago co mesmo resultado. Finalmente convócanse na Coruña, subórnase un importante número de representantes, a outros non se lles permite a entrada, e consegue que lle aproben o servizo. Os representantes que votaron a favor son atacados polo pobo castelán e as súas casas queimadas. As Cortes non serán a única oposición coa que se atopará Carlos, pois ao saír de Castela en 1520, deixando como rexente o seu antigo preceptor, o cardeal Hadriano de Utrech, estala a Guerra das Comunidades de Castela. Os 'comuneiros' foron derrotados un ano máis tarde (1521).
A guerra en Navarra reproduciuse varias veces nos anos seguintes á morte de Fernando o Católico, debido aos intentos de reconquista dos reis navarros, axudados polo Reino de Francia. Un destes intentos aconteceu nada máis acceder ao trono Carlos I, en 1516, mais axiña foi atallado. O máis importante produciuse en 1521, onde ademais da entrada de tropas polo norte se produciu un apoio da poboación navarra (incluída a beaumontesa), cunha sublevación xeneralizada que levou a expulsar o exército castelán de todo o territorio navarro. Seguidamente Carlos I enviou un exército de 30.000 homes ben abastecidos, que en pouco tempo e tras a cruenta Batalla de Noáin devolveu o control da maioría do territorio navarro a Castela. Aínda quedaron dous focos de resistencia posteriores, no Castelo de Maia en 1522 e no de Hondarribia en 1524, ademais de na Baixa Navarra, onde as incursións castelás eran inestables. Finalmente, en 1528, Carlos I retiraríase do territorio de Baixa Navarra ao non poder defendelo eficazmente, e abandonando as súas pretensións sobre el, e sen que existise ningún tratado formal entre os reis de Navarra e Carlos I.
Política imperial de Filipe II
[editar | editar a fonte]Filipe II seguiu a mesma política que Carlos I. Pero a diferenza do seu pai, fixo de Castela o centro do seu imperio, centralizando a súa administración en Madrid. O resto de estados mantiveron a súa autonomía gobernados por vicerreis.
Dende Carlos I a carga fiscal do imperio recaía principalmente en Castela, e con Filipe II cuadruplicouse. Durante o seu reinado, ademais de subir os impostos existentes, implantou outros novos, entre eles o escusado en 1567. Ese mesmo ano Filipe II ordena a proclamación a Pragmática. Este edicto limitaba as liberdades relixiosas, lingüísticas e culturais da poboación mourisca, e provoca a Rebelión das Alpuxarras (1568-1571), que Xoán de Austria reduciría militarmente.
Castela entra en recesión en 1575, o que provoca a suspensión de pagamentos (a terceira do seu reinado). En 1590 apróbanse nas Cortes o Servizo de Millóns, un novo imposto que gravaba os alimentos. Isto rematou por arruinar as cidades castelás e eliminou os seus débiles intentos de industrialización. En 1596 produciuse unha nova suspensión de pagamentos.
Reinado dos "Austrias Menores"
[editar | editar a fonte]Nos reinados anteriores, os cargos nas institucións dos reinos províanse con xentes estudadas, os administrativos de Filipe II adoitaban provir das universidades de Alcalá e Salamanca. A partir de Filipe III, os nobres impoñen de novo o seu status para gobernar, ao ser necesario demostrar unha 'limpeza de sangue'. A persecución relixiosa levou a Filipe III en 1609 a decretar a Expulsión dos mouriscos.
Ante o colapso da facenda castelá para manter a hexemonía do Imperio Español durante o reinado de Filipe IV, o Conde-duque de Olivares, valido do rei de 1621 a 1643, intenta levar a cabo unha serie de reformas. Entre estas esta a Unión de Armas, un intento de que cada territorio dentro da Monarquía Hispánica contribuíse de forma proporcional á súa poboación no sostemento do exército. Os seus propósitos de unión non funcionaron e a Coroa Española continuou como unha confederación de reinos.
Luis Méndez de Haro sucede a Olivares como valido de Filipe IV entre 1659 e 1665. O seu obxectivo foi acabar cos conflitos interiores levantados polo seu predecesor (sublevacións de Portugal, Cataluña e Andalucía) e alcanzar a paz en Europa.
Á morte de Filipe IV en 1665, e ante a incapacidade de Carlos II para gobernar, sucédese o letargo económico e as loitas de poder entre os distintos validos. A morte de Carlos II en 1700 sen descendentes provoca a Guerra de Sucesión Española.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Títulos dos reis europeos". Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2003. Consultado o 07 de novembro de 2003.
- ↑ Spain under the Habsburgs. Volume one: From Nation State to World Empire. John Lynch.
- ↑ Tomás Urzainqui Mina. "Navarra Estado europeo" pg. 264; ISBN 84-7681-397-X