Empire State Building
Empire State Building | |
---|---|
Empire State Building | |
Edificio | |
Custo | 24 988 000 $US |
Enderezo | Intersección entre a Quinta Avenida e a Rúa 34 Oeste. |
Localización | Manhattan, Nova York Estados Unidos |
Coordenadas | 40°44′54″N 73°59′07″O / 40.748333333333, -73.985277777778 |
Propietario | W & H Properties |
Uso(s) | mixto |
Construción | |
Inicio | 17 de marzo de 1930 |
Construción | 1930/31 |
Remate | 11 de abril de 1931 |
Dimensións | |
Superficie | 208.879 m2 |
Altura máxima | 443,2 m |
Altura da azotea | 381 m |
Altura da última planta | 373,1 m |
Plantas | 102[1] |
Número de ascensores | 73 |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Shreve, Lamb and Harmon |
Enxeñeiro estrutural | Homer Gage Balcom[2] |
Contratista | Starrett Brothers & Eken |
Promotor | John J. Raskob |
Outros | Ostentou o récord de edificio máis alto do mundo desde 1931 a 1970.[3] |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Empire State Building é un rañaceos de 102[1] plantas dedicado a oficinas situado na Quinta Avenida entre a intersección das rúas 33 e 34 de Manhattan no oeste da cidade de Nova York, en Estados Unidos. A súa altura é de 381 metros, pero acada 443 metros contando coa antena. O nome do edificio deriva do alcume que ten o Estado de Nova York: "Empire State" ("Estado do Imperio"). Foi o edificio máis alto do mundo durante máis de corenta anos, desde a súa finalización en 1931 ata 1972, ano en que se completou a construción da torre norte do World Trade Center. Esta altura causou certos contratempos, como o sucedido o 28 de xullo de 1945, cando un bombardeiro B-25 Mitchell pilotado entre a néboa bateu co edificio entre os andares 79 e 80, causando 14 mortes. Tras a destrución do World Trade Center o 11 de setembro de 2001, o Empire State Building converteuse novamente no edificio máis alto da cidade de Nova York e do estado de Nova York, ata que foi outra vez superado polo One World Trade Center o 30 de abril de 2012, quedando o Empire State outra vez en segundo lugar.[4]
O Empire State Building foi nomeado pola Sociedade Estadounidense de Enxeñeiros Civís como unha das Sete Marabillas do mundo moderno. O edificio e o seu interior son designados monumentos da Comisión para a Preservación de Monumentos Históricos de Nova York, e confirmado pola Xunta de Estimación da Cidade de Nova York. Foi designado como un monumento Histórico Nacional en 1986. En 2007, ocupou o número un na lista das edificacións favoritas estadounidenses e hoxe día tamén. Actualmente é propiedade e está xestionado pola empresa inmobiliaria W & H Properties, e está considerado un dos maiores atractivos turísticos do mundo, ademais de ser designado Monumento Histórico Nacional.
Historia
[editar | editar a fonte]O lugar que ocupa hoxe en día o Empire State Building foi ocupado por primeira vez a finais de século XVIII pola granxa de John Thomson.[5] Nese momento, unha corrente de auga fluía a través do sitio, desaugando na lagoa de Sunfish Pond, localizada a unha cuadra de distancia. A finais do século XIX o lugar foi ocupado polo Hotel Waldorf-Astoria,[6], e foi frecuentado por "Os Catrocentos", a elite social de Nova York.
Deseño e construción
[editar | editar a fonte]O Empire State Building foi deseñado baseado no deseño art déco do arquitecto William F. Lamb, socio da empresa de arquitectura Shreve, Lamb e Harmon, quen realizou os debuxos do edificio en tan só dúas semanas, utilizando como base anteriores deseños, como os do Edificio Reynolds en Winston-Salem, Carolina do Norte e os ad Torre Carew de Cincinnati, Ohio,[7] deseñada esta polo arquitecto Walter W. Ahlschlager. Os principais construtores foron os Irmáns Starrett e Eken, e o proxecto foi financiado principalmente polos empresarios John Jacob Raskob e Pierre Samuel du Pont, ligados coa empresa química DuPont e coa General Motors. A empresa de construción foi presidida por Alfred E. Smith, un ex gobernador de Nova York. A escavación do sitio iniciouse o 22 de xaneiro de 1930, e a construción do propio edificio comezou simbolicamente o 17 de marzo (día de San Patricio). A construción era parte dunha competición en Nova York polo título do edificio máis alto do mundo. No proxecto participaron 3 400 traballadores, na súa maioría inmigrantes procedentes de Europa, xunto con centos de traballadores de mohawk especialistas no traballo co ferro, moitos deles procedían da reserva de Kahnawake, preto de Montreal. Segundo as contas oficiais, cinco traballadores morreron durante a construción, aínda que medios como o New York Daily News elevaban esa cifra ata os 14 mortos[8].
O edificio foi inaugurado oficialmente o 1 de maio de 1931 de forma especial, os netos do gobernador Smith cortaron a cinta e o presidente dos Estados Unidos do momento (Herbert Hoover), premendo un botón dende Washington fixo que se acendesen tódalas luces do edificio en Nova York.
Primeiros plans
[editar | editar a fonte]Bethlehem Engineering Corporation foi a empresa de enxeñería responsable da construción dun edificio de 25 plantas de oficinas onde se asentaba no seu momento o hotel Waldorf-Astoria. O presidente da compañía, Floyd De L. Brown pagou 100 000 dólares de anticipo do millón requirido para iniciar a construción do edificio, coa promesa de que a diferenza se pagaría a posteriori.[9] Brown conseguiu un préstamo dun banco, non podendo devolver o mesmo.[10]
O terreo foi vendido a Empire State Inc. un grupo de investidores podentes entre os que se atopaban Louis G. Kaufman, Ellis P. Earle, John J. Raskob, Coleman du Pont e Pierre S. du Pont.[10] O nome do grupo viña polo alcume da cidade de Nova York.[11] Alfred E. Smith, antigo gobernador de nova york e candidato presidencial cuxa campaña, en 1928, había sigo xestionada por Raskob, foi nomeado encargado da empresa.[10] O grupo adquiriu as terras contiguas de modo que puidese ter os 2 acres necesarios para realizar a base da torre, xunto coa medida de 130 por 61 metros necesario para a propia torre. O consorcio Empire State Inc. fíxose público en agosto de 1929.
Empire State Inc. contratou a William F. Lamb, da firma de arquitectura Shreve, Lamb e Harmon, para realizar o deseño. Lamb realizou os deseños en apenas dúas semanas usando deseños previos que se utilizaron para o edificio Reynolds en Winston-Salem, en Carolina do Norte. A posteriori o seu socio Richmond Shreve realizou os diagramas cos requirimentos do proxecto. A acta de plan urbanístico de 1916 forzou a Lamb a deseñar a estrutura con retranqueos, co cal os pisos inferiores eran de maior tamaño que os superiores. Desta forma, a torre deseñouse de arriba abaixo, tendo finalmente unha forma de lapis.
Cambios no deseño
[editar | editar a fonte]O plan orixinal era construír un edificio de 50 plantas,[12] incrementándose posteriormente a 60 e logo a 80.[13] Dispuxéronse restricións de altura nos edificios próximos, para asegurar que os 50 últimos pisos, do edificio de 300 metros de altura, tivesen vistas de toda a cidade, sen que estas estivesen obstruidas por ningún outro edificio. O New York Times eloxiou a proximidade da localización as estacións, tales como a estación de tránsito da rúa 34 Brooklyn-Manhattan e a terminal de ferrocarril da rúa 33, a unha mazá de distancia, así como a estación Pensilvania ou a estación Grand Central Terminal, da que o separan 9 mazás. Encomiouse así mesmo a disposición de 280 000 metros cadrados de chan para oficinas, nunha das zonas con maior actividade do mundo.
Á vez que o proxecto para a realización do Empire State Building entraba na súa fase final, producíase un concurso na cidade de Nova York para ver cal era o edificio máis alto. Tanto o número 40 de Wall Street, naquela época sede do Banco de Manhattan, como o edificio Chrysler pugnaban por esta distinción e xa estaban en construción cando comezaron os traballos no Empire State. A «carreira cara ao ceo», como se coñeceu no seu momento, representaba o optimismo reinante nos anos 20, estimulado polo boom inmobiliario nas grandes cidades. A revisión do número 40 de Wall street levouno de 260 metros a 282, en abril de 1929, considerándose o máis alto. O edificio Chrysler engadiu 56 metros coa antena, alcanzando os 319 metros e sendo considerado por iso o máis alto. O promotor do edificio, Walter Chrysler, deuse conta de que o seu edificio sería máis alto que o propio Empire State, dando ordes ao arquitecto, William van Alen, de cambiar o teitume do edificio, pasando dunha bóveda a unha forma de agulla.[14] Raskob, coa idea de que o Empire fose o edificio máis alto do mundo, revisou os planos e engadiu cinco plantas extra así como unha agulla; con todo, os novos pisos terían que ser retranqueados debido á presión do vento nesta nova zona.[15] O 18 de novembro de 1929, Smith adquiriu un solar no 27-31 de West 33rd street, engadindo 23 metros de ancho ao edificio.[16] Dous días despois, Smith anunciou os novos plans para o rañaceos que incluían o observatorio no piso 86 a unha altura de 320 metros, superior ao observatorio do edificio Chrysler, situado no piso 71 do mesmo.
Con estes datos o Empire State sería tan só 1,2 metros máis alto que o edificio Chrysler[15] e Raskob, temendo algunha truque no último momento de Chrysler, fixo que se revisasen os planos por última vez, en decembro de 1929, incluíndo unha "coroación" de 61 metros e un mastro para ancoraxe de dirixibles de 68 metros. A altura do teitume era ao final de 380 metros, converténdoo no edificio máis alto do mundo con moita diferenza, mesmo sen contar a antena. O engadido da estación de dirixibles significaba que outra planta, a número 86, tería que ser construída por baixo da coroación; con todo, ao contrario que a antena do edificio Chrysler, o mastro do Empire tería un sentido práctico.[17] O plan final anunciouse ao público o 8 de xaneiro de 1930, antes do inicio da construción. O New York Times anunciou que a antena tiña algúns problemas técnicos, pero non era gran cousa tendo en conta a modificación levada a cabo.[18] Neste momento, os planos do edificio sufriran uns 15 cambios antes de ser aprobados. Lamb describiu o resto de especificacións que se lle deron no plan final:
A programación foi curta: un orzamento fixo, non había máis de 28 pés desde a xanela ata o corredor, a maior cantidade de pisos en tal espazo como fose posible, un exterior de pedra calcaria e a data de finalización o 1 de maio de 1931, o que significaba un ano e seis meses desde o comezo dos bosquexos.
Os contratistas eran Starrett Brothers(a posteriori coñecidos como Starrett Corporation) e Eken, isto é Paul e William A. Starrett e Andrew J. Eken, que posteriormente construirían outros edificios na cidade de Nova York, tales como o residencial Stuyvesant, Starrett City ou a torre Trump.[19] O proxecto foi financiado principalmente por Raskob e Pierre du Pont, mentres que a empresa de subministracións de James Farley proporcionaba os materiais de construción. John W. Bowser tomou o papel de xefe de obra, sendo o enxeñeiro responsable da estrutura Homer G. Balcom. Os prazos tan axustados de construción fixeron que se iniciase a mesma aínda cando non se finalizou por completo o deseño.
Apertura
[editar | editar a fonte]A apertura do edificio coincidiu coa Gran Depresión nos Estados Unidos, e como resultado gran parte do seu espazo de oficinas non foi ocupado. No seu primeiro ano de funcionamento, a plataforma de observación custou aproximadamente dous millóns de dólares, tanto diñeiro como os seus propietarios recibiron polo alugamento dese ano. A falta de inquilinos levou á xente de Nova York a burlarse da construción chamándoa o "Baleiro State" (Empty State Building).[20][21] O edificio non foi rendible ata 1950. A famosa venda de 1951 do Empire State a Roger L. Stevens e os seus socios de negocios foi promovida pola destacada empresa inmobiliaria de Manhattan Charles F. Noyes & Company, por unha cifra récord de 51 millóns de dólares.[22] No momento, ese foi o prezo máis alto xamais pagado por unha estrutura única en bens inmobles da historia.
Terminal de dirixibles
[editar | editar a fonte]O distintivo do edificio foi orixinalmente deseñado para ser un mastro de amarre e estacionamento de dirixibles.[23] O piso número 102 foi deseñado orixinalmente como plataforma de aterraxe para dirixibles. Un ascensor específico, entre os pisos 86 e 102, estaba destinado para o transporte dos pasaxeiros. Con todo, a idea resultou ser pouco práctica e perigosa despois duns intentos con aeronaves, debido aos poderosos movementos causados polo tamaño da construción en si. Unha gran torre de emisión engadiuse á parte superior da agulla en 1953.[24][23]
Choque aéreo de 1945
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Choque do B-25 contra o Empire State Building.
Ás 9:40 do sábado 28 de xullo de 1945, un bombardeiro B-25 Mitchell, pilotado entre a néboa espesa polo Tenente Coronel William F. Smith Jr., estrelouse no lado norte do Empire State Building, entre os pisos 79 e 80.[25] Un dos motores do avión atravesou o edificio ata saír ao lado oposto do impacto e caeu sobre o tellado dun edificio no seguinte bloque, causando un incendio que destruíu un ático. O outro motor e parte do tren de aterraxe caeron polo oco dun ascensor. O lume causado foi extinguido en 40 minutos. Catorce persoas morreron no incidente.[26][27] A ascensorista Betty Lou Oliver sobreviviu a unha caída de 75 pisos dentro dun ascensor, este feito segue vixente como o Récord Guinness de quen sobreviviu á caída máis grande dentro dun ascensor.[28] A pesar dos danos e a perda de vidas, o edificio foi aberto para moitos dos pisos de oficinas o martes seguinte.
Suicidios
[editar | editar a fonte]Ao longo dos anos, máis de trinta persoas suicidáronse desde a parte superior do edificio.[29] O primeiro suicidio produciuse mesmo antes da súa finalización, por un traballador que fora despedido. O valo ao redor da terraza do observatorio foi finalizado en 1947, despois de que cinco persoas trataran de saltar nun período de tres semanas.[30] Un dos suicidios máis famosos foi o da moza Evelyn McHale cuxa foto foi utilizada por Andy Warhol na súa obra Suicide (Fallen body) de 1962.[31] En 1979, Elvita Adams saltou desde o piso 86, pero unha forte corrente de aire levouna de novo ao interior do edificio no piso 85, sobrevivindo só cunha fractura de cadeira. O edificio foi tamén escenario de suicidios en 2004 e 2006.
Rexistros de altura e comparacións
[editar | editar a fonte]O Empire State Building foi a estrutura realizada polo home máis alta do mundo durante 23 anos antes de ser superada por Griffin Television Tower Oklahoma (mastro KWTV) en 1954. Tamén foi a estrutura libre máis alta do mundo hai 36 anos antes de que fose superada pola Torre Ostankino en 1967.
O récord que o Empire State Building mantivo durante máis tempo é o do rañaceos máis alto (alzado estrutural), que tivo durante 41 anos antes de ser superado pola torre norte do World Trade Center en 1972. Coa destrución do World Trade Center nos atentados do 11 de setembro de 2001 foi de novo o edificio máis alto de Nova York e o segundo edificio máis alto das Américas, só superado pola Torre Sears de Chicago. Cando se mide coa altura do pináculo, o Empire State Building é a quinta estrutura libre máis grande das Américas, superada pola Torre CW, a Willis Tower, o Trump International Hotel and Tower e o John Hancock Center.
Espérase que o Chicago Spire alcance a altura do Empire State Building cando estea rematado, pero a súa construción está detida por problemas económicos.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]O edificio Empire State elévase ata os 381 metros (1 250 pés) a nivel do piso 102, e incluíndo os 62 metros (203 pés) do pináculo, a súa altura total chega aos 443 metros ou 1 453 pés e 8 polgadas. Dispón de 85 vías de comunicacións e o espazo de oficinas supón unha superficie de 200 500 m2. Ten unha cuberta ao aire libre e cuberta de observación no piso 86.
Foi o primeiro edificio en ter máis de 100 pisos. Ten 6 500 fiestras e 73 ascensores, e hai 1 860 pasos desde o nivel da rúa ata o piso 102. Ten unha superficie total de 257 211 m2; a base do Empire State ten uns 8 094 m2. Aloxa 1 000 negocios e ten o seu propio código postal. Desde 2007, traballan aproximadamente 21 000 empregados nel diariamente, co que é o segundo maior complexo de oficinas de América, logo do Pentágono. Orixinalmente o edificio contaba con 64 ascensores que se atopan nun núcleo central; hoxe, o Empire State conta con 73 ascensores en total, incluídos os de servizo. Tárdase menos dun minuto por ascensor en chegar ao piso 80, onde se atopa unha plataforma de observación e unha tenda de recordos. Ten 113 km de tubos, 760 km de cable eléctrico, e preto de 9 000 billas. Quéntase por vapor a baixa presión, malia a súa altura, o edificio só require entre 2 e 3 libras por polgada cadrada (14 e 21 kPa) de presión de vapor para a calefacción. Pesa aproximadamente 370 000 toneladas (340 000 t). O seu exterior construiose con paneis de pedra calcaria de Indiana.
A diferenza da maioría dos actuais rañaceos, o Empire State conta cun deseño art déco, típico da arquitectura de pre-segunda guerra mundial en Nova York. As modernistas marquesiñas das entradas dos pisos 33 e 34 conducen a dous pisos de altos corredores de todo o núcleo de ascensores, atravesado por pontes pechadas de aceiro inoxidable e vidro no segundo piso.
O vestíbulo é de tres pisos de altura. O corredor norte contén oito paneis de iluminación, creados por Roy Sparkia e Renée Nemorov en 1963, que representa o edificio como a oitava marabilla do mundo, xunto ás tradicionais sete.
A longo prazo, durante a fase de deseño tivéronse en conta as posibles demandas futuras para garantir que a construción puidese ser usada segundo as novas necesidades. Isto é particularmente evidente no exceso de deseño da construción do sistema eléctrico. A construción do edificio Empire State custou 40 948 900 dólares da época (equivalentes a aproximadamente 500 millóns de dólares en 2010)[32]
Iluminación
[editar | editar a fonte]En 1964 engadíronse focos para iluminar a parte superior do edificio pola noite, en cores elixidas en función da tempada e outros eventos, tales como o Día de San Patricio e o Nadal. Despois do octoxésimo aniversario e a posterior morte de Frank Sinatra, por exemplo, o edificio foi bañado en luz azul para representar ao cantante do alcumo de "Ol' Blue Eyes". Logo da morte da actriz Fay Wray (King Kong) a finais de 2004, o edificio estivo en completa escuridade durante 15 minutos.
Os focos bañárono en vermello, branco e azul durante varios meses logo da destrución do World Trade Center e, a continuación, volveu ao calendario normal. Tradicionalmente, e ademais en función do calendario, o edificio é iluminado coas cores dos equipos deportivos de Nova York nas noites que xogan cada un (laranxa, azul e branco para o New York Knicks; vermello, branco e azul para o New York Rangers; e así sucesivamente).
En xuño de 2002, durante o xubileu dourado da súa maxestade a raíña Elizabeth II do Reino Unido, a cidade de Nova York iluminou ao edificio Empire State en púrpura e ouro (os cores monárquicos da Casa Real de Windsor). O alcalde de Nova York Michael Bloomberg dixo que era un xeito de dicir grazas a súa maxestade a raíña por cantar o Himno Nacional dos Estados Unidos no Palacio de Buckingham logo da traxedia do 11 de setembro de 2001, así como o apoio que o Reino Unido sempre brindou logo.
En 1995, o edificio foi iluminado en azul, vermello, verde e amarelo pola saída á venda do novo sistema operativo de Microsoft, Windows 95, que se iniciou con 300 millóns de dólares da campaña.
O edificio tamén foi iluminado en púrpura e branco en honor aos estudantes que se gradúan na Universidade de Nova York.
O 9 de xullo de 2006, iluminouse por primeira vez coas cores da bandeira da Arxentina, en honor á súa independencia en 1816,[33] así tamén como o 17 de agosto de 2008, no cal facíanse homenaxes a todos os países que participaban nos Xogos Olímpicos de Pekín do 2008, data que coincidiu tamén co falecemento do xeneral José de San Martín.[34] Igualmente, en 2010, luciu as cores da bandeira da Arxentina con motivo de celebración do bicentenario deste país; tamén nese ano luciu as cores da bandeira de Colombia igualmente polo bicentenario de devandito país.
O edificio foi alumado en verde durante tres días en honor da festa islámica de Eid al-Fitr, en outubro de 2007. A iluminación, a primeira dunha festividade musulmá, está destinada a ser un evento anual, e repetiuse en 2008.
Xa en 2007, o edificio iluminouse de cor amarela para indicar a estrea da película The Simpsons.
Na noite do 11 de xullo de 2010 puxo como luces as cores correspondentes á bandeira de España, con motivo da vitoria no Mundial de Suráfrica da FIFA.[35]
Na noite do 15 de setembro de 2010, os seus focos prendéronse en verde, branco e vermello, con motivo da celebración do Bicentenario da Independencia de México.[36]
Plataformas de observación
[editar | editar a fonte]O edificio Empire State é un dos máis populares observatorios ao aire libre do mundo, logo de ser visitado por máis de 111 millóns de persoas. A plataforma de observación do piso 86 ofrece unha impresionante vista de 360º da cidade. Hai unha segunda plataforma de observación no piso 102 que está aberta ao público. Pechouse en 1999, pero volveu abrir en novembro de 2005. É completamente pechada e moito máis pequena que a primeira delas, que poden estar pechadas nos días de alto tráfico. Os turistas poden pagar para visitar a plataforma de observación no piso 86 e unha cantidade adicional para a do piso 102. O observatorio aparece nuns clásicos cinemáticos de Hollywood, incluíndo: "An Affair to Remember", "Love Affair" e Algo para recordar. No clásico literario latinoamericano "El imperio de los de sueños" de Giannina Braschi, a plataforma de observación serve como escenario dunha revolución pastoril; os pastores do campo invaden á cidade de Nova York. A mesma plataforma é invadida por marcianos nun episodio do programa de televisión "I Love Lucy". O edificio está situado nun punto estratéxico para poder observar a cidade.
NY Skyride
[editar | editar a fonte]O edificio Empire State tamén ten unha atracción dun simulador de movemento, situado no segundo piso. Inaugurado en 1994 como un complemento á plataforma de observación, o New York Skyride (ou Skyride NY) é unha simulación de viaxe aérea pola cidade. A presentación dura aproximadamente 25 minutos.
Edificio sostible
[editar | editar a fonte]Logo dun proceso de mellora enerxética, e cun investimento de 550 millóns de dólares, durante o mes de setembro de 2011 o Empire State Building obtivo a certificación LEDE Gold para edificios sostibles outorgada polo US Green Building Council a fin de xerar un aforro de enerxía e diminución da pegada de carbono. Cun aforro estimado de 4,4 millóns de dólares ao ano, previuse recuperar o investimento en tres anos.[37]
Na cultura popular
[editar | editar a fonte]- Quizais a representación popular máis famosa é a da película de 1933 King Kong, na que un simio xigante, sobe ao edificio para escapar dos seus captores. En 1983, con motivo do 50º aniversario da película, un King Kong inflable incluiose no actual edificio. En 2005, estreouse unha nova versión de King Kong, incluíndo un enfrontamento final entre Kong e os avións na cima do edificio.
- Na película Independence Day, o Empire State é destruído por alieníxenas e o lugar onde se situaba queda nun estado moi similar ao da Zona Cero.
- O Empire State Building aparece en 1966 na serie Doutor Who e en múltiples capítulos posteriores.
- Serviu como escenario da última escena e un dos temas principais na película Sleepless in Seattle (1993), de Nora Ephron, con Tom Hanks e Meg Ryan; baseada parcialmente na película An affair to remember, 1957), de Leo McArey, con Cary Grant e Deborah Kerr remake da película Love affair, 1939 tamén de Leo McArey, con Charles Boyer e Irene Dune.
Galería
[editar | editar a fonte]-
Obreiro traballando na construción do edificio.
-
Vistas dende o mirador do piso 86 cara o sur da cidade.
-
O Empire State de noite.
-
Transición do edificio do día á noite.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Empire State Building" The Skyscraper Center Council on Tall Buildings and Urban Habitat website
- ↑ The New York Times (5 de xullo de 1938). "Homer G. Balcom, Engineer, Is Dead". Consultado o 1 de outubro do 2017.
- ↑ Empire State Building
- ↑ "La Freedom Tower supera al Empire State Building por seis metros, pero sin contar con la antena de este último". ABC. 30 de abril de 2012. Consultado o 30 de abril de 2012.
- ↑ Esbnyc.com (ed.). "Empire State Building : Official Internet Site". Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2014. Consultado o 1 de outubro do 2017 v.
- ↑ "History of The Empire State Building" (en inglés). Consultado o 1 de outubro do 2017.
- ↑ Carew Tower - Cincinnati, Ohio
- ↑ Langmead(2009), Donald. Icons of American Architecture: From the Alamo to the World Trade Center [Iconos da arquitectura americana: do Álamo o Word Trade Center] (en inglés). p. 71-92. Consultado o 6 de setembro do 2020.
- ↑ Douglas, George H. Rascacielos: una historia social de los edificios más altos de América. p. 108.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Rascacielos: una historia social de los edificios más altos de América. p. 109.
- ↑ Entendiendo los edificios altos: teoría de la construcción de la paz. p. 72.
- ↑ Langmead, Donald. Iconos de la arquitectura americana: de el Álamo al World Trade Center. p. 81. Consultado o 29 de outubro do 2023.
- ↑ "Smith ayudará a construir el rascacielos más alto: el exgobernador encabezará el grupo que construirá el edificio de oficinas de 80 plantas en el emplazamiento del Waldorf Astoria" (PDF). The New York Times. 22 de outubro de 2017.
- ↑ Tauranac (2014), John. Empire State Building: la construcción de una referencia. p. 130.
- ↑ 15,0 15,1 Tauranac (2014), John. Empire State Building: la construcción de una referencia. p. 131.
- ↑ Bascomb (2004), Neal (2004). Más alto: carrera hacia el cielo y construcción de una ciudad. p. 230. ISBN 978-0-7679-1268-6.
- ↑ Bascomb (2004), Neal (2004). Más alto: carrera hacia el cielo y construcción de una ciudad. p. 235. ISBN 978-0-7679-1268-6.
- ↑ "El rascacielos de Smith tiene un nuevo diseño: los retranqueos en el Empire State comenzarán en la sexta planta" (PDF). The New York Times. 8 de diciembre de 2017.
- ↑ Jackson(2010), Kenneth T. (2010). enciclopedia de Nueva York. p. 1230. ISBN 978-0-300-11465-2.
- ↑ "NYT Travel: Empire State Building" (en inglés). NY Times.
- ↑ "A Renters' Market in London" (en inglés). Time. 18 de agosto de 2008. Arquivado dende o orixinal o 19 de abril de 2010. Consultado o 03 de abril de 2018.
- ↑ "New York: A Documentary Film" (en inglés). PBS.[Ligazón morta]
- ↑ 23,0 23,1 Shanor, Rebecca Read (1995). "Unbuilt projects". En Kenneth T. Jackson. The Encyclopedia of New York City (en inglés). New Haven, CT & London & New York: Yale University Press & The New-York Historical Society. pp. 1208–1209.
- ↑ Goldman, Jonathan (1980). The Empire State Building Book (en inglés). Nueva York: St. Martin's Press. p. 44.
- ↑ "750th Squadron 457th Bombardment Group: Officers - 1943 to 1945" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2019. Consultado o 3 de abril do 2018.
- ↑ "Empire State Building Withstood Airplane Impact" (en inglés). TMS. Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2014. Consultado o 03 de abril de 2018.
- ↑ "Plane Hits Building – Woman Survives 75-Story Fall" (en inglés). Elevator-World. Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2011. Consultado o 03 de abril de 2018.
- ↑ "Longest Fall Survived In An Elevator" (en inglés). Guinness World Records. Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2006.
- ↑ "An urban icon where they used to go fishing" (en inglés). IHT. Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2006.
- ↑ Compass American Guides: Manhattan, 4th Edition. Reavill, Gil and Zimmerman, Jean P. 160.
- ↑ "Suicide (Fallen body), Andy Warhol" (en inglés). Tumblr.
- ↑ Rosenberg, Jennifer. "Empire State Building Trivia and Cool Facts" (en inglés). About.com. Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2017. Consultado o 17 de outubro do 2015.
- ↑ "La noche en que el Empire State se iluminó de celeste y blanco" (en castelán). InfoBae. Consultado o 17 de outubro do 2015.
- ↑ "Celeste y blanco en el Empire State" (en castelán). La Nacion. 17 de agosto de 2008. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2020. Consultado o 17 de outubro do 2015.
- ↑ "El Empire State rinde homenaje a la victoria de España" (en castelán). La Voz Digital. Consultado o 17 de outubro do 2015.
- ↑ "Celebridades mexicanas en desfile del Bicentenario". Impre. 14 de setembro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2010. Consultado o 14 de setembro de 2010.
- ↑ "Empire State Building's green transformation earns LEED Gold" (en inglés). Business Green. Consultado o 17 de outubro do 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Empire State Building |