Lingua romanesa
Romanés Română | ||
---|---|---|
Pronuncia: | [ro'mɨ.nə] | |
Outros nomes: | moldovo (en Moldova) | |
Falado en: | Romanía (22 millóns, 90% da pob.), Moldova (~2,5 millóns) e pequenas zonas de Serbia (Voivodina) e outros 18 países | |
Total de falantes: | 28 millóns (24 m. falantes nativos, 4 m. segunda lingua) | |
Posición: | 34 | |
Familia: | Indoeuropea Itálica Románica Románica oriental Balco-románica Romanés | |
Escrita: | alfabeto latino (antigamente en alfabeto cirílico) | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | Romanía Moldova Voivodina (Serbia) Unión Europea | |
Regulado por: | Academia Română | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | ro
| |
ISO 639-2: | run (B) | ron (T) |
ISO 639-3: | ron
| |
SIL: | RUM
| |
Mapa | ||
Status | ||
A lingua romanesa ou romanés[2] (limba română AFI /'limba ro'mɨnə/) é unha lingua romance do Leste de Europa, falada por uns 30 millóns de persoas, a maioría delas en Romanía (onde é lingua oficial) e en Moldova, así como en zonas de Serbia (na provincia autónoma de Voivodina), de Hungría e da Ucraína. Existen importantes núcleos de emigración romanesa en países como Italia, España, Israel, Estados Unidos, Francia e Alemaña, entre outros.
Descrición lingüística
[editar | editar a fonte]Fonoloxía e escritura
[editar | editar a fonte]O alfabeto romanés é fundamentalmente fonético.
A mostra escrita en romanés máis antiga da que se ten constancia é unha carta de 1521 chamada a carta de Neacșu de Câmpulung. Está escrita co alfabeto cirílico como tódolos primeiros textos romaneses (isto débese a que a lingua que se utilizaba para as cerimonias relixiosas era o eslavo antigo).
A fins do 1700 eruditos transilvanos empezan a usa-lo alfabeto latino para escribir en romanés. O alfabeto cirílico seguiuse usando (gradualmente caendo en desuso) ata 1860, cando a escritura romanesa foi oficialmente normativizada.
Gramática
[editar | editar a fonte]O substantivo
[editar | editar a fonte]Os nomes, en romanés, flexiónanse indicando xénero, número e caso.
Xénero
[editar | editar a fonte]Ó contrario que a maioría das linguas romances, o romanés conserva tres xéneros: masculino, feminino e neutro; mantendo así o neutro herdado do latín. Porén, no idioma romanés o xénero gramatical neutro funciona dun xeito abondo peculiar: asume a forma do masculino no singular mais do femenino cando está no plural.
As palabras que rematan en "ă" acostuman a ser femininas, mentres que os nomes con final consonántico son masculinos ou neutros. Ademais, as palabras que rematan en "e" poden ser de calquera xénero.
Algunhas veces pódese modifica-lo xénero utilizando sufixos. De feminino a masculino utilízase o sufixo "-oi" (pisica (fem) - pisoi (masc) = gato) e o proceso oposto lógrase co sufixo "-ică" (lup (masc) - lupoaică( (fem) = loba).
Número
[editar | editar a fonte]O romanés distingue entre as formas do plural e o singular nos nomes. O plural fórmase con cambio vocálico (do mesmo xeito que no italiano, o plural acostuma a derivar do caso xenitivo latino), pero en ocasións hai algún outro son que cambia dentro dos nomes (así "o noapte" = unha noite, fronte a "două nopți" = dúas noites).
A continuación hai unha táboa coas normas de formación do plural romanés:
Xénero | Sufixo - Sg | Sufixo - Pl |
Feminino | -ă / -e / -ea | -e / -i / -ele |
Masculino | -(consoante)/-e / -u | -i |
Neutro | -(consoante) | -uri / -oare / -e |
Algúns exemplos:
Xénero | Nome - Sg | Nome - Pl | Xénero | Nome - Sg | Nome - Pl |
Feminino | carte = libro | cărți = libros | Masculino | călător = viaxeiro | călători = viaxeiros |
Neutro | drum = estrada | drumuri = estradas | Neutro | măr = mazá | mere = mazás |
Artigos
[editar | editar a fonte]- Artigo determinado
Outra peculiaridade do romanés é que ten o artigo determinado adherido ó final do nome, coma no veciño albanés (tamén no sueco), no canto de ser unha palabra separada ó inicio do sintagma nominal. O artigo determinado formouse, ó igual ca noutras linguas romances a partir do pronome demostrativo do latín.
Xénero | Nome | Artigo determinado | Nome con artigo |
Feminino | carte = libro | -a | cartea = o libro |
Masculino | drum = estrada | -ul | drumul = a estrada |
- Artigo indeterminado
Xénero | Nominativo | Dativo | ||
Singular | Plural | Singular | Plural | |
Feminino | o | niște | unei | unor |
Masculino | un | unui | ||
Neutro |
Posesión
[editar | editar a fonte]A posesión indícase mediante o artigo posesivo, e mediante o caso oblicuo dun nome posuidor.
Xénero | Singular | Plural |
Feminino | a | ale |
Masculino | al | ai |
Os pronomes
[editar | editar a fonte]Ó igual ca no italiano, normalmente omítense os pronomes en caso nominativo, a non ser que haxa que aclarar algunha ambigüidade no significado da oración. Normalmente, o sufixo do verbo achega información sobre o suxeito. A inflexión de xénero aparece tan só na terceira persoa (el/ea).
Casos | Primeira persoa | Segunda persoa | Terceira persoa | |||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Singular | Plural | Singular | Plural | Singular | Plural | |||
masc | fem | masc | fem | |||||
Nominativo | eu | noi | tu | voi | el | ea | ei | ele |
Xenitivo | meu | nostru | tău | vostru | lui | ei | lor | |
Dativo | mie | nouă | ție | vouă | lui | ei | lor | |
Acusativo | mine | noi | tine | voi | el | ea | ei | ele |
Vocativo | - | - | tu | voi | - | - | - | - |
O verbo
[editar | editar a fonte]O romanés herdou do latín os seus catro grupos verbais. Por outro lado, o romanés ten seis formas distintas de expresa-lo tempo futuro.
Léxico
[editar | editar a fonte]A maior parte do léxico romanés (ó redor dun 75%) é de orixe (latina), pero, ademais, tamén tomou emprestadas moitas palabras dos seus veciños eslavos, do francés, italiano, alemán, húngaro, turco, grego e inglés.
A influencia eslava apréciase tanto na compoñente léxica coma na fonética da lingua. Por exemplo, ó non te-lo latín unha palabra para expresar "si", o romanés tomou a expresión eslava da. Ademais, o romanés é a única das linguas romances co fonema /h/.
Tamén cabe destacar que case tódalas actividades rurais teñen nomes procedentes do latín, mentres que aquelas relacionadas coa vida urbana foron emprestadas doutras linguas (francés, italiano, alemán, inglés, húngaro etc).
Durante o século XIX, o romanés tomou emprestado léxico do francés e do italiano. Máis adiante, tomou do alemán e o inglés.
A modo de exemplo, na seguinte frase saliéntanse as palabras emparentadas en distintas linguas romances:
- Ea închide întotdeauna fereastra înainte de a cina. (romanés)
- Ela pecha sempre a fiestra antes de cear. (galego)
- Ea semper fenestram claudit antequam cenet. (latín)
- Ella chiude sempre la finestra prima di cenare. (italiano)
- Elle ferme toujours la fenêtre avant de dîner. (francés)
- Ella siempre cierra la ventana antes de cenar. (español)
- Ella tanca sempre la finestra abans de sopar. (catalán)
Dimensión social, histórica e literaria
[editar | editar a fonte]Historia da lingua
[editar | editar a fonte]En tempos antigos, o territorio onde se atopa actualmente Romanía foi habitado polas parcialidades tracias dos xetas e dacios, quen falaban unha lingua indoeuropea, a lingua dos dacios, da que se sabe moi pouco. Algúns lingüistas opinan que era unha lingua similar ó latín, aínda que con moitas probabilidades influída polo grego.
Despois a conquista romana, Dacia transformouse nunha provincia romana e o latín vulgar converteuse na lingua usada pola administración e para o comercio. Hai que destacar que só unha pequena parte de Dacia (o que hoxe é Romanía) foi romanizada. A maior parte do territorio estaba poboado por dacios libres (carpos), os cales nunca estiveron baixo control romano.
Aínda que pode que nunca se saiba moito acerca do dacio, hai unhas 300 palabras puramente romanesas, existentes nos catro dialectos, e moitas con correspondentes en albanés, sobre as cales se considera que poderían ser herdadas do dacio, moitas delas ligadas á vida pastoril, tales como bránză ("queixo"). Algúns lingüistas afirman que os albaneses serían dacios non-romanizados, que migraron rumbo ao sur. Un outro punto de vista afirma que esas palabras non-latinas (moitas con correspondentes en albanés) non son tampouco de orixe dacia, e si terían sido traídas no territorio da Romanía por pastores romanizados que migraban da Albania, Serbia e Grecia do norte no espazo cárpato-danubiano-pontico, que tornáronse, despois de, o pobo romanés.
Pénsase que tódolos dialectos romaneses estiveron unificados ata un momento situado entre o século VII e o século X, antes de que as linguas eslavas se achegaran ós pobos de fala dacia.
As variacións do dialecto daco-romanés (o cal se fala por toda Romanía) son insignificantes, o cal chama a atención porque ata a era moderna non houbo apenas contacto entre os romaneses de distintas rexións. Esta uniformidade esténdese máis alá das fronteiras romanesas, xa que un falante de romanés en Serbia utiliza a mesma linguaxe ca un de Moldova.
A primeira mostra escrita de romanés data do século XVI.
Distribución xeográfica
[editar | editar a fonte]O romanés fálase principalmente en Romanía, Moldova, e nalgunhas comarcas de Ucraína (sectores de Bucovina e sueste de Besarabia), Hungría, Serbia e Montenegro (sectores da rexión autónoma de Voivodina e sueste de Besarabia) , Bulgaria, Macedonia do Norte e Grecia. Porén, hai falantes romaneses espallados por diversos países, tales como o Canadá, os Estados Unidos, Alemaña, Israel, Australia e Nova Zelandia. Esta dispersión débese principalmente á inmigración de despois da segunda guerra mundial.
País | Poboación | Falantes nativos de romanés | Porcentaxe | Notas adicionais |
Romanía | 21,698,181 | 19,420,000 | 89.5% | Lingua oficial |
Moldova | 4,430,654 | 3,483,600 | 64.5% | Lingua oficial |
Rusia | 145,537,200 | 178,000 | 0.1% | Moitos deles foron moldovos desterrados a Siberia |
Ucraína | 48,055,439 | 385,000 | 0.8% | zonas meridionais na Bucovina ucraína e sur de Besarabia |
Serbia e Montenegro | 10,662,087 | 200,000 - 500,000 | 0.5% - 4.6% | Unha das lingua oficiais de Voivodina ( Banato meridional) xunto co serbocroata e o maxiar ou húngaro |
Israel | 6,700,000 | 250,000 | 3.7% | |
Alemaña | 83,251,851 | 150,000 | 0.2% | |
Estados Unidos | 281,421,906 | 100,000 | 0.03% | |
Hungría ( especialmente nas zonas fronteirizas do Bánato occidental ou Banato de Temesvar) | 10,138,844 | 71,000 | 0.7% | |
Canadá | 32,207,113 | 60,520 | 0.2% |
Oficialidade
[editar | editar a fonte]O romanés é lingua oficial en Romanía, Moldova (neste último territorio chámaselle" lingua moldova") e é, xunto ó serbocroata e ó maxiar lingua cooficial na rexión autónoma de Voivodina - ou en romanés Banato Meridional- (no norte de Serbia).
Noutros países de Europa do Leste (agás Hungría), a minoría romanesa ten moi poucos dereitos en relación co uso do romanés en escolas e institucións.
Dialectoloxía
[editar | editar a fonte]O romanés, lingua romance, ten catro dialectos:
- Daco-romanés: tamén chamado "romanés", lingua oficial de Romanía, falado ó norte do Danubio.
- Macedorromanés fálase en Grecia, Macedonia do Norte, Bulgaria e Serbia.
- Meglenorromanés (tamén chamado "meglenita") - Norte de Grecia.
- Istriorromanés - na zona actualmente croata da península Istria.
Pénsase que o romanés naceu ó norte e ó sur do Danubio. Isto puido manterse así ata a chegada e os asentamentos dos eslavos ó sur do río.
Literatura en lingua romanesa
[editar | editar a fonte]Breve vocabulario
[editar | editar a fonte]- "romanés" (persoa): "Român"
- "ola": "Salut" ou "Salutare" ou "Bună"
- "adeus": "La revedere"
- "vémonos": "Pa" ou "Ne vedem"
- "por favor": "Vă rog"
- "síntoo": "Îmi pare rău"
- "grazas": "Mulțumesc"
- "si": "Da"
- "non": "Nu"
- "Non entendo": "Nu înțeleg"
- "Onde está o cuarto de baño?": "Unde e baia?"
- "Falades español?": "Vorbiți spaniola?"
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para romanés.
- Rosetti, Alexandru, Istoria limbii române, 2 vols., Bucarest, 1965-1969.
- Uwe, Hinrichs, Handbuch der Südosteuropa-Linguistik
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Existe unha versión da Wikipedia en Lingua romanesa |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Para aprender romanés
- Curso para aprender a lingua romanesa - EasyRomanian.com
- leccións de romanés
- Verbix: conxugación dos verbos en romanés
- Gramática
- Vocabularios
- Libro de expresións romanesas Wikivoyage
- Unilang2.org: palabras básicas do romanés
- Estudo comparativo dos vocabularios representativos do español e o romanés Estudo realizado por Dan Munteanu. Publicado na revista da Sociedade Española de Lingüística.
- Leccións romanesas do vocabulario no Internet Polyglot Arquivado 21 de outubro de 2006 en Wayback Machine.
- Dicionarios
- Dicionario online de romanés-inglés
- DEX online - Dicionario romanés con numerosas explicacións.
- Dicionario inglés-romanés: da edición Rosetta de Webster.
- Dicionario de descarga gratuíta