Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2020.) |
O Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos é un tratado multilateral, adoptado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas mediante a Resolución 2200A (XXI), de 16 de decembro de 1966. Entrou en vigor o 23 de marzo de 1976.
Foi adoptado ao mesmo tempo que o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e faise referencia a ambos co nome de Pactos Internacionais de Dereitos Humanos ou Pactos de Nova York. Á súa vez, estes, xunto coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, comprenden o que algúns chamaron Carta Internacional de Dereitos Humanos.
Estrutura
[editar | editar a fonte]O Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos comprende un Preámbulo e seis partes:
- Parte I (artigo 1). Dereito de libre determinación dos pobos.
- Parte II (artigos 2 a 5). Disposicións transversais sobre o alcance dos dereitos humanos e as obrigacións dos Estados.
- Parte III (artigos 6 a 27). Dereitos recoñecidos.
- Parte IV (artigos 28 a 45). Creación do Comité de Dereitos Humanos.
- Parte V (artigos 46 e 47). Cláusulas interpretativas.
- Parte VI (artigos 48 a 53). Disposicións xerais.
Dereitos recoñecidos
[editar | editar a fonte]En virtude do artigo 2, os Estados partes no Pacto asumen a obrigación, respecto de toda persoa no seu territorio ou baixo a súa xurisdición, de respectar e garantir os dereitos humanos recoñecidos. Isto implica que deben absterse de violar estes dereitos ("respectar"), pero tamén adoptar medidas positivas para que os dereitos sexan efectivos ("garantir"). De acordo co artigo 3, deben pór a disposición de toda persoa vítima dunha violación un recurso imparcial e efectivo para a súa defensa.
Os dereitos deben garantirse "sen distinción ningunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou doutra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacenza ou calquera outra condición social".
Os dereitos só son susceptíbeis de restrición por lei e nos casos en que así se indique. Ademais, algúns dereitos poden suspenderse en situacións excepcionais por un período limitado, debéndose informar diso aos Estados partes no Pacto a través do Secretario Xeral de Nacións Unidas.
O artigo 5, por outra banda, prohibe o abuso do dereito, así como a restrición dun dereito por estar recollido cun alcance menor no Pacto que no Dereito interno.
A seguinte táboa recolle os dereitos plasmados en cada artigo do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, así como cales son susceptíbeis de limitación ou suspensión.
Artigo | Dereito recoñecido | Limitación | Suspensión |
---|---|---|---|
Art. 6 e Protocolo segundo | Dereito á vida e limitacións á pena de morte | Non | Non |
Art. 7 | Prohibición da tortura e penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes | Non | Non |
Art. 8 | Prohibición da escravitude, a servidume e os traballos forzados | Non | Só 8.3 |
Arts. 9 e 10 | Dereito á liberdade e a seguridade. Garantías para detidos e presos | Non | Si |
Art. 11 | Prohibición de prisión por débedas | Non | Non |
Art. 12 | Liberdade de circulación | Si | Si |
Art. 13 | Garantías na expulsión de estranxeiros | Non | Si |
Art. 14 | Garantías xudiciais | Non | Si |
Art. 15 | Principio de legalidade penal e irretroactividade das normas | Non | Non |
Art. 16 | Dereito á personalidade xurídica | Non | Non |
Art. 17 | Dereito á vida privada e de familia | Non | Si |
Art. 18 | Liberdade de pensamento, conciencia e relixión | Só 18.3 | Non |
Art. 19 | Liberdade de expresión | Si | Si |
Art. 20 | Prohibición da propaganda en favor da guerra | Non | Si |
Art. 21 | Dereito de reunión | Si | Si |
Art. 22 | Dereito de asociación | Si | Si |
Art. 23 | Dereito a contraer matrimonio | Non | Si |
Art. 24 | Dereitos do neno a unha protección específica, ao nome e á nacionalidade | Non | Si |
Art. 25 | Dereitos de participación política | Non | Si |
Art. 26 | Igualdade ante a lei e prohibición da discriminación | Non | Si |
Art. 27 | Dereito das minorías a preservar a súa cultura, relixión e idioma | Non | Si |
O Comité de Dereitos Humanos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Comité de Dereitos Humanos.
O Comité é un órgano convencional formado por 18 expertos independentes elixidos por un período de catro anos. A súa finalidade é controlar o cumprimento do Pacto polos Estados, a través dos seguintes mecanismos:
- Un sistema de informes periódicos.
- Reclamacións interestatais, polas que o Comité estuda unha a unha as alegacións dun Estado sobre o incumprimento doutro.
- Queixas individuais, polas que persoas que se consideran vítimas de violacións de dereitos poden alegalo ante o Comité.
A presentación de informes periódicos é obrigatoria para os Estados partes no Pacto, pero a aceptación dos sistemas de reclamacións interestatais ou queixas individuais é voluntaria.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carrillo Salcedo, J.A. (2001). Soberanía de los Estados y Derechos Humanos en Derecho internacional contemporáneo. Madrid: Tecnos.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Proceso de elaboración dos Pactos de Nova York
- Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais
- Convenio Europeo de Dereitos Humanos
- Convención Americana sobre Dereitos Humanos
- Declaración Universal dos Dereitos Humanos
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos
- Protocolo Facultativo do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos
- Segundo Protocolo Facultativo do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, destinado a abolir a pena de morte
- Páxina do Comité de Dereitos Humanos
- Instrumento de ratificación de España do Pacto