Saltar ao contido

Relixión tradicional chinesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O fonograma 禄 simboliza a prosperidade e emprégase con frecuencia como amuleto de boa sorte na relixión tradicional chinesa

A relixión tradicional chinesa (tamén coñecida como relixión tradicional Han[1] ou shenismo[2]) é a relixión propia e autóctona da China. É unha relixión politeísta e con certos elementos do xamanismo, fondamente influenciada polo budismo, o confucianismo e o taoísmo.

É a relixión predominante na China e, a pesar diso, o seu número de crentes é difícil de calcular, xa que as fontes varían entre 390 e 880 millóns; ademais, nas enquisas e nos censos do goberno chinés polo xeral as persoas afílianse como budistas ou como taoístas se é que se afilian. Sendo unha relixión sincrética, resulta difícil diferenciala das outras tradicións espirituais chinesas máis organizadas.

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome máis común, aínda que un tanto xenérico, é relixión tradicional chinesa. Tradicionalmente nos textos académicos occidentais tamén foi denominada relixión ou crenza popular chinesa. Porén, na tradición académica chinesa o uso de popular, en inglés folk (民間宗教, mínjiān zōngjiào), refírese unicamente a algunhas relixións salvacionistas chinesas.[3]

Segundo aumentaban os estudos sociolóxicos sobre os cultos tradicionais, os intelectuais e os filósofos da China propuxeron a adopción dun nome formal para resolver esta confusión terminolóxica, incitado ademais por unha axencia do goberno da República Popular da China, que ten como obxectivo dotar a relixión chinesa cun status legal. Os termos que se foron propoñendo inclúen "relixión nativa chinesa" ou "relixión indíxena chinesa" (民俗宗教, mínsú zōngjiào), "religión étnica chinesa" (民族宗教, mínzú zōngjiào)[3] ou simplemente como "relixión chinesa" (中華教, Zhōnghuájiào), aínda que este último quizais dese a entender que é a única relixión da China.

Durante os anos 50, o antropólogo Allan J. A. Elliott cuñou o termo "shenismo" (神教 Shénjiào),[4] do que derivou máis tarde "shenxianismo" (神仙教 Shénxiānjiào) máis aceptado entre os intelectuais chineses. Este procede da palabra Shen (神), que significa deidade ou espírito (propio da relixión tradicional chinesa, mais tamén como nome aplicable a calquera outra relixión). O mesmo pictograma existe no xaponés, e co mesmo significado, mais lese diferente: kami.

Filosofía

[editar | editar a fonte]
Representación do yin e yang (Taijitu) do filósofo chinés Lai Zhide

A relixión tradicional chinesa rende culto ás múltiples deidades e inmortais (神, shen) que poden proceder dun fenómeno, dun comportamento humano, dos proxenitores dunha liñaxe... As relixións chinesas teñen unha variedade de fontes, formas locais, antecedentes fundadores e rituais. A pesar desta diversidade, existe un marco teórico-filosófico común que se pode resumir en catro conceptos teolóxicos, cosmolóxicos e morais:[5]

  • Tian (天, "o ceo"), a fonte transcendente do significado moral
  • (氣), a respiración ou enerxía que anima o universo
  • jingzu (敬 祖), a veneración dos devanceiros
  • bao ying (報應), a reciprocidade moral

Ademais están os dous conceptos tradicionais de destino e significado: ming yun (命運), o destino persoal ou a prosperidade, e yuanfen (緣分), "coincidencia fatídica", é dicir, posibilidades boas e malas e relacións potenciais.[6]

O concepto dual do yin e yang (陰陽) é a polaridade que describe a orde do universo, onde o yin representa o pasivo, o feminino e a terra, e o yang representa o activo, o masculino e o ceo.Modelo:Sfnb

Templo na zona antiga de Shanghai

O xeito de comprender as relixións chinesas difire das relixións occidentais. A relixión popular chinesa impregna todos os aspectos da vida social. Moitos estudosos, como o sociólogo chinés C.K. Yang, ven a relixión chinesa profundamente arraigada na vida familiar e cívica, en lugar de expresarse nunha estrutura organizativa separada, como é a igrexa. Para participar, a relixión chinesa non require unha "conversión" dos crentes, senón a súa "asociación". Tampouco se pretende ter fe nun dogma. Os seus seguidores relaciónanse coa relixión mediante a pertenza. É dicir, "pertencer" á comunidade local, a unha liñaxe, a un pobo, cos seus deuses e rituais.[7] Por iso o culto chinés non ten unha estrutura xerárquica nin hai un líder espiritual nin libro sagrado (como por exemplo no catolicismo).

A posta en valor do "local" explica a diversidade de tradicións relixiosas na China (que, non obstante, tamén teñen moitos nexos comúns entre elas). Aínda que moitos estudosos sinalan que é imposible facer distincións claras, desde a década de 1970, varios sinólogos adoptaron a idea dunha relixión chinesa unificada para definir a identidade nacional chinesa, de xeito similar ao hinduísmo para a India ou o xintoísmo para o Xapón.

A relixión tradicional chinesa, en termos xerais, é unha forma de politeísmo e sincretismo que inclúe a veneración dos devanceiros, o culto a deuses naturais e mesmo a astros como a lúa e osol, extraendo do budismo, o taoísmo e o confucianismo gran parte da súa doutrina espiritual. En moitos casos, santos taoístas, budas e deuses chineses entremestúranse. Parte da relixión inclúe a bruxaría realizada por parte de persoas especializadas.

Sociedade dos Adoradores de Deus

[editar | editar a fonte]

É unha seita creada por Hong Xiuquan en que se cría que Shangdi era o pai de Hong e Xesucristo, sendo Hong o irmán máis novo ao que se lle encomendara restaurar a adoración tradicional a Shangdi, instaurar os preceptos cristiáns e limpar a China do confucianismo, que se cría que era a ferramenta empregada polos manchús para manterse no poder e marxinar os han, etnia maioritaria no país.

Varias representacións de Matsu, deusa patroa dos mariñeiros e do mar, ornamentada con finos traxes artesanais
  • Guan Yu (關羽), deus da verdade e da lealdade
  • Baosheng Dadi (保生大帝), grande emperador da vida
  • Cai Shen (財神), deus da saúde e do benestar
  • Hu Ye (虎爺 "Señor Tigre"), un espírito gardián
  • Matsu (媽祖), a deusa patroa dos mariñeiros
  • Shangdi (上帝), literalmente "emperador supremo"
  • Cheng Huang (城隍), deidades protectoras
  • Sun Wukong (孫悟空,齊天大聖), "o rei mono"
  • Tu Di Gong (土地公), deus da tierra
  • Wenchangdi (文昌帝, "emperador da cultura"), deus do estudo
  • Xi Wangmu (西王母), "raíña nai do oeste"
  • Yuexia Laoren (月下老人), "ancián na lúa"
  • Zao Shen (灶君|灶神), deus da cociña
  • Zhusheng Niangniang (註生娘娘 "deusa do nacemento"), deusa da fertilidade
  • Guan Yin (觀音), deusa da compaixón e da misericordia, nai, Buda feminino

Demografía

[editar | editar a fonte]

A relixión tradicional chinesa é seguida por millóns de persoas tanto na China continental como en Taiwán nas comunidades chinesas de todo o mundo. O goberno chinés é oficialmente laico, e só patrocina con certa reserva o confucianismo e o budismo. No caso de Taiwán, as estatísticas oficiais indican que a poboación é formalmente budista. A pesar disto a influencia cultural da tradición relixiosa chinesa é apreciable.

  1. Brown, Melissa J.; Feldman, Marcus W. (2009). "Sociocultural epistasis and cultural exaptation in footbinding, marriage form, and religious practices in early 20th-century Taiwan". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 106 (52): 22139–22144. PMC 2796906. PMID 20080786. doi:10.1073/pnas.0907520106. 
  2. De Shen (神), que significa deidade, espírito ou theos.
  3. 3,0 3,1 Philip, Clart (1997). "Journal of Chinese Religions" (PDF) (en inglés). Consultado o 21 de abril de 2019. 
  4. Shi, Yilong (2008). ""中国汉人自发的宗教实践 — 神仙教 Zhongguo Hanren zifadi zongjiao shijian: Shenxianjiao (The Spontaneous Religious Practices of Han Chinese Peoples — Shenxianism)"" (en chinés). Journal of South-Central University for Nationalities (Humanities and Social Sciences. Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2019. Consultado o 21 de abril de 2019. 
  5. Fan & Chen (2013), pp. 5-6.
  6. Fan & Chen (2013), p. 23.
  7. Fan & Chen (2013), p. 5.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]