República de Novgorod
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2015.) |
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Nóvgorod | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | antigo eslavo oriental Dialeto da Antiga Novgorod (pt) | ||||
Relixión | Cristianismo ortodoxo e Paganismo finlandês (pt) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 3.000.000 km² | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 1136 | ||||
Disolución | 1478 (Gregoriano) | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república Oligarquía | ||||
Moeda | grivna (en) | ||||
A República de Novgorod (en ruso: Новгоро́дская республика, Novgoródskaia respúblika) foi un extenso Estado medieval que ocupaba territorios da actual Rusia, desde o mar Báltico até os montes Urais, entre os séculos XII e XV. A súa capital era a cidade de Novgorod.
Orixe
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Rus de Kíiv.
Importancia da cidade na Rus de Kíiv
[editar | editar a fonte]Novgorod funcionou como a capital orixinal dos rus' até 882, cando Oleg transferiu a súa administración a Kíiv. Desde esta data até 1019-1020, Novgorod formou parte da Rus de Kíiv. Os príncipes de Novgorod eran nomeados polo Gran Príncipe de Kíiv (usualmente designaba a un dos seus fillos maiores). Novgorod era unha especie de centro espiritual pola lenda de que fora a primeira cidade da Rus, e aínda conserva as reliquias das crenzas tradicionais que precederon ao cristianismo, e que hoxe forman parte da historia esquecida.
Novgorod xogou continuadamente un importante papel na política da Rus. Axudou a Vladimiro I de Kíiv e, máis tarde, foi fundamental para o acceso ao trono de Iaroslav I o Sabio. Por iso, unha das primeiras decisións deste foi a de garantir aos leais novgorodiáns numerosas liberdades e privilexios, que sentaron as bases para a futura República de Novgorod. Mentres formou parte da Rus de Kíiv, Novgorod converteuse nun poderoso centro rexional amplamente independente, xa que a cidade tiña un goberno máis participativo que o resto da Rus, a veche (asemblea popular), e podía elixir aos seus funcionarios locais. Aínda así, foi unha parte moi importante do panorama político e cultural da Rus de Kíiv.
Primeiros intentos secesionistas
[editar | editar a fonte]As tendencias de Novgorod a separarse da Rus de Kíiv manifestáronse na primeira metade do século XI. Os boiardos de Novgorod eran os principais promotores da separación, co apoio da poboación urbana, que debía pagar tributo a Kíiv e equipar ás tropas para as súas campañas militares.
Separación e expansión
[editar | editar a fonte]Nos primeiros anos do século XII, Novgorod empezou a invitar a diferentes Knez (duques ou reis) para gobernar a cidade sen solicitar consello ou confirmación do Príncipe de Kíiv. En 1136, os boiardos e os principais mercadores obtiveron a independencia política. Cidades como Stáraia Russa, Stáraia Ládoga, Torzhok e Oréshek colocáronse baixo o dominio de Nóvgorod.
Porén, a cidade de Pskov, que formaba parte da República de Nóvgorod no século XII, comezou a reclamar a súa independencia a mediados do século XIII. A independencia de Pskov foi recoñecida polo tratado de Bólotovo en 1348.
Entre os séculos XII e XV a República de Nóvgorod foise expandindo polo leste e o noroeste. Os novgorodiáns exploraron as zonas do lago Onega, o río Dviná setentrional e as costas do mar Branco. As tribos úgricas, que habitaban o norte dos Urais, tiveron que pagar tributo a Nóvgorod. As terras ao norte da cidade, ricas en peles, fauna mariña e salinas, foron de grande importancia económica para a República de Nóvgorod.
Relacións externas
[editar | editar a fonte]A República loitaba contra a expansión sueca e o feudalismo alemán. Desde mediados do século XII, os suecos foron invadindo as terras finesas nas que algunhas poboacións debían pagar tributo a Novgorod. Novgorod foi á guerra cos suecos en vinte e seis ocasións, e cos Irmáns Livonios da Espada, once. Tamén rivalizaba co Principado de Vladímir-Súzdal pola hexemonía no norte do Rus. Aproveitando a invasión mongol de Rusia, os Cabaleiros da Orde Teutónica, aliados cos daneses e os suecos, comezaron a atacar os territorios novgorodiáns en 1240. As súas campañas fracasaron coas batallas de Nevá, en 1240, e do do lago Peipus, en 1242.
O 12 de agosto de 1323 asinouse o tratado de Nöteborg entre Suecia e Novgorod, regulando as fronteiras. Este foi o primeiro tratado entre a futura Rusia e o reino de Suecia.
A República logrou evitar a invasión da Horda de Ouro, aínda que debeu pagar tributo a esta até que se crearon principados moscovitas que servían de contención.
Caída
[editar | editar a fonte]Tver, Moscovia (o Principado de Moscova) e Lituania (despois, a Mancomunidade polaco-lituana) trataron de subxugar á República desde o século XIV.
Ao se converter en Gran Príncipe de Vladimir, Mikhail Iaroslavich (príncipe de Tver) enviou aos seus gobernantes a Novgorod sen previa autorización dos cidadáns. Este incidente empuxou a Novgorod a estreitar os seus lazos con Moscova. Iván I, Simeón I e outros grandes príncipes moscovitas trataron de limitar a independencia de Novgorod. Así foi como, en 1397, estalou un serio conflito, ao anexionar Moscova as terras ao longo do río Dvina setentrional, aínda que en 1398 este territorio foi devolto a Novgorod.
Ante o avance moscovita a maioría dos boiardos propugnaban a unificación co Gran Ducado de Lituania. Este grupo era chamado o "partido lituano", e estaba liderado por Marfa Borétskaia, viúva do posádnik (alcalde) Isaac Boretski. A iniciativa deste partido as autoridades da cidade invitaron o príncipe Mikhail Olekóvich e propuxéronlle desposar a Marfa Borétskaia e conducir a República. O goberno de Nóvgorod tamén realizou unha alianza con Casimiro IV Iagellón, Gran Duque de Lituania. A perspectiva dunha nova alianza, co Reino Unido de Polonia e o Gran Ducado de Lituania, causou gran conmoción no pobo da República. As autoridades moscovitas trataron de sacar partido das discordias dentro da República, e declaránlle a guerra. O exército moscovita conseguiu unha vitoria decisiva na batalla de Shelón (1471), aínda que Novgorod puido manter unha limitada independencia formal durante 7 anos máis. En 1478 Iván III enviou ao seu exército a sitiar Novgorod: o sitio acabou cun masacre da poboación e a destrución da veche, incluíndo a súa biblioteca e os seus arquivos. Este feito considérase o acto final da República de Novgorod.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: República de Novgorod |