Vicio
O vicio é a práctica, comportamento ou hábito contrario á virtude, á que vence e contra a cal se define. É unha disposición ó mal como a virtude é unha disposición ó ben.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Procede do latín vitium: defecto, imperfección, vicio. Nun sentido xeral, vicio é a falta ou defecto nalgunha cousa. En dereito, é un defecto que fai nulo un proceso ou actuación xudicial. Na lóxica trátase do que, por incumprimento das regras ou formas lóxicas, converte un pensamento en defectuoso e no plano moral, o vicio é a disposición habitual, permanente e arraigada para facer o mal (en oposición á virtude).
Orixe
[editar | editar a fonte]Os vicios son estados dun carácter malo ou indesexable, definibles en parte como contrario ás virtudes. A listaxe de vicios varía de acordo co tempo e o lugar, dependendo das diferenzas coas correspondentes concepcións da virtude. Así, o cambio dende o paganismo clásico á moralidade cristiá medieval trouxo consigo un cambio de énfase dende as virtudes da valentía e a temperanza ás virtudes do amor e a caridade, cos seus correspondentes vicios definidos como contraste desas virtudes. Segundo a concepción aristotélica clásica, un vicio paradigmático consiste na posesión dalgún trazo de carácter que desborda a proporción debido á natureza do seu obxecto asociado. Así, un covarde é o individuo que teme ó que non é perigoso. Baixo esta concepción, o vicio é entendido negativamente en termos da ausencia dos trazos morais que definen ó home virtuoso. Unha limitación deste é a súa incapacidade para ofrecer unha explicación satisfactoria de trazos de mal carácter tales coma a crueldade, malicia e despeito que consisten en parte no propósito deliberado de facer o mal por parte dun axente.
Vicio e virtude na Ética
[editar | editar a fonte]As formas da ética da virtude foron predominantes na filosofía occidental anterior ó Renacemento, moi especialmente en Aristóteles, pero tamén en Platón e Tomé de Aquino. Varios filósofos antigos e medievais subscribiron versións fortes da ética da virtude. Estes enfoques centráronse no carácter máis ca na conduta discreta, identificándose a conduta ilícita coa conduta viciosa; é dicir, a conduta que estaría completamente fóra de lugar nunha persoa virtuosa.
Platón
[editar | editar a fonte]Platón deunos dous bos exemplos: Giges e Cacicles, dous homes moi diferentes pero que concordan no esencial. Para ambos, a moral é o discurso hipócrita dos débiles e covardes, que chaman 'mal' a aquilo que non teñen forza de facer ou que temen que se lles faga, e 'ben' ó respecto das leis cuxa función non é outra que a de protexelos.
Os bos non son mellores que os malos; son menos audaces (Cacicles) ou menos hábiles para agocharse (Giges).
Aristóteles
[editar | editar a fonte]Aristóteles acostumounos a pensar que os vicios se daban a pares opoñéndose un ó outro e ambos, un por exceso e o outro por defecto, a unha mesma virtude. Así a temeridade e a covardía, a vaidade e a baixeza, a prodigalidade e a avaricia. Contra cada un destes dous vicios opostos, a valentía, a magnanimidade e a liberdade instauran un xusto medio (unha mediancía: mesotés) que tamén é un cumio.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Comte-Sponville, André (2003-03). Diccionario filosófico. p. 553. ISBN 84-493-1408-9.
- Diccionario Akal filosofía. p. 333. ISBN 84-460-0956-0.
- Tec Honderich (Tecnos) (ed.). Enciclopedia Oxford de Filosofía (Segunda edición). p. 1126. ISBN 978-84-309-4780-5.
- Comte-Sponville, André. Mínimo tránsito, ed. Vivir, tratado de la desesperanza y la felicidad 2. ISBN 978-84-7774-7796.