Saltar ao contido

Wikipedia:Benvida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Wikipedia:Benvidos»)
Recibe a nosa benvida á Wikipedia!
Atallo:
WP:BV

Dámosche a benvida á Galipedia, a Wikipedia en galego! Estamos encantados de que queiras axudar a mellorar e desenvolver a Wikipedia, e esperamos que te divirtas participando nesta comunidade. Como novo usuario poida que ao primeiro non sexa de todo doado... pero non te preocupes, irase volvendo máis fácil a medida que avances, e se tes problemas, sempre haberá outros wikipedistas dispostos a botarche unha man. A continuación, nesta páxina e en moitas outras atoparás consellos e axuda que che servirán para comezar a dar os primeiros pasos. Boa sorte e pásao ben!

O primeiro que debes saber é que a Wikipedia é unha enciclopedia en continua actualización, escrita grazas á colaboración dos seus lectores. Este sitio web, ademais, é un wiki; iso significa que calquera se pode converter en editor, e mellorar ou crear calquera artigo.

Un dos mellores xeitos para empezar a abordar todo isto é lendo Wikipedia:Introdución.
Navegando

Para entender mellor o que é a Wikipedia é pensar nela como se fose unha páxina web que contén dous tipos de páxinas: os artigos, ou sexa, as páxinas que conforman a enciclopedia en si, e as páxinas da comunidade, que serven para coordinar o traballo que se fai nas primeiras.

Polo de agora imos centrarnos nas primeiras. Como xa saberás, a Wikipedia contén unha enorme cantidade de información sobre os máis variados temas. Para explorar un asunto podes seguir as diversas categorías. Non obstante, a práctica máis sinxela e habitual é realizar unha procura nos textos e títulos dos artigos. Para isto, só tes que escribir o que queiras buscar na caixa de procuras que aparece na barra lateral esquerda.

Editando

Calquera persoa pode editar calquera das páxinas da Wikipedia, mesmo esta! Só necesitas premer na lapela "editar" presente no canto superior da páxina. Podes editar sempre que consideres oportuno facer algunha mellora ou incluír nova información nun artigo. Para levar a cabo unha edición non necesitas estar rexistrado.

Se o que queres é experimentar primeiro sen risco de cometer ningún erro, tes á túa disposición a zona de probas, lugar onde podes practicar os resultados da túa edición.

En resumo
Un modo sinxelo de comezar axudando é usar a Wikipedia como se fose unha enciclopedia normal, coa vantaxe de que cando deas cun problema, como unha falta de ortografía ou un parágrafo pouco claro, só tes que premer en "editar" para corrixilo.
Políticas e normas

A Wikipedia posúe políticas e normas polas que se rexe e que cadaquén debe seguir. Estas normas, á súa vez, teñen que estar adecuadas a cinco principios fundamentais, resumidos a continuación.

A Wikipedia é unha enciclopedia

Calquera contido incluído nela debe ser verificable mediante a achega de fontes que confirmen as afirmacións fornecidas. Non se poden aceptar investigacións propias ou teorías aínda non demostradas.

A Wikipedia ten un punto de vista neutral

Todos os artigos deben estar redactados desde un punto de vista neutral ou obxectivo, o que quere dicir que estes deben presentar feitos e non as opinións dos editores.

A Wikipedia é de contido libre

Tódalas contribucións feitas na Wikipedia en galego realízanse baixo a licenza Creative Commons recoñecemento compartir igual 4.0. Isto asegura que os contidos da Wikipedia se poden distribuír libremente. Non se pode publicar ningún contido que teña dereitos de autor sen o permiso do propietario deles.

A Wikipedia posúe unhas normas de conduta

O respecto mutuo entre os colaboradores é moi importante. Todos teñen que asumir unha postura de boa fe ao discordaren con outro usuario. O mellor é permanecer tranquilo e discutir as cousas civicamente.

A Wikipedia non ten regras fixas

Malia o dito anteriormente, ás veces cómpre saltarse unha norma para poder mellorar a Wikipedia. De feito, non é necesario ler as políticas para contribuír aquí; isto quere dicir que hai que usar o sentido común. Lembra que as regras da Wikipedia son principios, non leis.


É preciso rexistrarse?

Non, non é preciso. Non obstante, existen diversas vantaxes ao te rexistrares, tanto para ti como para a comunidade. A continuación están expostas as principais:

  1. O teu nome constará na lista de wikipedistas e terás a túa propia páxina de usuario.
  2. A comunidade poderá saber quen es, aínda que sexa polo teu alcume ou pseudónimo, facilitando tamén a tarefa dos administradores e demais usuarios, que verifican constantemente se están ocorrendo actos de vandalismo.
  3. Ao estares rexistrado, poderás modificar as túas preferencias de usuario.
  4. Tamén poderás participar nas votacións e todo tipo de decisións que se tomen neste wiki, e as túas opinións e comentarios contarán en todos eses casos.
  5. As túas contribucións poderán verse reflectidas nas páxinas de estatísticas.

Ten en conta que a túa identidade real queda sempre salvagardada. Para te rexistrares só tes que elixir un alcume e mais un contrasinal. Podes, se así o desexas, indicar o teu correo electrónico, xa que se esqueces o contrasinal deste xeito poderáseche enviar outro.

O único que tes que facer é ir ao formulario de rexistro e xa está. Logo só tes que lembrar acceder ao sistema en cada visita antes de modificar calquera páxina.