Arte asturiana
A arte asturiana ou prerrománico asturiano é un estilo artístico do prerománico, localizado na zona á beira do mar Cantábrico que quedou libre da ocupación musulmá a finais do século VIII. Estivo vixente até o comezo do século X, cando se adoptou a arte románica procedente de Francia.
Aínda que é sucesor do estilo visigótico, non se pode dicir que a arte asturiana sexa herdeira lexítima súa, xa que non conserva máis que algún dos seus elementos principais como é o arco de ferradura. Malia que ó comezo foi unha imitación da devandita arte, axiña se manifestou con novos e orixinais elementos –poida que importados do Oriente ou da Lombardía– que o salientaron de xeito singular, converténdose nunha precursora do románico. A arquitectura caracterízase polo emprego de muros de perpiaño, arcos de medio punto, bóvedas de canón con contrafortes exteriores. A tipoloxía principal é a da planta basilical de tres naves con crueceiro e tres capelas rectangulares á cabeceira. No período preramirense destaca a igrexa de San Xián dos Prados, ó ramirense a de Santa María do Naranco e á postramirense a de San Salvador de Valdediós.
Foi un tipo de arte na que destacou a arquitectura por enriba de todo. Da escultura só quedan mostras das decoracións de capiteis e algunhas placas acaroadas na construción dos edificios; as pinturas son as feitas ó fresco nos muros dos templos. A ourivaría foi importante, tendo en conta a cantidade de pezas que chegaron até os nosos días.
En 1985 a UNESCO declarou o conxunto das igrexas do Reino de Asturias como Patrimonio cultural.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ UNESCO (ed.). "Inscrición das igrexas do Reino de Asturias na UNESCO." (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arte asturiana |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barral i Altet, Xavier (1989). Historia Universal del Arte. La edad media: de Roma al prerrománico Volum III (en castelán). Barcelona: Editorial Planeta. ISBN 84-320-8903-6.
- Cid Priego, Carlos (1990). "Las joyas prerrománicas de la Cámara Santa de Oviedo en la cultura medieval". Liño: Revista anual de historia del arte (en castelán) (Oviedo: Universidad de Oviedo: Servicio de Publicaciones y Departamento de Historia del Arte y Musicología) (9). ISSN 0211-2574. Consultado o 30-01-2011.
- DDAA (1997). Enciclopedia Salvat Vol. II (en castelán). Barcelona: Salvat. ISBN 84-345-9709-8.