Saltar ao contido

As mulleres na Idade Media

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os conventos cristiáns proporcionaban ás mulleres na Idade Media unha alternativa ó matrimonio.

As mulleres na Idade Media reflectían a pirámide social xeral da Idade Media e, polo tanto, tiñan vidas moi diferentes segundo o estamento e a función para a que estivesen destinadas, mais, en xeral, adoptaban un papel subordinado respecto ao home, sendo relegadas á casa ou á vida relixiosa. Repetíase a relación de vasalaxe na esfera doméstica, onde os homes actuaban como os señores da casa. Aínda así, algunhas mulleres desafiaron estes modelos e cultivaron as ciencias, as artes e o pensamento.

As mulleres nobres

[editar | editar a fonte]
Fiar a man foi unha forma tradicional de traballo feminino (ilustración c. 1170).

As mulleres nobres tiñan un papel fundamental no mantemento das alianzas e dinastías no poder, e o seu matrimonio era arranxado desde a infancia para facer alianzas políticas, aínda que non se realizase de forma efectiva até a puberdade. O marido pasaba a ter o control da vida da muller,[1] que se mudaba a vivir nas súas posesións. Existía a figura do matrimonio secreto, no que unha parella casaba e consumaba a unión e despois anunciábaa en público para escapar de casamentos forzosos, mais era unha figura perseguida polas familias. A Igrexa, con todo, recoñecíao, para garantir a primacía do sacramento sobre as presións do poder secular. Os escritos destinados aos confesores conteñen moitas especificacións sobre sexo dentro do matrimonio, restricións que se aplicaban sobre todo para os días nos que non se podían manter relacións sexuais, e a fidelidade das mulleres para garantir a pureza do sangue dos herdeiros. O adulterio feminino foi castigado con dureza,[2] porque interfería na sucesión lexítima, ademais de ser considerado un pecado de luxuria.

Dado que moitos matrimonios se celebraban entre homes máis vellos que as mulleres para garantir a fertilidade da esposa, a figura da viúva tornouse común. Se os nenos eran menores de idade, a viúva podía converterse na herdeira legal das terras do marido, feito que provocou que varias mulleres acadasen grandes cotas de poder. A esperanza de vida era, con todo, menor nas mulleres que nos homes, non só polas mortes durante o parto, senón por unha dieta insuficiente en ferro.[3] Só as guerras e as epidemias equilibraban a pirámide demográfica. Esta situación revertiuse ao final do período, coa mellora xeral na alimentación.

Nos períodos e rexións onde a monarquía tiña máis poder, as raíñas adoptaron papeis máis activos,[4] mentres que onde o poder real se diluía en favor de condes e baróns, as mulleres nobres perdían capacidade de acción.

Aliénor de Aquitania foi unha muller rica e poderosa.

Unha das principais ocupacións das mulleres nobres era a costura. Fiar e bordar considerábanse actividades apropiadas para elas, xa que pertencían ao ámbito doméstico e impedíanlles estar ociosas, feito que podía facelas caer no pecado da preguiza ou a ocuparse de asuntos inadecuados. Tiñan cámaras separadas, con serventas de rango, para evitar que se mesturasen con potenciais amantes.

As mulleres que accederan a unha educación destacaron moitas veces polo refinamento da vida cortesá, como por exemplo aquela ligadas aos trobadores. A poesía e a música ocupaban unha boa parte do día destas persoas, que se mostraban como un modelo de elegancia para outras mulleres. A misoxinia da época viuse reflectida en numerosos escritos que criticaban o acceso das mulleres á formación e ridiculizaban a señora moi instruída. A Igrexa moitas veces advertía contra os tipos de libros que poderían ser axeitados para a mente feminina, xa que a lectura feminina aumentaba en tempo de paz pola cantidade de horas libres que tiñan as mulleres da liñaxe alta.

En ocasións, as mulleres tomaron parte na guerra, ou para defender o castelo dirixindo os soldados en ausencia ou morte do marido, ou como acompañantes dos seus maridos nas cruzadas,[5] que, como campañas que duraban meses moitas veces trasladaban a xente de todo o feudo, incluíndo a familia, como por exemplo aconteceu con Berengaria de Navarra.

As relixiosas

[editar | editar a fonte]

Os mosteiros femininos ofreceron oportunidades de formación e liberdade para as mulleres fóra do control da familia.[6] Moitas das pensadoras e artistas do período están ligadas á vida relixiosa, xa que lles permitía dedicar parte do seu tempo ao exercicio intelectual, como por exemplo Hildegard von Bingen. Isto foi evidente, especialmente entre as monxas de clase alta, que pagaron bos dotes ao ingresar para garantir o mantemento. Como non podían ser ordenadas, as súas funcións nos conventos foron semellantes ás das cortesás. As abadesas dirixían estes complexos, que podían acumular terras, doazóns, e actuar como feudos, e que se converteron nunha figura importante de poder político e relixioso.

María era o modelo a seguir e, polo tanto, dela imitábase a modestia e a fe incuestionábel en Deus. Isto levou a algunhas discusións entre os bispos e determinadas relixiosas, cuxa influencia non estaba ben vista entre as ordes masculinas e ás que se lles instaba a permanecer en silencio traballando nas tarefas domésticas e cantando loanzas a Xesús. O culto a María, de crecente importancia dentro da Igrexa Católica desde o século XI, acadou aínda máis prestixio nos conventos femininos, que parecían máis próximos á imaxe da Virxe. Influíu tamén nunha imaxe positiva da muller como ser anxelical que había que adorar e servir, mais tamén alguén fráxil e necesitado de protección. Este concepto coexistía co tradicional da muller como unha tentación, inspirado pola interpretación da figura de Eva.

Á marxe da entrada en mosteiros, existían moitos outros movementos relixiosos protagonizados por mulleres. O máis famoso é que o das beguinas, que non querían ser monxas, mais si vivir dedicadas a servir a Deus. Aínda que a miúdo vivían en beguinaxes ou centros comunitarios, non se apartaban da vida secular e estaban moi presentes no espazo urbano de varios países europeos, facendo o traballo social, instruíndose e educando as nenas. Esta tarefa pública combinábase coa meditación e a oración. Algunhas beguinas escollían unha vida solitaria, mantendo un celibato voluntario. En principio, foron eloxiadas pola súa piedade, mais logo foron perseguidas polo seu cuestionamento das estruturas da Igrexa e polas súas prédicas heterodoxas.

O estamento non privilexiado

[editar | editar a fonte]

As campesiñas compartían as tarefas de cultivar a terra, o coidado dos animais e algúns tarefas domésticas cos seus maridos. Normalmente, encargábanse da colleita dos froitos case en exclusiva.[7] A lavandaría, a cociña e o coidado dos nenos tamén pertencía ás mulleres. A familia xeralmente tiña dúas comidas, xantar e cea, e ás veces tomábase un almorzo lixeiro se esperaba unha xornada dura fisicamente. Era necesario cociñar o pan no forno común, preparar as verduras e os complementos, e, se a familia tiña máis ingresos, asar unha peza de carne ou facer un guisado. Cada casa tiña unha lareira no cuarto principal, onde as mulleres da casa cociñaban e conservaban a comida afumándoa ou salgándoa para o seu consumo posterior.

Durante o feudalismo, os servos eran considerados unha propiedade máis do señor e, polo tanto, as parellas tiñan que pedir o seu consentimento para casar. Ademais, legalmente, o nobre tiña o dereito de pernada sobre a primeira noite coa noiva,[8] aínda que esta relación adoitaba ter un valor simbólico. Para os campesiños non era necesario a miúdo facer oficial a unión, xa que non había moitos bens en conflito, e, polo tanto, a nova parella simplemente pasaba a vivir baixo o mesmo teito despois dunha festa coa veciñanza. Como ocorría nos estamentos privilexiados, a esposa dependía legalmente do seu marido para todo, e por esta razón ás veces, a viuvez era vista como unha liberación, porque, entón, a muller podía xestionar os bens da familia.[9] Unha excepción a esta regra foi a rexión do País Vasco, onde o primeiro fillo herdaba sempre as terras da familia, fose un neno ou unha nena, e esta situación levou a mulleres casadas que controlaban as propiedades e os maridos.

O media de fillos era de 8-10 por parella,[10] mais hai que considerar que moitos nenos non sobrevivían aos primeiros anos coa pobreza e as enfermidades. A infancia non era un período valorado, xa que era difícil manter os nenos pequenos, e moitos non sobrevivían para rendibilizar o investimento en forma de mans para traballar ou de apoio durante a vellez dos proxenitores. No caso das nenas, instábaselles a traballar dende moi pequenas a axudar nas tarefas domésticas, coidando os irmáns máis novos e a menstruación convertíaas en adultas porque podían casar e ter descendencia. Legalmente, este paso está recollido nos textos que se daba sobre os doce anos de idade.[11]

As prostitutas

[editar | editar a fonte]

A prostitución ocasional era unha vía de saír da miseria,[12] especialmente naqueles casos nos que o marido morría sen deixar suficiente herdanza. Esta coexistía coa prostitución como unha profesión, perseguida pola Igrexa e o dereito secular, mais amplamente presente nas cidades medievais[13] e é incluso xustificada como unha necesidade para evitar a violación das mozas virxes antes do matrimonio. Por esta razón, os prostíbulos moitas veces dependían das autoridades. As feiras e os mercados eran lugares de intercambios sexuais frecuentes e os cortesáns alternaban as prostitutas con relacións forzadas ou consentidas coas serventas dos castelos.

As prostitutas ían co cabelo solto, como un sinal do seu oficio[14] e nalgúns municipios estaban obrigadas a levar un distintivo cosido na roupa cando ían mercar, mais esta lexislación foi perdendo peso e a aparencia física difería pouco da das outras mulleres: era a posición social a que determinaba o luxo no vestido. Entre os seus costumes, hai que destacar que se lavaban máis que a poboación xeral. Se entre as persoas da cidade era habitual a hixiene completa unha vez ao mes e un mantemento semanal, as meretrices eran famosas por usar máis os baños e ser máis desexábeis para os seus clientes.

Usaban moitas veces tecidos máis brillantes para atraer a atención. En varios documentos ínstase ás "mulleres virtuosas" a non imitar o seu modo de vestir. De feito, se unha muller levaba unha indumentaria considerada demasiado provocativa, non podía exixir despois dun xuízo reparacións no caso de ser violada ou asediada.[15] Igualmente non podía aceptar agasallos que se considerasen agasallos propios de prostitutas, xa que a honra feminina (e, por extensión, a do home do que dependía cada muller) baseábase na fidelidade (ou castidade se non estaba casada), mais tamén nas aparencias de contención sexual.

As traballadoras

[editar | editar a fonte]

Un dos poucos oficios que regularmente realizaban as mulleres fóra da casa era o da asistencia ao parto. O traballo de parteira era recoñecido, durante toda a Idade Media, como unha tarefa exclusiva ou moitas veces complementaria. As neneiras e as nodrizas das clases podentes tamén podían ser profesionais. No século XII recolléronse consellos para levar a cabo estas tarefas nos textos nomeados Trotula, onde tamén se reuniu información ampla sobre a medicina das mulleres.

A finais da Idade Media aumentou o número de artesás e comerciantes, especialmente tendeiras relacionadas coa cervexa ou o téxtil, nas súas diferentes variantes. Hai testemuños das mulleres que emigraron do campo á cidade[16] para poder ser independentes economicamente, para defender os dereitos da súa descendencia e escapar de matrimonios non desexados (o que tamén afectaría á herdanza da súa descendencia). Estas mulleres foron quen de prosperar como fiandeiras, serventas en casas alleas ou artesás, aínda que xeralmente cun salario menor que o dos homes da mesma profesión. Algunhas delas tiveron que traballar por un tempo limitado para gañar o dote que a familia tivo que pagar ao seu futuro marido. O custo da vida urbana, porén, fixo que estes contratos temporais se alongasen para sempre, especialmente no que se refire ao servizo doméstico.

Vestimenta feminina medieval

[editar | editar a fonte]

O vestido medieval comezou cunha camisa longa como unha túnica que servía como roupa interior e camisón se ía frío. Por riba ía o vestido para a rúa, que co paso dos séculos se fixo máis e máis ornamentado. Un corsé comprimía a cintura para resaltar as cadeiras. Os colorantes eran caros e escasos, e por esta razón as mulleres de clases inferiores usaba roupas de liño natural ou mergullado en pigmentos escuros, azuis ou negros, para ocultar as manchas. As mozas podían ir de azul ceo ou gris claro. As mulleres nobres, en cambio, optaban por tons máis luxosos e é ao costado dos azuis e púrpuras podían amosar vestidos vermellos e verdes de mangas cada vez máis amplas.[17] Na Alta Idade Media podíase usar unha camisa sobre o vestido suxeita ao peito, peza que máis tarde pasou a suxeitarse polas costas para marcar o escote con ornamentos e filigranas. O busto era considerado máis fermoso se destacaba un peito triangular, porque denotaba xuventude, e, polo tanto, o vestido co tempo foi adaptandose para destacar esta forma.

Para cubrir o cabelo, sempre recollido agás entre as clases máis baixas porque se consideraba un símbolo erótico, as mulleres casadas levaban veos, un ornamento que inspirou o hábito de monxa clásico.[18] Era sinal de beleza amosar unha fronte ampla, polo que aparecen aparellos para depilar o floco e diademas para suxeitar atrás o cabelo. Por razóns de modestia ou piedade, que estaba de moda entre as mulleres máis relixiosas, dentro e fóra da vida conventuais, levar unha segunda touca que se que se suxeitaba ao queixo.

  1. McDougall, Sara (2013). "Women and Gender in Canon Law". Dentro de Judith Bennett e Ruth Mazo Karras, Oxford Handbook of Women and Gender in Medieval Europe. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-958217-4
  2. Joyce E. Salisbury, ed., Sex in the Middle Ages: A Book of Essays (New York: Garland Publishing, Inc., 1991),
  3. Bullough, Vern; Campbell, Cameron (1980). "Female Longevity and Diet in the Middle Ages". Speculum. Cambridge: Medieval Academy of America, Cambridge University Press. 55 (2)
  4. Gaude-Ferragu, Murielle, La reine au Moyen-Âge: le pouvoir au féminin, XIVe-XVe siècle, Paris, Tallandier, 2014
  5. J. Heers, La primera cruzada, Barcelona - Buenos Aires - México - Santiago de Chile, Editorial Andrés Bello, 1997
  6. Power, Eileen, Les femmes au Moyen Âge, Paris, Aubier Montaigne, 1979
  7. Whittle, Jane (2010). "Rural Economy". Dins Bennett, Judith M.; Mazo Karras, Ruth. Oxford Handbook of Women and Gender in Medieval Europe. ISBN 978-0199582174.
  8. Schmidt-Bleibtreu, Hermann Friedrich Wilhelm. Jus Primae Noctis im Widerstreit der Meinungen. Bonn: Röhrscheid, 1988.
  9. Franklin, Peter (1986). "Peasant widows' "liberation" and remarriage before the Black Death". The Economic History Review. 39 (2).
  10. Duby, Georges, Perrot, Michele, Histoire des femmes en Occident : le Moyen Age, volum 2, Plon, France, 1991
  11. Esteban, Alfonso. La Condición de la mujer en la Edad Media: actas del coloquio celebrado en la Casa de Velázquez, del 5 al 7 de noviembre de 1984, páx. 190. Consultado o 12 agosto de 2016.
  12. Findlen, Paula (2003). Beyond Florence: the Contours of Medieval and Early Modern Italy. Stanford: Stanford University Press. páx. 98. ISBN 978-0-8047-3934-4.
  13. Rossiaud, Jacques (1988). Medieval prostitution. Barnes & Noble Books. ISBN 0-7607-0119-9.
  14. Duby, Georges; Machado, Maria Lucia. História da vida privada 2 (São Paulo: Companhia das Letras). ISBN 8535914099
  15. Díaz-Plaja, Fernando. La vida cotidiana en la España medieval. Consulta: 15 agosto 2016
  16. Bennett, Judith M.; Karras, Ruth Mazo (2013). The Oxford handbook of women and gender in medieval Europe. Oxford, England: Oxford University Press.
  17. Alarcó Vicent. J. Història de la moda. Consulta 12 de agosto de 2016
  18. Payne, Blanche: History of Costume from the Ancient Egyptians to the Twentieth Century, Harper & Row, 1965

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]