Saltar ao contido

Comunismo libertario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira do comunismo anarquista

O comunismo libertario, tamén coñecido como anarcocomunismo, comunismo anarquista ou comunismo libre é unha ideoloxía política relacionada co socialismo libertario, pero que non debería confundirse con el. O comunismo libertario é unha rama concreta do socialismo libertario.

Hai que facer notar que pese a que o comunismo libertario é empregado como sinónimo de anarcocomunismo, non se trata necesariamente da mesma ideoloxía. Mentres que todos os anarcocomunistas son comunistas libertarios, non todos os comunistas libertarios son anarquistas.

O anarcocomunismo foi concibido inicialmente na Italia durante a Primeira Internacional, por Carlo Cafiero, Errico Malatesta, Andrea Costa e outros ex-republicanos de Mazzini.

As súas ideas non diferían do anarquismo individualista e mutualismo de Pierre Joseph Proudhon ata despois da morte de Mikhail Bakunin. Alí onde Proudhon apoiou a propiedade individual do produto do traballo, salarios, e un mercado de troco, os anarcocomunistas racharon con esa idea en oposición á propiedade individual, a eliminación dos salarios e a abolición do valor de intercambio. Cafeiro explica en Amarchi et Communisme que a propiedade privada do produto de traballo revertería nunha desigual acumulación do capital e, polo tanto, nunha indesexable distinción de clases. Joseph Dejacque criticaba a Proudhon directamente, afirmando que "Non é sobre o produto do seu traballo sobre o que un traballador ou traballadora ten dereito, senón sobre a satisfacción das súas necesidades, independentemente de cal poida ser a súa natureza". En 1876, na Conferencia de Florencia da Federación Italiana da Internacional (que de feito tivo lugar nun monte nas aforas de Florencia debido á actividade policial), declararon os principios do anarcocomunismo, comezando con:

A Federación Italiana considera a propiedade colectiva do produto do traballo como o complemento necesario para o programa colectivista, o apoio de todos para a satisfacción das necesidades de cada individuo a única regra de produción e consumo a cal corresponde ao principio de solidariedade. O congreso federal en Florencia demostrou elocuentemente a opinión da Internacional Italiana neste punto...

Este mesmo informe fixérono nun artigo Malatesta e Cafiero no boletín da Federación Xura (Suíza) máis tarde ese mesmo ano.

O anarcocomunismo defende o igualitarismo, a abolición do diñeiro e a introdución da economía do agasallo para facilitar a compartición de bens. No anarcocomunismo o beneficio non só non existe, senón que os bens son dados como agasallos na certeza de que os outros tamén o farán. Nun contexto industrial isto podería ocorrer tanto entre os sindicatos de traballadores como entre individuos. Se un sindicato non comparte os seus produtos, non recibirá recursos doutros sindicatos. Xa que logo, isto fará que lle interese compartir.

O anarcocomunismo tamén avoga pola abolición do traballo no que respecta á escravitude do salario. Recomenda ó traballador a súa autoxestión para mellorar as condicións laborais, incrementar a eficiencia e facer o traballo satisfactorio.

Argumentos filosóficos

[editar | editar a fonte]

O anarcocomunismo enfatiza a experiencia colectiva como distinta e importante na procura da liberdade. Todas as formas de anarquismo recoñecen a identidade colectiva en certo grao, pero o anarcocomunismo, comezando con Piotr Kropotkin e estendéndose a través de Alexander Berkman, Nestor Makhno e moitos outros, amplifican o sentido da experiencia colectivista por riba da individualista.

Implicitamente, o anarcocomunismo seguiu o modelo kantiano de clasificación. Ao igual que Kant, dividiron a vida nas súas partes individuais, as cales teñen un paralelo na Razón Pura, e as partes menos obvias da vida, que caracterizan as nosas relacións cos outros, cun paralelo na razón práctica. Non importa o autónomos que poidamos chegar a ser cando ficamos sós. Unha vez que comezamos a interactuar reciprocamente co mundo e cos demais, o troco de circunstancias pide un troco de perspectiva.

Respecto á nosa bioloxía, as partes da vida que Kant identificou no seu traballo sobor a razón práctica non son ben entendidas xeralmente. ¿Como se sente a experiencia do traballo realmente? ¿Que pensamos cando traballamos? Debido a algún tipo de limitación biolóxica, cando as persoas tratan sobre estes aspectos da vida tenden a empregar escuras e abstractas metáforas e analoxías para explicar aquilo do que están a falar.

É aquí cando a diferenza entre o anarquismo e o anarcocomunismo se manifesta máis claramente. O anarcocomunismo colleu eses difíciles aspectos da vida, tratou de comprendelos e integrounos en estratexias libertarias que os implicaban.

A implicación con estes aspectos da vida é que, namentres a liberación mental podería ser abraiante, consciente da subestrutura colectiva da vida e da sociedade, condúcese a unha liberación máis profunda do que comunmente se pensa que é posible. Por iso o anarcocomunismo vese perseguindo unha definición de liberdade máis completa cá do anarquismo.

A Economía planificada e descentralizada á vez é un dos principios do anarcocomunismo

O Comunismo anárquico é unha variante do comunismo libertario ao que lle agrega unha análise materialista histórico

Críticas

[editar | editar a fonte]

Algúns dos primeiros anarquistas individualistas pensaban que os elementos do anarco comunismo eran inconsistentes cos principios anarquistas. Benjamin Tucker chamou ao comunismo anarquista pseudo anarquismo. Así a todo, moitos dos anarcoindividualistas desa época, coma o propio Tucker e Émile Armand sentían que tiñan moito en común cos anarcocomunistas ou traballaban xuntos para difundir as súas ideas.

Proudhon, cuxas ideas foron rexeitadas polos anarcocomunistas, no desenvolvemento da súa filosofía, dixo:

O Comunismo, como a miúdo critiquei, é a auténtica negación da sociedade na súa base, a cal é a progresiva equivalencia de funcións e capacidades. Os comunistas, cara os que tenden tódolos socialismos, non cren na igualdade por natureza e educación. Súplena por decretos soberanos que non poden soportar, sen importa-lo que fagan. En vez de buscar xustiza na harmonía dos feitos, tómana dos seus sentimentos, chamando xustiza a calquera cousa que lles parecese amor polo veciño e incesantemente confundindo feitos da razón con feitos emocionais.

Principais representantes e obras

[editar | editar a fonte]

Libertarios comunistas

[editar | editar a fonte]
                   

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]