Corona González Santos
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de outubro de 1875 A Laracha, España |
Morte | 11 de maio de 1972 (96 anos) Vigo, España |
Actividade | |
Ocupación | filántropa, fotógrafa |
Familia | |
Cónxuxe | Ramón González Fernández |
Corona González Santos, nada en Vilaño (A Laracha) o 10 de outubro de 1875 e finada en Vigo o 11 de maio de 1972, foi unha filántropa e fotógrafa galega. Foi unha das primeiras fotógrafas afeccionadas en Galicia, a quen lle publicaron na revista Vida Gallega unha das súas reportaxes fotográficas.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Datos biográficos
[editar | editar a fonte]Corona González Santos naceu no seo dunha familia acomodada. Filla do médico Faustino González Cobas, natural de Cotobade (Pontevedra), e de Jesusa Santos Cervela, de Santa Eufemia la Real del Centro (Ourense), foi a terceira de oito irmáns. A familia trasladouse a Mos, onde o pai exerceu de médico local.
Casou con Ramón González Fernández en 1900, fixando a súa residencia na mesma casa familiar de Mos, coñecida como Vila do Adro. O matrimonio residiu por tempadas en Ribadeo e O Porriño, exercendo un labor filantrópico e contribuíndo ao desenvolvemento destes concellos.[1]
Faleceu aos 96 anos en Vigo, sendo soterrada no cemiterio de Pereiró. En 1983 as súas cinzas foron trasladadas a Ribadeo, ao panteón que ela mesma mandara construír na Igrexa da Orde Franciscana Terciaria e onde repousaban os restos do seu marido.[2]
Obra fotográfica
[editar | editar a fonte]A obra de Corona González Santos pasou desapercibida ata que a revisión das reportaxes fotográficas na revista Vida Gallega e a doazón ao Museo de Pontevedra de cento vinte e sete copias fotográficas realizadas coas placas conservadas pola familia, permitiron coñecer e valorar a súa obra. Tendo en conta a colección de imaxes, pódese deducir que practicou a fotografía durante vinte e cinco anos, período comprendido entre a compra da súa primeira cámara en 1900 e o ano da morte do seu marido en 1925.
Na súa lúa de mel, o matrimonio viaxou á Exposición Universal de París, onde se expoñía unha compilación de máis de vinte fotógrafas estadounidenses. En París adquiriu a súa primeira cámara fotográfica e a partir dese momento, a fotografía converteuse nunha das súas afeccións artísticas, ademais do gusto pola escultura en cemento.
Sen datos sobre a adquisición de formación fotográfica, parece que Corona foi fundamentalmente autodidacta. E ademais de fotografar, tamén mostrou interese en positivar os negativos. Posiblemente, na súa aprendizaxe influíu a súa amizade con Benito Prieto Coussent, fotógrafo de Ribadeo e con Pedro Cima, fotógrafo residente en Buenos Aires, a quen o matrimonio sempre visitaba nas súas viaxes á Arxentina. Tamén aproveitando as súas viaxes, visitaba os estudios de importantes fotógrafos para ser retratada por eles.
Como a maioría das fotógrafas non profesionais da época, Corona atopou os contidos a fotografar na súa contorna, polo que a súa produción fotográfica ten un marcado carácter costumista: escenas familiares e de amigos; retratos individuais ou en grupo, de mulleres, nenas e nenos; secuencias en representacións teatrais, paisaxes, escenas agrícolas, mariñeiras etc.
A revista Vida Gallega publicou en 1914 unha reportaxe fotográfica de Corona González Santos, titulada “El arte y la belleza” en relación cunha festa benéfica realizada no Casino, onde se representaba teatralmente “Canción de Cuna”.[2]
Obra filantrópica
[editar | editar a fonte]Corona contribuíu co altruísmo do seu marido durante a súa vida en común e, á súa morte en 1925, ocupouse de rematar todas as obras que el comezara.
No Porriño contribuíron co financiamento dun novo templo parroquial que se inaugurou en 1913; achegaron 40.000 pesetas para abastecer de fariñas ao pobo, axudaron a viúvas e orfos do mar, sufragaron a construción do campo de fútbol e contribuíron con grandes sumas a remediar as calamidades da gripe de 1918. Pero a súa obra máis sinalada foi a construción da Casa do Concello que encargaron en 1921 ao arquitecto Antonio Palacios e se inaugurou en 1924. En Ribadeo foron impulsores da celebración das festas patronais e contribuíron á construción da Praza de Abastos, obra estilo art decó do arquitecto Ramiro Saez e da construción do Teatro.[2][3]
Xa viúva, Corona non abandonou a actividade altruísta. En 1929 cedeu os terreos para a nova igrexa en Ribadeo da Orde Franciscana Terciaria (rematada en 1931). Alí mandou construír un mausoleo art déco, onde trasladou os restos do seu esposo.[1]
No comezo da guerra civil, aos 61 anos, Corona incorporouse á Cruz Vermella exercendo como enfermeira auxiliar no Hospital Militar de Evacuación de Bella Vista. Durante os seguintes anos, continuou a súa colaboración en diferentes ámbitos de cooperación.[2]
Confusión con Corona González Estévez
[editar | editar a fonte]Aurora Marco recolle no seu libro Irmandiñas (2020), que desde 2018, grazas ao traballo de Xesús González Gómez, desvelouse unha confusión que existía ata o momento entre Corona González Santos e Corona González Estévez (autora de varios textos publicados en A Nosa Terra e na revista Céltiga), dando por feito que as dúas Coronas eran unha única persoa.[4][5]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- En 1926 foi nomeada filla adoptiva de Ribadeo, "en proba de afecto e gratitude pola súa valiosa e eficaz valoración en todos os actos altruístas realizados polo seu finado esposo e fillo predilecto de Ribadeo, o Excmo. Sr. D.Ramón González Fernández".[1]
- En 1948, o concello de Ribadeo volveu a homenaxeala, en agradecemento ás contribucións para executar as obras do Hospital Municipal, onde se colocou unha lápida de mármore.[2]
- Antía Yáñez homenaxeouna no seu libro Senlleiras,[6] aínda que mestura datos históricos das dúas Coronas González como se foran a mesma persoa.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Castro, Celia (2015). "Corona González Santos e Ramón González: Un matrimonio de mecenas". CROA: boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga (25): 96–101. ISSN 1575-0639.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Padín Ogando, Fernanda (05/07/2018). "Corona González Santos (1875-1972) – fotógrafas pioneiras". Consultado o 2021-03-06.
- ↑ Fernández, Martín (2018-02-18). "Corona González y Ramón González, los grandes mecenas de Ribadeo y O Porriño". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2021-03-06.
- ↑ Marco, Aurora (2020). Irmandiñas. Santiago de Compostela, Galiza, U.E. ISBN 978-84-8487-466-9. OCLC 1200037024.
- ↑ 5,0 5,1 "‘Senlleiras’ e o misterio das dúas Corona González". BiosBardia. 2018-12-12. Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-03-02.
- ↑ Dopico, Montse (14 de outubro de 2018). "Antía Yáñez: “Sororidade. Unión. Son palabras que esgazan en mil anacos o patriarcado, o machismo. Sometemento é silencio”". Praza Pública. Consultado o 15 de outubro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Padín Ogando, Fernanda (05/07/2018). "Corona González Santos (1875-1972)", fotógrafas pioneiras.