Dumbría
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | Dumbría | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.856 (2023) (22,71 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 125,74 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Raúl González Lado | ||||
Eleccións municipais en Dumbría | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 15151 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 15034 | ||||
Dumbría é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Fisterra, na Costa da Morte. Segundo o IGE a súa poboación no 2019 era de 2.983 habitantes (3137 no 2014, 3705 no 2010, 3970 no 2006, 4067 no 2005, 4166 no 2004, 4307 en 2003). O xentilicio é dumbriés[1]
Demografía
[editar | editar a fonte]Censo total 2014 | 3137 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 266 (8,48 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1926 (61,4 %) |
Maiores de 65 anos | 945 (30,12 %) |
Evolución da poboación de Dumbría Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
3526 | 3824 | 5031 | 4778 | 4166 | 3705 | 3651 | 3291 | |||||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Xeografía
[editar | editar a fonte]O concello ten unha superficie de 125 km², e abrangue sete parroquias. Os núcleos de poboación máis importantes localízanse arredor dos vales dos ríos Castro e Xallas e o seu principal núcleo urbano é a vila costeira do Ézaro. Dumbría sitúase no Camiño de Santiago cara a Fisterra e Muxía, a uns setenta quilómetros de Santiago de Compostela.
No concello está a desembocadura do río Xallas, o único río de Europa que desemboca en fervenza: a fervenza do Ézaro. As augas do Xallas están retidas polos encoros da Fervenza, da Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía. No último tramo, o río salva un desnivel de 155 metros, e a altura da fervenza é de 40 metros.
O concello ten clima oceánico, con temperaturas suaves reguladas pola proximidade do mar. Parte do territorio de Dumbría está incluído na zona especial de conservación (ZEC) Carnota - Monte Pindo, que forma parte da Rede Natura 2000.[2][3]
Na flora da zona de bosque predomina o piñeiro, canda o carballo, o loureiro ou o acivro. Nas proximidades á costa as masas arbóreas deixan paso a matagueiras de toxo e ericáceas. Tres singularidades botánicas son o carballo anano, a herba hidrófila Isoetes Longissimum —que ocupa os ríos con augas ben osixenadas—, e a Drosera Anglica.
A fauna do concello inclúe mamíferos como lebres, coellos, xabarís e mesmo lontras e lobos. No encoro do Xallas hai poboacións de aves de zonas húmidas como aves rapaces, patos ou garzas. Entre os anfibios abunda unha gran variedade de ras, asentadas no encoro de Ponte Olveira. Son tamén frecuentes aves como os mouchos e as curuxas. Nos ríos hai sobre todo troitas e escalos.
O territorio ten unha orografía diversa, con praias de area fina na costa, e macizos de granito como o Monte Pindo, desde onde se contempla a ría de Muros e Noia.
Historia
[editar | editar a fonte]Os vestixios humanos máis antigos son o dolmen de Pedra da Arca, da época do megalitismo. Hai en total 33 mámoas, entre elas o conxunto do Prado do Rei e Pedra do Boi, a carón da ermida de San Pedro Mártir, e en Bustelo. Da Idade de Bronce é o o petróglifo de Pedra Ancha.
Do período castrexo destacan os castros das Teixoeiras, o castelo de Logoso, o castro de Regoelle, o de Berdeogas ou o de Alvarellos. Este último foi romanizado, e nel apareceu unha ara de 52 cm cunha inscrición co texto "Consagro aos deuses, Manes Rufo puxo esta ara como ofrenda".
A primeira mención documental de Dumbría é do ano 868, no documento de Tructinio, citada como Santa Eulalia in Donobria. Tamén aparece mencionada na relación de parroquias da antiga diocese de Iria Flavia. Na Baixa Idade Media as terras de Olveira e Olveiroa aparecen vencelladas aos dominios do bispo de Compostela, e nesta última parroquia, que aínda conserva trazas dun urbanismo medieval, había unha torre de defensa, ou casa forte, para controlar o paso sobre o río Xallas. A parroquia de Buxantes pertencía ao mosteiro de San Martiño Pinario, xunto co mosteiro de Moraime (Muxía). A aldea de Hospital debe o seu nome a un albergue para peregrinos, doado polo seu fundador ao cabido compostelán.
No Antigo Réxime a maioría das parroquias de Dumbría pertencían á xurisdición de Corcubión, rexentada polo conde de Altamira.
Durante a guerra da Independencia española as tropas francesas cruzaron o río Xallas pola Ponte Olveira camiño de Cee e Corcubión, derrotando a cativa resistencia ofrecida polos guerrilleiros. Despois destruíron as aldeas de Olveiroa e Hospital, matando a moitos dos seus habitantes. Tamén queimaron o lugar da Fonte Santa. Un dos líderes guerrilleiros era o párroco do Ézaro.
A comezos do século XX instaláronse ao pé do Xallas as primeiras centrais hidroeléctricas da zona, que fan del na actualidade un dos ríos máis aproveitados para a produción eléctrica.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Dentro da arquitectura relixiosa destaca o estilo barroco, como manifestación dunha época de bonanza económica. Sobranceira é a igrexa de San Pedro de Buxantes, atribuída a Domingo Antonio de Andrade e asociada ao Camiño de Santiago. Tamén son de influencia do barroco compostelán os retablos de Santa Baga de Dumbría e de San Mamede de Salgueiros, divididos en tres alturas coa parte central ocupada pola imaxe do titular do templo e arrodeados pola decoración con motivos xacobeos propios da escola compostelá. Dentro das imaxes cabe citar a san Sadurniño do Ézaro —século XVIII— ou o Santiago Peregrino de Santiago de Berdeogas.
Dentro do patrimonio civil destaca a ponte de Ponte Olveira, dos séculos XVII e XVIII. Está construída en pedra de cantería, cuns cinco metros de ancho e tres arcos de medio punto de doce metros de luz e uns sete metros de altura na súa parte máis elevada. Tamén destacan a Casa da Vacariza, casa Curiña e as casas reitorais de Berdeogas e Dumbría. Máis actuais son o albergue de peregrinos de Olveiroa, os centros culturais de Berdeogas e Olveira e o Centro de Interpretación Turística de Ponte Olveira.
Outras construcións de interese etnográfico son as cabaceiras ou cabazos de Berdeogas, Olveira, Olveiroa, Buxantes e Salgueiros, os pombais de Berdeogas e A Farrapa, e os cruceiros de Berdeogas, Fonte Santa, Olveira, Olveiroa, Marco do Couto, Figueiroa e Salgueiros.
Economía
[editar | editar a fonte]A estrutura económica está moi diversificada, aínda que predomina o sector primario con tradición agrícola-gandeira. O sector industrial destaca en Buxantes, e no Ézaro concéntrase o sector servizos, principalmente comercio e hostalería.
O CEIP Santa Eulalia de Dumbría é o centro escolar de educación primaria.
No concello poden practicarse deportes acuáticos como o piragüismo e a pesca. No río Xallas ten lugar o aberto de pesca á mosca por parellas, e nel celebrouse o Campionato Galego de Piragüismo.
Festas
[editar | editar a fonte]Cada parroquia celebra as súas festas patronais de carácter relixioso: Santiago en Berdeogas e Olveiroa, San Pedro en Buxantes, Santa Baia en Dumbría, San Sadurniño no Ézaro, San Martiño en Olveira e San Mamede en Salgueiros. Tamén destacan as romarías da Virxe das Neves, a de Santa Lucía e a da Nosa Señora do Mar. O entroido de Dumbría ten sona na comarca.
Dentro da gastronomía sobresaen o peixe e o marisco, con pratos como a caldeirada mariñeira. Tamén a carne destaca pola calidade dos seus pastos e pola caza.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Dumbría.
-
Dolmen da Pedra da Arca.
-
Solpor en Ézaro.
-
Fervenza de Ézaro pola noite.
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Dumbría
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Dumbría vexa: Lugares de Dumbría.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 47. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ "Carnota - Monte Pindo, Código do ZEC ES1110008. Conselleraría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Xunta de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2017. Consultado o 2017-07-06.
- ↑ Información ambiental, valoración e zonificación do espazo natural. Anexo IV Espazos da Área Litoral. Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia. Anexo IV: Espazos da Área Litoral. LIC Carnota-Monte Pindo
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dumbría |