Saltar ao contido

Historia da moeda en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia da moeda en Galicia

Caetra de Lucus Augusti.
Relacionados
Artigos Moeda da Antiga Roma
Ceca de Lucus Augusti
Moeda visigoda
Ceca de Santiago de Compostela
Real Casa da Moeda da Coruña
Real Casa da Moeda de Xuvia

Antes da chegada dos romanos, os pobos que se asentaban no territorio que hoxe comprende Galicia non coñecían a moeda. Os seus intercambios comerciais baseábanse no troco. Estrabón fala do uso nestas terras de pequenas placas de prata para seren utilizadas no cambio, mais arqueoloxicamente non hai ningunha evidencia da súa utilización. As primeiras moedas das que hai evidencia arqueolóxica son ibéricas e romanas que se atoparon nos castros galegos, aínda que en realidade estivesen incluídas en botíns de incursións guerreiras realizadas no século II e I a. C.

Véxase tamén: Ceca de Lucus Augusti.
As moedas, como puido ser este denario de Xulio César, foron botín de guerra para os pobos que habitaban o noroeste peninsular antes da chegada dos romanos

Non se sabe de certo cando os habitantes da Gallaecia adoptaron a moeda como base do seu sistema comercial. Nun primeiro momento serán os romanos e os sectores da economía a eles vencellados, como a minería, quen a utilizaron, pero cara ao século III a moeda estaba xeneralizada en gran parte do seu territorio, agás certas áreas do interior[1].

Os ases foron das pezas que máis circularon en Galicia durante o Imperio romano

Así pois pode falarse do comezo de circulación de moeda cara mediados do século I a. C., relacionada co pagamento das tropas que participaban nas Guerras cántabras. A maioría da moeda circulante en Galicia durante a época romana era de bronce e cobre cuñada en cecas provinicais romanas de fóra de Galicia. Esporadicamente cuñouse moeda en Lugo, como aconteceu no ano 25 a. C. cando, con motivo das guerras cántabras, por primeira vez se cuñou moeda en Galicia, para lle pagar ó exército romano que viñera ata acó e en menor medida para uso comercial. As pezas cuñadas foron denarios, quinarios, sestercios, dupondios e sobre todo ases posiblemente nunha ceca móbil que se dispuxo en Lucus Augusti por orde de Publio Carisio, legado imperial da Lusitania[1]. As cuñaxes eran en bronce e no seu reverso representaban un escudo circular castrexo (polo cal as moedas denomínanse caetras).

Reino Suevo

[editar | editar a fonte]

Os suevos, que xa coñecían a moeda cando chegaron á Gallaecia, foron os primeiros en emanciparse do sistema monetario romano. Principiaron a bater moeda seguindo o sistema monetario de Constantino e coa imaxe do emperador Honorio mesmo despois da súa morte. Requiario foi o primeiro rei xermano en cuñar moeda co seu propio nome (IUSSU RECHIARI REGIS). En relación á poboación a moeda posta en circulación polos suevos foi abondosa[2], tanto é así que esta moeda circulará até a Alta Idade Media.

Idade Media

[editar | editar a fonte]
Triente de Vitiza, rei visigodo de Galicia, cuñado en Braga.

Coa incorporación da Gallaecia ó reino visigodo introdúcese a súa moeda e unhas poucas cecas van bater moeda, en xeral con moi escasa produción, polo que a moeda sueva continuou a se usar durante moito tempo. Esta moeda, o sólido galego, aparece citada en documentos históricos até datas tan serodias como o século XI.[3]

Despois da desaparición do Reino Visigodo o circulante monetario en Galicia reduciuse considerablemente, apenas se atopa moeda árabe e segue a circular o monetario suevo e visigodo. Asemade vólvese ó troco para intercambiar produtos xa que non se volvería cuñar moeda nos reinos cristiáns ata o século XI. Aínda así, no caso específico de Santiago de Compostela, e en menor medida outras localidades localizadas no Camiño de Santiago, circulaban bo número de moedas procedentes de toda Europa que levaban os peregrinos consigo. Delas o tornés era a que tiña máis aceptación mesmo chegando a circular por toda a comarca de Santiago sen precisar ser cambiada polo gremio dos cambiadores.

Tornés de Filipe II (1180-1223), os torneses franceses circularon polas terras de Santiago como se fora moeda propia

Afonso VI comezou a emitir diñeiros de billón despois da conquista de Toledo e Fernando II estableceu como unidade monetaria o marabedí de ouro. Esta moeda non se emite fóra da capital do reino, ao contrario que a súa sucesora, a dobra nos tempos de Afonso VIII, que se cuñou tamén na que sería a Real Casa da Moeda da Coruña, que foi a principal ceca galega da Baixa Idade Media e da Idade Moderna. Pedro I introduciu a prata no sistema monetario, o real, que tamén se emitiu na Coruña. A moeda de billón, que recibía numerosos nomes e era de amplo uso en Galicia na fin da Idade Media, cuñouse na Ceca de Santiago de Compostela, en Lugo, A Coruña, Milmanda ―preto de Celanova―, Tui e Ourense. Ademais é case segura a existencia de pezas de circulación monetaria fabricadas en material infrecuente, como é o caso das moedas de coiro, moedas de ínfimo valor seguramente batidas no transcurso dalgunha campaña militar, das que non se conserva ningún exemplar.

Entre 1367 e 1371 emitiuse na Coruña moeda a nome do rei portugués Fernando I, que entrara en Galicia e fora coroado na cidade da Coruña, cidade que lle foi fiel durante algúns anos. Aínda que no resto de Galicia os reis casteláns conseguiran restablecer o seu poder, logo da conquista, a moeda emitida polo pretendente, que era do mesmo tipo da portuguesa, foi desmonetizada, a pesar do cal seguiu a circular durante algúns anos.

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]

Na reforma monetaria dos Reis Católicos (1475) o excelente quedou como a unidade monetaria de ouro, ademais de emitir os reais, prata, e os marabedís, cobre. En 1537 creouse unha nova unidade monetaria, o escudo, moeda de ouro. Con todo, as moedas que máis se van cuñar en Galicia van ser as de cobre, o marabedí.

En 1848 Isabel II estableceu por vez primeira en España o primeiro sistema monetario de carácter decimal, baseado no real de billón dividido en 100 céntimos. En Galicia emitíronse na Real Casa da Moeda de Xuvia e A Coruña. Coa introdución da peseta en 1868 desapareceu a cuñaxe de moeda en Galicia e a partir de entón a historia da moeda en Galicia é indistinguible da de España.

Os obradoiros de fabricación

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Moeda cuñada en Galicia.

Estes son os obradoiros de cuñaxe de moeda e as casas de moeda institucionais establecidas en Galicia ao longo da historia:

  1. 1,0 1,1 A romanización de Galicia, Felipe Arias Vilas, editorial: A Nosa Terra, 2ª edición de novembro 1992, ISBN 84-604-3279-3, páxinas 82 a 84.
  2. O reino medieval de Galicia, Anselmo López Carreira, 2005, Edicións A Nosa Terra, ISBN 84-96403-84-8, páxinas 46 e 47.
  3. "Solidos Galicenses". Solidos Galicenses. Consultado o 2022-08-26. 
  4. Mateu y Llopis, F. "Los nombres de lugar en el numerario suevo y visigodo de Gallaecia y Lusitania". En Analecta Sacra Tarraconensia. 15. 1942.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]