Pan de Cea
O pan de Cea é un tipo de pan con Indicación Xeográfica Protexida que se fai en panadarías do concello de San Cristovo de Cea, na provincia de Ourense. A característica deste pan é a fariña, elaborada con trigo do país. Tamén é moi importante a súa elaboración artesanal. A festa deste pan celébrase no mes de xullo.
Indicación Xeográfica Protexida
[editar | editar a fonte]O produto foi recoñecido en 2004 e inscrita como Indicación Xeográfica Protexida en 2005[1][2]. Amparaba en 2020 un total de 15 fornos e unha produción certificada de 423.205 kg, cun valor de 1.058.013 €[3].
Dende 1991, o primeiro domingo de xullo celébrase no Campo da Saleta de Cea a Festa de Exaltación do Pan de Cea.
Ingredientes
[editar | editar a fonte]O pan de Cea leva como ingredientes fariña de trigo do país, auga, sal e fermento.[4]
Preparación
[editar | editar a fonte]O proceso de preparación do pan ten varias fases segundo a indicación xeográfica e da denominación de orixe.[5]
- Amasado manual durante un mínimo de 60 minutos, 45 se é a máquina.
- Reposo («Durmi-lo neno») durante uns 45 ou 60 minutos, segundo as condicións ambientais.
- División da masa («Tasar») de xeito manual en porcións de 1,5 kg ou 0,75 kg.
- Reamasado («Tendas»), volta a amasar o pan 25 a 30 minutos en tres xeiras ou só dúas se as condicións ambientais o permiten.
- Enfornado, faise un corte transversal («fenda») no centro da parte superior da masa e vai para o forno.
- Cocción, cheo o forno quedan as pezas un mínimo de 120 minutos co forno pechado.
- Rever, as pezas de pan, unha vez sacadas do forno, deben permanecer en maduración, arrefriando un mínimo dunha hora en estantes de madeira.
Características
[editar | editar a fonte]Os bolos de pan de Cea teñen forma longa e redondeada nos extremos, cunha fenda transversal enriba. A forma dos pans ten dúas medidas e formas características:
- A peza ou «Poia» dun peso entre 1 e 1,2 kg. Dunhas medidas aproximadas do dobre de longas que anchas: ancho entre 15 e 18 cm e longo entre 32 e 38 cm.
- A media peza ou «Molete» 0,5 ou 0,6 kg. Dobre de longo que ancho: 9 e 11 cm e un longo entre 22 e 27 cm.
A codia é grosa, de espesor variable de entre 0,5 e 1 cm. Consistencia dura e ríxida, con rotura renxente e con tendencia a facer lascas. A cor vai dende o dourado ata castaño escuro, de sabor a tostado.
O miolo é de textura esponxosa, fibrosa e firme, alveolado non moi abundante, distribuído de forma irregular e de tamaño moi variable, non uniforme. Ten cor apergamiñada, lembra ao gran de trigo enteiro, é de sabor intenso a trigo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Orde do 16 de abril de 2004, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural (DOG 23.04.2004)
- ↑ Reglamento (CE) nº 205/2005 de la Comisión, de 4 de febrero de 2005, que completa el anexo del Reglamento (CE) nº 2400/96 en lo que atañe al registro de determinadas denominaciones en el Registro de Denominaciones de Origen Protegidas y de Indicaciones Geográficas Protegidas (Valdemone - [DOP, Queso Ibores - [DOP], Pera de Jumilla - [DOP], Aceite de Terra Alta u Oli de Terra Alta - [DOP], Sierra de Cádiz - [DOP], Requeijão Serra da Estrela - [DOP], Zafferano dell'Aquila - [DOP], Zafferano di San Gimignano - [DOP], Mantecadas de Astorga - [IGP] y Pan de Cea - [IGP])].
- ↑ "IXP Pan de Cea | Portal da Consellería do Medio Rural". mediorural.xunta.gal. Consultado o 2021-12-15.
- ↑ O Produto: Elaboración - CRIXP Pan de Cea
- ↑ Publicación de una solicitud de registro con arreglo al apartado 2 del artículo 6 del Reglamento(CEE) 2081/92 del Consejo, relativo a la protección de las indicaciones geográficas y de las denominaciones de origen (2004/C 98/09) Diario Oficial de la Unión Europea N CE: ES/00310/20.8.2003