Patente
Unha patente é un conxunto de dereitos exclusivos garantidos por un goberno ou autoridade ó inventor dun novo produto (material ou inmaterial) susceptible de seren explotado industrialmente ou ben ó solicitante desa invención (como representante, por exemplo) por un espazo limitado de tempo (xeralmente 20 anos dende a data da aprobación). Este termo deriva do latín patens, -entis, que orixinalmente tiña o significado de estar aberto, ó descuberto (á inspección pública) e da expresión letras patentes, que eran decretos reais que garantían dereitos exclusivos a certos individuos ou negocios. Segundo a definición orixinal da palabra, unha das finalidades da lexislación sobre patentes é a de inducir ó inventor a revelar o coñecemento para o avance da sociedade a cambio da exclusividade durante un período limitado de tempo. Logo unha patente é un garante dun monopolio de explotación da idea ou aparello por un certo tempo.
Dereitos garantidos e dereitos non garantidos
[editar | editar a fonte]Os sistemas modernos de patentes proporcionan o dereito de excluír ós demais de crear, usar, vender, comerciar ou importar o produto patentado. Xeralmente fanse respectar mediante leis civís ou contratos de aceptación de licenza. Por outra banda, os gobernos resérvanse o dereito de anular ou suspender a patente á vontade.
Unha solicitude de patente debe explicar como poñer en práctica (isto é, construír e/ou usar) o invento e debe incluír unha descrición que poña de manifesto o seu carácter innovador. O estilo lingüístico das descricións varían moito dun país a outro e adoitan ser longas e complexas.
Leis de patentes
[editar | editar a fonte]Nestes momentos hai un número significativo de tratados internacionais sobre leis que afectas ó sistema de patentes. O máis estendido é o da Organización Mundial do Comercio (OMC) (World Trade Organization, WTO) denominado Acordo sobre os aspectos comercias dos dereitos de propiedade intelectual (Agreement on Trade-Related Aspects of Intellectual Property Rights), do que forman parte case todos os países, o que leva a unha harmonización significativa das leis de patentes en todo o mundo.
As patentes son, pola súa natureza, territoriais, polo que para obter dereitos de patente en múltiples países é preciso presentar a correspondente solicitude en cada un deles. En Europa, o procedemento de solicitude de patentes realízase de forma centralizada a través da Oficina Europea de Patentes, e, de resultar concedida, será válida en todos os países integrantes da Unión Europea.
Proceso de análise e trámites de aprobación
[editar | editar a fonte]Antes de que un produto determinado sexa aprobado como patente ten que ser avaliado por un experto en patentes. Algúns países non examinan solicitudes de patentes de xeito formal, e outros aceptan o xuízo doutras autoridades externas (por exemplo, algúns países poden garantir automaticamente unha patente se os Estados Unidos, a Unión Europea ou o Xapón a aprobaron previamente).
Os trámites administrativos típicos son:
- O solicitante ten que encher unha solicitude de patente.
- Revisión do examinador, incluíndo negociacións cos solicitantes para modificar o estilo lingüístico da descrición.
- Publicación para permitir oposición, isto é, ábrese un período de tempo no que outras empresas e inventores poden atacar a patente proposta. Isto non existe no sistema de patentes dos Estados Unidos.
- Aprobación da patente se os estándares se cumpren.
As características técnicas e conceptuais máis específicas do proceso de avaliación son:
- Verificar que a solicitude que se reclama se refire a un obxecto susceptible de ser patentado.
- Cada solicitude de patente debe referirse só a unha única invención.
- A descrición do obxecto patentable ha manter a corrección formal, isto é, ser gramaticalmente correcto, estar ben descrito e non conter ambigüidades.
- Debe ser unha utilidade ou ter aplicacións industriais.
- Ha constituír unha novidade.
- Ha ser unha contribución real, non obvia.
Os diferentes sistemas de patentes usan termos distintos e diferentes estándares para estes conceptos, dos que os máis importantes son: obxecto susceptible de ser patentado, novidade e non obviedade.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]- Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM).
- Oficina Europea de Patentes (EPO, European Patents Office).
- Mesa Galega pola Libre Innovación (MGLI, www.mesagalega.info).
Links
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Patente |