Saltar ao contido

Consello Soberano de Asturias e León

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo do Consello Soberano de Asturias e León

O Consello Soberano de Asturias e León foi unha institución política soberana e independente proclamada en Xixón o 25 de agosto de 1937, co pano de fondo da guerra civil española. Os avances das tropas do xeneral Franco na fronte norte tomando Santander, levaron ás autoridades republicanas en Asturias a declarar soberano e independente da República española ao Consello Interprovincial de Asturias e León coa intención de volver integrarse nela "á vista dos acontecementos favorábeis que se produzan durante curso da guerra".

Historia e características

[editar | editar a fonte]
Fronte do norte

A situación de illamento da fronte do norte, a 200 quilómetros en liña recta das posicións republicanas máis próximas, coa subseguinte escaseza de abastecementos bélicos e alimentarios, propiciou que poderes locais asumiran funcións que eran competencia do goberno da República, coma o mando das milicias ou a cuñaxe de moedas. En Asturias, onde a UXT e a CNT tiñan unha grande implantación, vivírase unha especie de revolución de carácter socialista con tinguidura libertarias.

Declaración de soberanía

[editar | editar a fonte]

O 24 de agosto firmase o decreto que establece a soberanía dos territorios administrados polo Consello Interprovincial de Asturias e León pasando a ser entón o Consello Soberano de Asturias e León. O 26 de agosto sairía publicado na prensa dito decreto. Adoitase dar a data do 25 de agosto como a que entrou en vigor a declaración de soberanía do Consello.

Reaccións políticas

[editar | editar a fonte]

O Consello Soberano −que se atribuíra poderes que eran competencia única do Goberno da República− presidíao Belarmino Tomás e nel estaban representadas as diferentes organizacións políticas e sindicais do bando republicano en Asturias como a FSA-PSOE, a CNT, a FAI, a JJLL, a JSU, o PCE, a UXT e Izquierda Republicana. Unha parte destas organizacións da Fronte Popular criticará a actuación, cualificando a idea de prexudicial, antiunitaria e cantonalista.

A idea do Consello Soberano era apoiada por Belarmino Tomás e a maioría de dirixentes do PSOE, así como por Segundo Blanco e outros responsábeis da CNT. O PCE criticou a decisión. Rafael Fernández, secretario xeral das federacións asturianas do PSOE e a JSU, condenou o decreto e a soberanía. Os dous representantes da UXT tiveron unha opinión diferente cada un. Os conselleiros de Izquierda Republicana reprobaron a decisión.

As tensións creadas levaron a enfrontamentos entre algúns conselleiros que en ocasións chegaron aos insultos persoais. O Goberno da República censurou a actitude do Consello Soberano, sobre todo cando este se dirixiu á Sociedade de Nacións. O Ministro da Gobernación transmitiu a Belarmino Tomás "a súa sorpresa e o seu desgusto".

Organización

[editar | editar a fonte]
Cargo Nome Organización
Presidencia e Guerra Belarmino Tomás PSOE
Industria Segundo Blanco CNT
Traballo Onofre García FAI
Sanidade Ramón G. Posada JJ LL
Facenda Rafael Fernández JSU
Xustiza e Orde Pública Luis Roca de Albornoz /
Rafael Fernández
JSU
Agricultura Gonzalo López PCE
Mariña Mercante Valentín Calleja UGT
Pesca Ramón Álvarez Palomo FAI
Instrución Pública Juan Ambou PCE
Obras Públicas José Maldonado Izq. Rep.
Asistencia Social Maximiliano Llamedo CNT
Comercio Amador Fernández PSOE
Comunicacións Avelino Roces UGT
Propaganda Antonio Ortega Izq. Rep.

O Consello Soberano, ao que se lle coñeceu popularmente coma o Gobernín, dividiuse en cinco comisións que agrupaban cada unha varias consellerías:

  • Comisión militar: Delegado do Goberno e Presidente do Consello, Xefe do E. M. do C. de Exército, Industria, Instrución Pública e Traballo.
  • Comisión de Abastecementos, Evacuación e Transportes: Comercio, Pesca, Mariña Mercante e Obras Públicas.
  • Comisión de Xustiza, Orde Pública, Propaganda e Comunicacións: Facenda, Comunicacións e Propaganda.
  • Comisión de Asistencia Social e Sanidade: Asistencia Social e Sanidade.
  • Comisión de Economía: Agricultura e Xustiza.

Á dereita pódese ver unha táboa coas distintas consellerías, os seus titulares e a organización á que estes pertencían.

Así fóronse organizando os distintos servizos da administración ata que chegou o momento da evacuación na noite do 20 de outubro de 1937. A última reunión do Consello Soberano celebrouse o mesmo día 20 de outubro pola tarde. Ao día seguinte, as tropas do bando nacional entraban en Xixón.

O Consello Soberano emitiu billetes divisionarios ao non existir moeda suficiente debido ao illamento no que se encontraba Asturias. Estes billetes foron coñecidos popularmente como belarminos.

Tras a caída

[editar | editar a fonte]

A caída de Asturias propiciou ao bando nacional a posibilidade de enviar as tropas que tomaran parte nesta campaña a reforzar outras frontes e permitiulle contar coas industrias e recursos coas que contaban esta rexión. No bando republicano analizáronse as consecuencias que provocaron a perda do norte, como mostra o artigo titulado ¿Por qué se perdió el Norte? publicado en El Socialista o 30 de outubro de 1937, onde se fai fincapé na falta de unidade e de decisións políticas que prexudicaron plans militares.

Cronoloxía

[editar | editar a fonte]
  • 24 de agosto: Fírmase o decreto mediante o cal o Consello Interprovincial de Asturias e León se transforma en Consello Soberano de Asturias e León.
  • 25 de agosto: Entra en vigor o decreto anterior.
  • 26 de agosto: O mencionado decreto sae publicado na prensa.
  • 29 de agosto: O Consello Soberano cesa ao xeneral Gamir Ulibarri e nomea xefe militar da rexión ao coronel Prada.
  • 4 de setembro: As tropas nacionais intérnanse en Asturias.
  • 5 de setembro: As tropas nacionais ocupan Llanes.
  • 20 de setembro: Aranda ocupa o porto de Payares.
  • 1 de outubro: As tropas nacionais ocupan Covadonga.
  • 17 de outubro: A 4ª Brigada navarra atravesa o río Sella. O Consejo Soberano decide a evacuación do territorio.
  • 20 de outubro: Última reunión do Consello Soberano. Iníciase a evacuación marítima desde Xixón.
  • 21 de outubro: As tropas nacionais entran en Xixón e Avilés, finalizando desta maneira a campaña do norte.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]