Ermanno Olmi
Ermanno Olmi, nado en Treviglio (Bérgamo) o 24 de xullo de 1931 e finado en Asiago (Vicenza) o 7 de maio de 2018[1] foi un director de cinema e guionista italiano. Considérase un continuador dos principios estéticos e das aspiracións sociais e políticas do neorrealismo italiano.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado no seo dunha familia campesiña católica, quedou orfo cando o seu pai morreu na segunda guerra mundial. Non rematou os seus estudos secundarios e finalmente matriculouse na Academia da Arte Dramática de Milán para seguir os cursos de recitado. Mentres estudaba entrou a traballar na empresa EdisonVolta, na que xa estaba empregada a súa nai. Olmi rodou para EdisonVolta máis de corenta documentais entre 1953 e 1961.
En 1959 estreou a súa primeira longametraxe, Il tempo si è fermato, no que narra a amizade entre un estudante e o garda dunha presa nunha paraxe solitaria de alta montaña. O emprego (1961) gañou o premio da crítica no Festival de Venecia. En 1977 Olmi rodou a súa obra mestra, A árbore dos zocos, co que gañou a Palma de Ouro no Festival de Cannes.
Durante uns anos estivo apartado da actividade cinematográfica por unha enfermidade. O guión no que estaba traballando nese tempo, sobre as súas lembranzas da guerra en Italia, finalmente foi convertido nunha novela, Ragazzo della Bovisa. Regresou en 1987 con Lunga vita alla signora! e o ano seguinte gañou o León de Ouro no Festival de Venecia con A lenda do santo bebedor, baseado nun conto de Joseph Roth. Con Il segreto del bosco vecchio (1993), protagonizado por Paolo Villaggio, rompeu o seu costume de recorrer a actores non profesionais ou pouco coñecidos.
O seu filme de 2001 Il mestiere delle armi, baseado na figura do condottiero Giovanni de Médicis recibiu boas críticas e gañou nove premios David di Donatello.
Filmografía
[editar | editar a fonte]- Il tempo si è fermato (1958)
- O emprego (1961)
- I fidanzati (1963)
- E venne un uomo (1965)
- Un certo giorno (1968)
- A árbore dos zocos (1978)
- Cammina cammina (1983)
- Lunga vita alla signora! (1987)
- A lenda do santo bebedor (1988)
- 12 registi per 12 città (1989). Documental colectivo
- Lungo il fiume (1992)
- Il segreto del bosco vecchio (1993)
- Il denaro non esiste (1999)
- Il mestiere delle armi (2001)
- Cantando dietro i paraventi (2003)
- Tickets (2005). Codirixido con Abbas Kiarostami e Ken Loach
- Centochiodi (2007)
- Il villaggio di cartone (2011)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Wakeman, John (editor): World Film Directors. Nova York: The H.W. Wilson Company, 1988. Volume 2: 1945-1985, pp. 710–715.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ermanno Olmi na IMDb (en inglés).