Uxío Novoneyra
(2011) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de xaneiro de 1930 Parada, España |
Morte | 30 de outubro de 1999 (69 anos) Santiago de Compostela, España |
Lugar de sepultura | Casa Museo de Uxío Novoneyra (2022–) Lugo (1999–2022) |
Actividade | |
Ocupación | escritor, poeta |
Xénero artístico | Poesía |
Familia | |
Cónxuxe | Elba Rei |
Fillos | Branca-Petra, Uxío e Arturo |
Pais | Xosé Novo López e Manuela Neira Bello |
Premios | |
| |
Uxío Novoneyra, nado como Eugenio Novo Neira en Parada (Seoane do Courel, no concello de Folgoso do Courel)[1] o 19 de xaneiro de 1930[2] e finado en Santiago de Compostela o 30 de outubro de 1999, foi un poeta e escritor galego. Sendo fillo dunha familia de labregos, O Courel foi o principal referente físico para os seus versos, considerados dos mellores no tocante á paisaxística, dentro da literatura galega. Xosé Luís Méndez Ferrín encadrouno dentro da Xeración das Festas Minervais. A Real Academia Galega escolleuno como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 2010.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Cronobiografía de Uxío Novoneyra.
Orixe e formación
[editar | editar a fonte]Os seus pais foron Xosé Novo López, labrego podente, e Manuela Neira Bello, que tiveron tres fillos: José (morto en 1936), Elisa e o propio Uxío. Era sobriño de Manuel Novo López. Estudou o bacharelato en Lugo, desde 1942 a 1948, e obtivo o título de bacharel en 1951. Traba amizade con Manuel María en 1945 e con María Mariño en 1947. Tamén coñeceu en Lugo a Luís Pimentel.[3]
En 1948 matriculouse por libre na facultade de Filosofía e Letras en Madrid, onde comezou a escribir poemas en castelán, como os publicados na revista universitaria Bengala. Coñeceu alí a Xesús Alonso Montero, que chega a Madrid, á mesma facultade, en 1948, quen conservou o que di ser o seu primeiro libro de poemas, Abrojos. Poemas cortos, inédito ata que no 2002 Alonso Montero publicou nove dos seus 36 poemas, moi breves e manuscritos.[4] Nestes anos de estudante consagrouse intensamente á lectura de poesía dos máis diversos autores e adquiriu certa sona como recitador de poemas.[5] Dos anos 1950-51 datan as coleccións de poemas tituladas Poemas de Dios e Caurel, de onde saíron Os Eidos. Luz Pozo Garza publicará no ano 2000, na revista Clave Orión algúns destes poemas.
En 1952 fixo o servizo militar, en Parga, primeiro, e Santiago de Compostela, despois, e recupera o contacto con Manuel María, quen xa publicara Muiñeiro de brétemas na Colección Benito Soto. A finais dese mesmo ano comezou a escribir os poemas que darían lugar a Os Eidos:
"Aquel año [1952] escribí el primer gran núcleo de 'Os Eidos'
Nesta época en Santiago coñeceu e tratou a Carlos Maside, Ramón Piñeiro e Ramón Otero Pedrayo, aos que se debe a decisión adoptada nese mesmo ano de 1952 de escribir en galego, lingua que xa non deixaría nunca.
Eu chegara a Compostela, eu estivera en Compostela no 52, cando cheguei de soldado con Manuel María, e encontreime con aquela peña espléndida que se reunía no café Español, onde está hoxe a delegación da Voz de Galicia. Era unha peña á que asistía Pedraio, Maside, Piñeiro, García Sabell, Ferrín...
A influencia de Piñeiro sobre a formación de Novoneyra, así como a do seu compañeiro Manuel María, é descrita así por Raimundo García Domínguez, Borobó:
Tamén serían os dous poetas lugueses cecáis os primeiros mozos en acercarse á mesa camilla de Ramón Piñeiro, recén chegado entón a Compostela. Alí poideron recibir do metafísico da saudade as suas leccións precisas, nidias, que descubrían ós despertos rapaces un luminoso horizonte, pra eles denantes enteiramente nubrado, anque soñado, en canto ao pasado e o porvir da sociedade e da cultura galegas.
Década dos 50
[editar | editar a fonte]En 1953 enfermou de pleuresía e recluíuse no Courel, onde permaneceu ata 1962, salvo breves viaxes a Santiago, Lugo, Madrid etc. Foi durante esta estadía no Courel cando coincidiu con María Mariño, coa que establecería unha longa relación literaria.[a]
En 1955 publicou Os Eidos, con poemas escritos entre 1952 e 1953. Trátase dun poemario co que comeza un ciclo poético que continuará durante moitos anos, con novos poemas (Os Eidos 2, 1974) e modificacións nos primeiros. O libro foi prologado por Ramón Piñeiro, que o define como "voz da terra" e destaca o lirismo telúrico do poeta.
A saudade como doenza e o amor como tentativa de curación son os dous polos en que aitualmente afinca a vida espiritoal do poeta das terras outas e soias do Caurel.
O mesmo Piñeiro recolle na lapela do libro o feito de que Uxío estaba traballando daquela noutro libro de poemas, O libro das Cantigas, e unha obra de teatro, A noite é máis que unha pecha escuridade, que nunca se chegaron a publicar.
A publicación da obra Os Eidos veu confirmar definitivamente a sona que por entón xa estaba conseguindo Novoneyra. A prensa da época xa recollera diversas opinións laudatorias da súa poesía, da pluma de Otero Pedrayo ou Isidoro Millán González-Pardo (1955), corroboradas posteriormente por Ánxel Fole, Borobó ou Xosé Luís Franco Grande (en diversos medios, entre 1959 e 1962).
No mesmo ano de 1955 comezou a publicar poesías en diarios e revistas como Vida Gallega (onde publicaría un total de 15 poemas ata 1961), Aturuxo, Follas Secas, Luzes de Galiza, Nordés, Ólisbos, Dorna, Ronsel e outros moitos. Igualmente, é incluído por vez primeira nunha antoloxía poética galega, editada por Francisco Fernández del Riego (Escolma de poesía galega. IV. Os contemporáneos, Galaxia 1955). En 1959 aparecería de novo noutra antoloxía e, posteriormente, en moitas outras.
O 22 de febreiro de 1957 interveu no chamado Homenaje a la poesía gallega, celebrado en Santiago, xunto a prestixiosas firmas da literatura galega e galeguista. El mesmo cualificou o acto como "o primeiro que houbo na Compostela da posguerra", e a súa participación consistiu nun recital de poesía medieval. A impresión que causou Novoneyra quedou reflectida en La Noche con estas opinións de Borobó:
Si a alguien se le puede llamar trovador en este tiempo gallego es a Novoneyra, trovador de sus propias trovas, segrel de las de los demás, juglar bajado del Caurel a las ciudades...
ou de Xosé Manuel López Nogueira:
En verdad que todos hemos quedado perplejos. El que esto escribe no cree que sea posible repetir -por otra persona- la actuación lírica del viernes, la maravillosa lección de 'resurrección poético-espiritual' del arte del Medioevo gallego que ha dado Novoneyra. Y cree que ella ha sido posible en virtud de la íntima identificación que tiene este poeta con la poesía gallega legítima.
Anos máis tarde (1985) Franco Grande lembraba así aquel recital:
Novoneyra dominou o ambiente. Recitou con mestría os poemas dos Cancioneiros, dicía os seus poemas como se fosen propios, tanto que os poemas de Torneol ou de Bernal de Bonaval semellaban dos nosos días.
Década dos 60
[editar | editar a fonte]En 1962, Novoneyra regresou a Madrid.[6] En Madrid comezou a traballar na radio e mais na televisión, dirixindo diversos espazos culturais dedicados aos grandes poetas españois e internacionais, sen esquecer os galegos. Simultaneamente asistía ós faladoiros do Café Gijón, onde coñeceu os membros do grupo galeguista Brais Pinto, especialmente o pintor Reimundo Patiño.
Publicou en 1966 Elegías del Caurel y otros poemas, nunha edición bilingüe en castelán e galego.[b] Naquel mesmo ano deixou Madrid e regresou ao Caurel, para atender os seus pais, xa vellos e enfermos: o pai morrería en 1971 e a nai en 1973.
En 1967 escribiu o poema Vietnam canto,[7] como colaboración para un libro que se ía titular Con Vietnam pero que nunca viu o prelo. O seu poema publicouse ao cabo en 1969 na Revista Exterior de Poesía Hispana. Con este texto xorde un Novoneyra máis vindicativo e politizado, menos lírico e intimista.
Durante as últimas fases da enfermidade da nai, esta foi atendida por Elba Rei, enfermeira á que Uxío coñecera en Lugo en 1968.
Década dos 70
[editar | editar a fonte]Elba e Uxío casaron o 5 de xaneiro de 1973 e tiveron tres fillos: Branca-Petra, Uxío e mais Arturo; amais doutro que só viviu uns poucos días.
Xa non se oi o río.
Vai nacer outro Uxío
pra que siga o Pasado.
(De "A Elva que veu pro Courel", 1981, en Os Eidos. Libro do Courel)
1974 foi o ano da publicación d´Os Eidos II, que recolle poemas escritos entre 1954 e 1957 e outros posteriores nos que evidencia o compromiso político desta nova etapa entre os que destaca Letanía de Galicia:[8]
GALICIA da door chora ... á forza
GALICIA da tristura triste ... á forza
GALICIA do silencio calada ... á forza
GALICIA da fame emigrante ... á forza
GALICIA vendada cega ... á forza
GALICIA tapeada xorda ... á forza
GALICIA atrelada queda ... á forza
En 1981 edítanse conxuntamente tódolos poemas que conformaban os dous tomos d´Os Eidos, nun libro titulado Os Eidos. Libro do Courel. Nesta recompilación e depuración do seu ciclo courelán, algúns dos poemas mostran modificacións do propio autor respecto ás edicións orixinais de 1955 e 1974. Este libro conxunto veu sucesivas reedicións ao longo dos anos, algunhas con novos engadidos, como o glosario final que inclúe nunha edición de 1985. Mesmo, en 1988, o poeta donostiarra Koldo Izaguirre publica unha edición bilingüe en éuscaro e galego baixo o título Bazterrak / Os Eidos, I e II.
Fíxome unha gran ilusión recibir os dous tomos da versión de Os Eidos ó milenario eusquera. E góstame moito "Bazterrak" como título.
Vexo moi ben que non fixeses unha versión rimada. Horrorízanme.[9]
O propio Novoneyra estaba preparando, no momento da súa morte, unha edición bilingüe galego-castelán, que en 2010 aínda non viu o prelo.
En 1979 publica Poemas caligráficos, libro que combina a poesía e a peculiar caligrafía de Novoneyra [10] coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e Reimundo Patiño, quen prologa o poemario. Os textos están vinculados á vangarda pictórica organizada arredor do Grupo Brais Pinto.
Década dos 80
[editar | editar a fonte]En 1983 deixou O Courel para se radicar definitivamente en Santiago de Compostela. O ano anterior fora elixido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ocupou, tras sucesivas confirmacións, ata a súa morte.[11]
Cando eu, no ano 1982, dixen que xa non me apetecía seguir de presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, el, de bo xorne, substituíume, e, sempre de bo xorne, ano tras ano, foi mantendo con dignidade e eficacia ese cargo de presidente e morreu como tal (Bernardino Graña)
Xosé Luís Méndez Ferrín publicou en 1984 De Pondal a Novoneyra, libro de crítica literaria que percorre a obra dos poetas galegos máis sobresaíntes. Poñer á par a Eduardo Pondal e a Novoneyra reflicte a sona que xa alcanzara este e contribúe definitivamente á súa canonización.
En 1986 aparece Muller pra lonxe, con poemas pasionais e amorosos escritos entre 1955 e 1985 xa publicados anteriormente en revistas e obras colectivas. Está ilustrado polo pintor lugués Carlos Pardo Teijeiro.
Andas as rúas
como se fora a praia.
ouh muller pra lonxe
chegas do norde
pasas da saga á cántiga
levando sola a gran imaxe
Poesía obxectual, paisaxística, cósmica, existencial, cívica e amorosa ao mesmo tempo. Poesía de amor, porque, como todos os grandes poetas, Uxío Novoneyra é tamén un poeta de amor (Claudio Rodríguez Fer)
Outra compilación de poemas escritos ao longo de 30 anos, Do Courel a Compostela,[12] apareceu en 1986. Son, sobre todo, poemas políticos, sen faltar textos intimistas e amorosos.[13] O libro está ilustrado por Laxeiro, Maside, Lorente, e acompáñase dunha antoloxía crítica de sonadas firmas sobre o autor.
Década dos 90
[editar | editar a fonte]En 1991 publicou o seu primeiro libro de narrativa, O cubil do xabaril, libro de contos infantís ambientados na xeografía courelá. A este libro seguirán outros dous coa mesma temática: Gorgorín e Cabezón (1992) e Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998).
Nese mesmo ano reeditouse Elegías del Caurel y otros poemas (que publicara en 1966)[14] pero agora baixo o título Tempo de elexía. Como noutras ocasións, o autor modifica algúns textos e engade poemas que publicara noutros medios.
En 1994 editou Poemas de doada certeza (i este brillo premido entre as pálpebras), e en 1998 Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.
Por fin, en 1999, xa enfermo e imposibilitado para poder visitar O Courel como gustaba facer, publicouse Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas,[15] con fotografías de Federico García Cabezón e algúns textos caligráficos do autor.
"Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas" leva xa no título a idea de extravío do camiño previamente marcado, como unha busca permanente a través da saída por carreiros agochados ou pouco coñecidos. E así como se cantan as antigas vías de peregrinaxe a Santiago, Novoneyra recrea aqueloutras vías e rotas afastadas tan amadas. Nelas perdura a memoria dos camiñantes de 'Os Eidos', figuras ensumidas nas voltas dun camiño labiríntico da serra que é tamén o camiño da existencia (Olga Novo)
Novoneyra morreu no Hospital Gil Casares de Santiago de Compostela, ás 11 da mañá do sábado 30 de outubro de 1999, sendo velado en San Domingos de Bonaval. Foi enterrado no cemiterio lugués de San Froilán.
As campás de todo o Courel e de Compostela rendiron como unha soa voz a homenaxe de Galicia ó seu poeta, persoeiro primeiro velado no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval
O 14 de xaneiro de 2022, conforme ao seu desexo, os seus restos mortais foron trasladados desde Lugo até a súa casa en Parada do Courel.[16]
Estilo
[editar | editar a fonte]Nos seus textos, Novoneyra explicitou o seu compromiso nacionalista e marxista, sen deixar de preocuparse en ningún momento pola forma poética e pola linguaxe. Formalmente, procuraba o mellor resultado visual e —sobre todo— sonoro para os textos (botando man para tal efecto de diversos recursos como o fonosimbolismo, a utilización de dialectalismos, os silencios, o simbolismo gráfico etc.). As poucas palabras empregadas pretenden evocar dun modo máxico o mundo no que o home está inmerso, designando as cousas para que estas aparezan perante nós.
Cómpre tamén lembrar o seu compromiso público e constante con Galicia:
É xa hora de que señas toda patria dos teus
dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus
e señas dona de ti e señora de falar
señora de decidir e dona de se negar
así como tamén coa lingua, á que define como "o único sitio onde seguen vivos os antepasados, a única forma audible de supervivencia". E faino tanto como escritor individual ou como presidente da AELG, compromiso que quedou patente en numerosas ocasións, como nesta entrevista que lle fan en 1998:
Ninguén dubida xa da nosa identidade, nin os inimigos da lingua propia, que anque non a queiran nin a falen será sempre o galego. Repito: hai cousas que non as escolle un, escolleunas a historia.[17]
Obra
[editar | editar a fonte]Resulta difícil sistematizar a obra publicada por Uxío Novoneyra, xa que resultou frecuente que publicase os mesmos poemas, con modificacións máis ou menos relevantes, en libros distintos. De por parte, moitos deles foron publicados en xornais, revistas ou doutra forma antes de aparecer nun dos seus libros, tamén, a miúdo, modificados.
Houbo algún poema ou obra que lle dera moito traballo?
Algún poema ten centos de horas de traballo. E algún libro anos e anos. Certa Poesía hai que sometela a presión até que nada sobre do que a emoción non depurou, porque a emoción depura a palabra [18]
- Os Eidos, Galaxia, Vigo 1955. Dedicado a Maside e a Ramón Piñeiro, que á súa vez escribe o prólogo. O libro foi escrito en 1952 e primeiros de 1953.
- Elegías del Caurel y otros poemas, Ediciones Rialp (colección Adonais), Madrid 1966. DL M-4065-1966. É unha edición bilingüe galego-castelán. Estrutúrase en tres partes: Elegías del Caurel, Primera verdad y tiempo con nombres e Elegías de Madrid.[14] Foi reeditado, con variacións e novos poemas, en 1991, baixo o título Tempo de elexía.
- Os Eidos II, Galaxia, Vigo 1974. ISBN 84-7154-221-8. Inclúe o poema Letanía de Galicia,[19] que, por veces, aparece como subtítulo. Contén poemas escritos entre 1954 e 1957 e está dedicado a María Mariño e á memoria dos seus pais, mortos había pouco. O libro ilústrase con debuxos de Laxeiro.
- Poemas caligráficos, Número 1º dos Cuadernos da Guadaña, Brais Pinto, Madrid 1979. ISBN 84-85171-05-5. Tampouco, neste caso, os poemas son inéditos, pero aquí aparecen caligrafiados polo autor. Reimundo Patiño escribe o limiar.
- Os Eidos. Libro do Courel, Colección Grandes Mestres nº 1, Xerais, Vigo 1981. ISBN 84-7507-020-5. Reúne os textos d' Os Eidos e d' Os Eidos II, xunto algún poema posterior. Novamente, os poemas están depurados e recolocados.
- Muller pra lonxe, Deputación de Lugo, Lugo 1986. ISBN 84-505-4535-8. Poemas de amor, uns coñecidos e outros novos, e con caligrafías do autor.
- Do Courel a Compostela, Sotelo Blanco, Santiago de Compostela 1988. ISBN 84-86021-80-4. Tamén, con poemas coñecidos, publicados noutros libros ou noutros medios.
- O cubil de Xabarín, Edelvives, Madrid 1990. ISBN 84-263-1956-4.
- Tempo de elexía, Vía Láctea, Oleiros 1991. ISBN 84-86531-58-6. Véxase o que se dixo anteriormente en Elegías del Caurel y otros poemas.
- Gorgorín e Cabezón, Edelvives, Madrid 1992. ISBN 84-263-2170-4.
- Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras, Espiral Maior, A Coruña 1994. ISBN 84-88137-39-7. Poemas inéditos ou dispersos noutros libros.
- Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín, Edelvives, Zaragoza 1998. ISBN 84-263-3727-9.
- Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, Hércules de Ediciones e Xunta de Galicia, A Coruña 1998. ISBN 84-453-2306-7. Practicamente, todos textos novos. Novoneyra xa anunciara anteriormente que estaba traballando neste novo libro, ó que se refería como Libro de rotas. Ámeto mítico.
- En 2020 a Xunta de Galicia-Fundación Uxío Novoneyra publicaron Contos de Roxín Roxal, de Uxío Novoneyra. Son sete relatos dos que catro resultan rigorosamente inéditos e están acompañados dunha lectura plástica magnífica a cargo de Miguel Robledo. Ademais, cada unha das propostas achega un código QR ligado á audición nas voces de dous dos seus fillos -Branca e Uxío-, de Elba Rey, Manuel Jabois e Nieves Neira.[20][21]
En 1995 publicouse a obra colectiva Camelio xaponés, para a que Novoneyra traduciu sete versos xaponeses (xiikas) de Ayako Sugitani, á vez que esta traduciu ao xaponés tres poemas de Novoneyra.
A maiores, a súa obra comprende numerosos poemas publicados na prensa (Alborada, Atlántida, Aturuxo, Cerna, Clave Orión, Dorna, Encrucillada, Grial, La Noche, Ólisbos, Ronsel etc.) e en libros colectivos. Existen tamén textos (poemas, recitais, conferencias, pregóns etc.), algúns dos cales publicáronse en Cadernos Ramón Piñeiro XIV (2010).[22]
Finalmente, hai que lembrar a obra gráfica de Novoneyra, en forma de gravados e augafortes de temática variada.[23]
Outras obras colectivas
[editar | editar a fonte]- Antoloxía da poesía galega actual. Nordés (1978, Ediciós do Castro).
- III Festival da Poesía no Condado (1983, S. C. D. Condado).
- Os escritores lucenses arredor de Ánxel Fole (1986, Concello de Lugo).
- VII Festival da Poesia no Condado (1987, S. C. D. Condado).
- Desde mil novecentos trinta e seis: homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade (1995, Ediciós do Castro).
- Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (2003, Editorial Tris Tram). Por Arturo Casas.
- Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003, Fundación Araguaney).
- Poemas pola memoria (1936-2006) (2006, Xunta de Galicia).
- Poetízate. Antoloxía da poesía galega (2006, Xerais).
- Poemas coruñeses: antoloxía de textos poéticos dos séculos XIX e XX sobre a Coruña (2008, Espiral Maior).
Homenaxes
[editar | editar a fonte]Ademais das numerosas ocasións en que, na prensa ou en libros, distintos persoeiros enxalzaron a obra e traxectoria de Novoneyra, quer en vida ou quer trala súa morte,[24] pódense destacar os seguintes actos de homenaxe:
- No ano 2000, o concello das Pontes de García Rodríguez crea o Premio de poesía Uxío Novoneyra.
- En 2000, o concello de Folgoso do Courel crea o certame literario Uxío Novoneyra.
- Tamén en 2000, a Asociación de Escritores en Lingua Galega noméao socio de honra.
- En 2002 inaugúrase en Lugo o centro social Uxío Novoneyra.
- En 2005, o concello de Ordes gravou un texto de Novoneyra na placa do monumento en homenaxe ás vítimas do atentado terrorista do 11 de marzo de 2004.
- En 2006, Culleredo inaugura a biblioteca municipal Uxío Novoneyra, no Pazo Vila Melania.
O 27 de xuño de 2009, a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2010. A elección foi por unanimidade (agás un voto en branco), fronte ás outras propostas representadas por Ricardo Carballo Calero e Lois Pereiro.[25] Entre as razóns dadas para a súa elección estiveron a de ser un "excelente poeta, galeguista e profundamente democrático", "un poeta de entrega total, cunha obra en constante refacción, en continua forxa". A RAG destacou así mesmo a "oralidade da súa poesía, que adquiría matices especiais cando o mesmo poeta recitaba os seus propios versos. Unha proba máis do seu enraizamento co pobo e coa poesía popular".
Diversas cidades galegas bautizaron rúas co seu nome.[c] Pedrafita do Cebreiro fixo outro tanto cun colexio (CPI Poeta Uxío Novoneyra).[26]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ María Mariño e o seu home, Roberto Pose, foron vivir ó Courel por cousa dunha enfermidade deste, mentres que ela ocupou a escola de Parada.
- ↑ O orixinal foi escrito en galego, e traducido ao castelán polo propio Novoneyra.
- ↑ Como tal, Arteixo, Carral, Monforte de Lemos, As Nogais, Oleiros, Pontevedra ou Santiago.
- Referencias
- ↑ Na bibliografía consultada dáse habitualmente como lugar de nacemento "Parada de Moreda", no Courel, pero tal lugar non aparece no Nomenclátor actual, que recolle un "Parada" e un "Moreda", ámbolos dous lugares da parroquia de Seoane do Courel. No Rexistro Civil consta que naceu "en el pueblo de Parada" e que o pai era "natural y vecino de Parada" e a súa nai "natural de Pacios Cebrero -refírese a Pacios, da parroquia homónima do concello de Pedrafita do Cebreiro- y vecina de Parada". Nun dos poemas de Os Eidos designa a seu pai como José de Parada e nunha autobiografía que escribe en 1953, inédita, volve falar del como Xosé de Parada. Para máis abundar, cando o seu ingreso no Instituto de Lugo, presenta unha solicitude na que se describe como "natural y vecino de Parada".
- ↑ No Rexistro Civil citado antes, figura como data de nacemento o 22 de xaneiro. Na súa ficha de ingreso no Instituto de Lugo mantense esa data errónea.
- ↑ Ao que a biografía da Real Academia Galega cualifica como "mestre de poesía para os dous", en referencia a Manuel María.
- ↑ Alonso Montero. "Sobre o primeiro libro de Novoneyra (Abrojos, 1948) e outras páxinas súas". pp. 17-28. Boletín da Real Academia Galega, número 371 (2010)
- ↑ En 1953, Ramón Piñeiro menciona no prólogo a Os Eidos os "trunfos do poeta-rapsoda".
- ↑ Nesta decisión interviron María Victoria Fernández-España (Victoria Armesto) e o seu home Felipe Fernández Armesto (Augusto Assía). Segundo Manuel María, o matrimonio foino ver a Monforte de Lemos e propuxeron ir falar con Novoneyra no Courel: "Entón Assía... non, foi ela, díxolle: 'home, ti... aquí metido, ¿que porvir é isto para ti?".
- ↑ Poema Vietnam canto nun vídeo de YouTube
- ↑ "Letanía de Galicia". ogalego.eu. Consultado o 11/8/2018.
- ↑ Novoneyra en carta a Izaguirre, 3 de febreiro de 1987.
- ↑ Un exemplo da poesía caligráfica de Novoneyra pode verse no poema dedicado a Laxeiro en 1971, e que publicou El Correo Gallego o 21.7.2006 [1] Arquivado 14 de agosto de 2011 en Wayback Machine..
- ↑ Foi reelixido por última vez en abril de 1999, meses antes de morrer. Naquela ocasión manifestou que sería a última vez: "Fun reelixido sen presentarme no ano 1988 e aquí levo once anos. Isto xa é unha cousa insufrible. Que teñan preparado unha sucesión porque esta directiva non aceptará ningunha nova reelección no ano 2001" (La Voz de Galicia 14.4.1999).
- ↑ "Do Courel a Compostela". ogalego.eu. Consultado o 11/8/2018.
- ↑ Silvia R. Pontevedra: "El más sanguinario de O Courel" Reportaxe que contextualiza o poema a Manoel Cela de "Do Courel a Compostela 1956-86", El País, 23/6/2009.
- ↑ 14,0 14,1 Elegías del Caurel y otros poemas Arquivado 13 de febreiro de 2012 en Wayback Machine., en Google Books
- ↑ Dentro das publicacións editadas co gallo do Xacobeo'99.
- ↑ "Trasladan ao Courel os restos do poeta Uxío Novoneyra". Nós Diario. Consultado o 2022-01-15.
- ↑ Uxío Novoneyra. Dos soños teimosos. Preguntas de Emilio Araúxo. Noitarenga, Santiago 1998.
- ↑ Dunha entrevista dos alumnos do Instituto Xelmírez I (1986)
- ↑ Poema Letanía de Galicia nun vídeo de Youtube
- ↑ Nicolás, Ramón (2022-02-06). "Contos de Roxín Roxal, de Uxío Novoneyra". Caderno da crítica. Consultado o 2022-02-08.
- ↑ Mariño Davila, Esperanza L. (abril, maio, xuño 2022). "Tesouro antigo, nova colleita". Grial LX (234): 102–103. ISSN 0017-4181.
- ↑ Alonso Girgado, L. et al.: Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999). A casa! O val! a patria homilde! Arquivado 06 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.. CRP XIV. 2010.
- ↑ "Gravados de Novoneyra". Arquivado dende o orixinal o 19/01/2013. Consultado o 25/3/2010.
- ↑ Como tal, o número monográfico dobre da revista literaria Clave Orión, dedicado a Novoneyra e a Manuel María e publicado en 2001; ou o ensaio Uxío Novoneyra. Lingua Loaira, escrito por Olga Novo e premiado co Ánxel Fole en 2004.
- ↑ "Uxío Novoneyra protagonizará o Día das Letras do vindeiro ano" Arquivado 19 de setembro de 2019 en Wayback Machine. Galicia Hoxe, 28/6/2009.
- ↑ CPI Poeta Uxío Novoneyra
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Uxío Novoneyra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Novoneyra, Uxío". Diccionario enciclopédico galego universal 45. La Voz de Galicia. 2003-2004. pp. 57–58. ISBN 84-7680-429-6.
- "Novoneyra, Uxío". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1482. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Novoneyra, Uxío". Enciclopedia Galega Universal 12. Ir Indo. 1999-2002. p. 460. ISBN 84-7680-288-9.
- Alonso Girgado, L. et al.: Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999). A casa! O val! a patria homilde! Arquivado 26 de xuño de 2022 en Wayback Machine. CRP XIV. 2010. ISBN 978-84-453-4878-9.
- Alonso Villaverde, Fran (2010). Folerpas de Novoneyra, biografía e antoloxía. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-122-0. Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2019. Consultado o 06 de xaneiro de 2019.
- Benlloch, Kike; Rubín, David (2010). Uxío Novoneyra: A voz herdada. Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
- Blanco, Carmen. Novoneyra, Uxío. Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada 33.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 298. ISBN 84-7492-465-0.
- Méndez Ferrín, Xosé Luis (1984). De Pondal a Novoneyra. Edicións Xerais de Galicia. pp. 279–282. ISBN 84-7507-139-2.
- López García, Antónia (1993). Os camiños do soño (a poesía de Uxío Novoneyra). Edicións do Cumio. ISBN 978-84-87126-72-7.
- Rei Núñez, Luís (1990). Oficio de escribir. Ensaio. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-464-2.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da Literatura Galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 409–410. ISBN 84-8288-019-5.
- ——————, ed. (1997). Diccionario da Literatura Galega. Publicacións Periódicas II. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-137-X.
- ——————, ed. (2000). Diccionario da Literatura Galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. p. 161. ISBN 84-8288-365-8.
- VVAA: "Homenaxe a Novoneyra", La Voz de Galicia, suplemento Culturas nº 98, 5/10/1999.
- VVAA: Boletín da Real Academia Galega, número 371 (2010). Inclúe, entre outros artigos:
- Ana Acuña. "Presenza de Novoneyra en Madrid". pp. 7-15.
- Xesús Alonso Montero. "Sobre o primeiro libro de Novoneyra (Abrojos, 1948) e outras páxinas súas". pp. 17-28.
- Anxo Angueira. "Terra e pobo de Novoneyra". pp. 31-41.
- Carmen Blanco García. "A liberdade das amadas mulleres". pp. 43-51.
- Darío Xohán Cabana. "Aspectos formais da poesía de Novoneyra". pp. 53-59.
- Luís Cochón. "Romanceiro e cancioneiro". pp. 61-79.
- Xosé Ramón Freixeiro Mato. "Lingua e estilo na obra de Uxío Novoneyra". pp. 81-108.
- María Pilar García Negro. "Novoneyra: nova xeira a poesía como antídoto contra o ruído". pp. 109-123.
- Luís Alonso Girgado. "Diversidade interno-externa e multiplicidade textual en Uxío Novoneyra". pp. 125-130.
- Teresa López. "Os camiños á Idade Media na poesía de Uxío Novoneyra". pp. 131-144.
- Antón Lopo. "Uxío Novoneyra na distancia do lobo". pp. 145-149.
- Ramón Lorenzo. "Arredor dos Eidos de Novoneyra". pp. 151-171.
- Carlos Paulo Martínez Pereiro. "A palabra desdeñada e feita a man". pp. 173-187.
- María Xesús Nogueira Pereira. "Uxío Novoneyra e a lingua literaria". pp. 189-200.
- Branca Petra Novoneyra Rei. "Ata cando iste tempo de elexía?". pp. 201-204.
- Uxío Novoneyra Rei. "Lingoa sen maos o nacionalismo defensivo e crítico a prosa pública de…". pp. 205-215.
- Antón Patiño Pérez. "Escritura do corpo: os poemas caligráficos". pp. 217-232.
- Xosé Benito Reza. "Natureza e paisaxe do Courel". pp. 235-245.
- Claudio Rodríguez Fer. "Poetas da fala no labirinto das linguas. Correspondencia entre Valente e…". pp. 247-252.
- Olivia Rodríguez. "Novoneyra , recitador. Un exemplo de execución do verso libre (na lembranza de…". pp. 253-265.
- Manuel Rivas Barrós. "Uxío Novoneyra: o andar da eternidade". pp. 269-271.
- Margarita Ledo Andión. "Uxío Novoneyra Letras Galegas 2010". pp. 273-275.
- Darío Xohán Cabana. "Día das Letras Galegas 2010". pp. 277-280.
- Manuel González González. "Uxío Novoneyra coa lingua do seu pobo". pp. 281-285.
- Carmen Blanco García. "O poeta Novoneyra: a teima da terra e a peste da historia". pp. 48-59
- Claudio Rodríguez Fer. "O son da terra na poesía de Novoneyra". pp. 60-69
- Olga Novo. "O canto (des)comunal dos seres da serra. Uxío Novoneyra dicidor dos saberes do seu pobo". pp. 70-77
- Clodio González Pérez. "O Courel de Uxío Novoneyra. Achegamento á cultura popular". pp. 78-94
Outros artigos
[editar | editar a fonte]"Vietam canto", lido por Uxío Novoneyra, en YouTube. | |
Emilio Cao, sobre un poema de Novoneyra YouTube. | |
Canto de permanencia documental creativo, AS-PG, 2011. |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio oficial da Fundación Uxío Novoneyra.
- Figuras homenaxeadas Arquivado 10 de xullo de 2014 en Wayback Machine. Real Academia Galega.
- Uxío Novoneyra na Biblioteca Virtual Galega.
- Novo Neyra, Uxío na páxina da Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
- Centro de Documentación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.