Saltar ao contido

Centro de detención de Guantánamo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Prisioneiros no campo de detención de Guantánamo.

O centro de detención de Guantánamo é un cárcere de alta seguridade situada na Base Naval da Baía de Guantánamo, localizada na illa de Cuba. É unha propiedade estadounidense. Dende 2002, as autoridades estadounidenses usárona como centro de detención para detidos acusados de terrorismo, a maioría deles detidos en Afganistán durante a invasión deste país, que seguiu ós atentados do 11 de setembro de 2001.[1]

Guantánamo é só unha parte do sistema de campos de detención que mantén Estados Unidos no exterior, e que inclúe outros campos en Iraq e Afganistán. Ducias de detidos foron levados a Guantánamo dende outros centros de detención secretos da CIA.[2][3]

Base militar

[editar | editar a fonte]
Vista xeral da base naval de Guantánamo.

A base foi instalada na illa de Cuba durante a ocupación militar dos Estados Unidos que seguiu á guerra hispano-estadounidense de 1898. Tras independizarse Cuba dos Estados Unidos en 1902, a base seguiu baixo propiedade estadounidense protexida pola Emenda Platt. O 1 de xullo de 1904 entrou en vigor o acordo polo que Cuba arrenda a perpetuidade a base aos Estados Unidos. Cuba rexeita actualmente o acordo alegando que foi asinado baixo ameaza dunha nova invasión estadounidense.

Foi acondicionado o cárcere trala incursión en Afganistán, a finais de 2001. Dous días despois dos atentados do 11 de setembro de 2001, o Congreso dos Estados Unidos aprobou unha resolución pola que se outorgaba ó presidente George W. Bush unha autorización sen precedentes para empregar a forza contra "nacións, organizacións e individuos" que, segundo o seu criterio, estivesen relacionados en calquera xeito cos atentados ou con actos futuros de terrorismo internacional.

O 17 de setembro, o presidente Bush asinou un memorando no que autorizaba á CIA a instalar centros de detención fóra do territorio dos Estados Unidos. Este documento ten carácter secreto.

En novembro de 2001, George W. Bush asinou unha orde executiva en materia militar sobre "Detención, tratamento e axuizamento de certos estranxeiros na guerra contra o terrorismo", pola que autorizou ó Pentágono a manter a cidadáns non estadounidenses baixo custodia indefinida sen cargos. Os 20 primeiros prisioneiros chegaron o 11 de xaneiro de 2002.

  1. informe de Human Rights de 2003, en inglés.
  2. El Microscopio: ¿Los últimos días de Guantánamo?, Miguel Máiquez, 20minutos, 11 de outubro de 2008.
  3. Cronología de Guantánamo, EFE, vía 20minutos, 10 de novembro de 2008.